Páginas

viernes, 30 de mayo de 2025

CLUB DE LECTURA (14 - 2024/25)

   Nesta sesión do club de lectura seguimos traballando na representación de Os contos do Lobicán de Eva Mejuto.

  Hoxe comezamos a elaborar os títeres de calcetín dos nos nosos protagonistas e están quedando moi ben!!

Xa veredes que bonitos cando estean todos rematados!!
 

lunes, 26 de mayo de 2025

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Carla Martínez

  Acabamos o mes de maio con Carla Martínez e a súa nai, Guadalupe Pardo, participando na actividade As Familias contan. Elas viñeron a contarnos o libro O xogueteiro de Iván Suárez que é un conto con música para coro infantil e piano composta por Josu Elberdin.


   Carla e a súa nai escolleron este libro porque Carla e outras nenas e nenos do colexio que estudan na Escola de Música de Sober participaron en Ourencanto, que é un encontro de coros infantís no que cantaron e gravaron as cancións deste libro.

 

   Elas contáronos a historia dun vello xogueteiro coñecido polos seus marabillosos xoguetes e brinquedos que intentaba fabricar algo especial para si mesmo.


 Así que comezou a construir unha fermosa bolboreta chea de cores; pero... de súpeto, levantouse un vento terrible e a bolboreta caeu ao chan rompendo unha á. O xogueteiro quiso arranxala mais non foi quen e tivo botarse ao camiño e pedir axuda.

      No camiño atopou druidas que falaban e cantaban nunha lingua misteriosa e pallasos alegres que intentaron curala coa risa pero nada funcionou.

   Ata que ao final do camiño atopou unha rosa vermella que lle aconsellou buscar a solución no seu interior. O xogueteiro non sabía que significaban aquelas palabras pero colleu a bolboreta sen saber que facer e mentres lle daba unha aperta comezou a chorar.

    As bágoas do xogueteiro esvararon pola súa meixela e chegaron á bolboreta. Nese momento a bolboreta curouse e as súas cores volvéronse máis luminosas. O artesán entendeu o que quería dicir a rosa: "O amor podíao todo, mesmo o que semellaba imposible!"


   Se queredes escoitar toda a historia deste xogueteiro e a súa bolnoreta, podedes facelo no podcast que gravaron en Radiuvín.

  

 MOITAS  GRAZAS  ÁS  DÚAS  POR  VIR  A  TRAERNOS  ESTE CONTO  MUSICADO  CUN FINAL TAN  BONITO!!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

jueves, 22 de mayo de 2025

EXCURSIÓN Á CASA DA FONTE

    O pasado xoves día 22 de maio, os alumnos e alumnas de Educación Infantil disfrutaron dunha visita á granxa Casa da Fonte, organizada pola ANPA.

      Nesta visita puideron ver tódolos animais que viven na granxa e aprender un pouquiño sobre os seus coidados e a súa forma de vida. 

     Nada máis baixar do autobús xa puidemos ver aos primeiros animais. Un cabalo chamado Oreo, unha egua e o seu poldriño, dúas tenreiras que estaban tomando o almorzo e un año.





   Logo, despois de camiñar un anaco, chegamos xunto das galiñas. Alí vimos o galiñeiro, que van cambiando de sitio cada certo tempo. Ademais Saray contounos, entre outras cousas, que hai diferentes razas de galiñas e que algunhas poñen máis dun ovo cada día.



Seguimos camiñando e atopamos ás vacas. Había moitísimas!

Máis adiante están os polos. Vimos as súas casiñas e algunha crianza incluso se meteu dentro delas.

Camiñamos un anaco máis e chegamos á casiña dos porcos.

  Para rematar a visita, dirixímonos á fábrica onde nos explicaron o proceso de fabricación da manteiga. Tamén tivemos a oportunidade de manipular e empaquetar unha pouquiña desa manteiga que cada crianza levou para a súa casa. 





MOITAS  GRAZAS  Á  ANPA  POLA  ORGANIZACIÓN  DESTA  VISITA!

miércoles, 21 de mayo de 2025

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Manuel V.

   Hoxe pola mañá na biblioteca volvemos a contar coa presenza de Noelia, a nai de Manuel Vázquez, na acticidade As familias contan. Esta vez, viñeron a ler parte do libro Las chicas son guerreras. 26 rebeldes que cambiaron el mundo.

 

   Eles escolleron dúas biografías entre estas 26 mulleres para compartir os seus logros co resto do alumnado do colexio.


      Manuel achegounos á figura de Valentina Tereshkova, unha astronauta soviética que pasou á historia por ser a primeira muller que viaxou ao espazo exterior. Como curiosidade podemos dicir que o seu nome en clave era chaika, que significa "gaivota" en ruso, e tamén que esta operación era tan secreta que a súa nai se enterou de que estaba no espazo escoitando a radio.



   Noelia, falounos de Rosa Parks, unha muller estadounidense de raza negra que era costureira de oficio. Foi moi importante porque se negou a ceder o seu asento a unha persoa de raza branca nun autobús e isto deu pé ao comezo da protesta contra a segregación racial nos Estados Unidos de América.

 Despois eles pasaron por Radiuvín para gravar un programa no que poderedes escoitar estas dúas biografías pero tamén a da científica Marie Curie e a da mestra Ángela Ruíz Robles.

 MOITAS  GRAZAS  AOS  DOUS  POR  ESTA  LECTURA  TAN  INTERESANTE!!

GALERÍA  DE  IMAXES

   

sábado, 17 de mayo de 2025

LETRAS GALEGAS: CERTAME DE DIVULGACIÓN

      Para rematar a Semana das Letras Galegas dedicada á poesía popular e ás cantareiras, fixemos entrega dos premios do Certame de Investigación Letras Galegas 2025 no que tiñan que resolver os cuestionarios que elaboramos utilizando o material publicado polo Seminario Galán sobre as homenaxeadas deste ano.






    Comezamos entregando un agasallo a todos os nenos e as nenas que decidiron participar neste certame de investigación  e despois entregamos os premios ao alumnado que fixo unha investigación perfecta sen ningún erro.

 

 

MOITAS  GRAZAS  POR  PARTICIPAR  E  FELIZ  DÍA  DAS  LETRAS  GALEGAS!!


 

LETRAS GALEGAS: Concerto Didáctico

 

     O Día das Letras Galegas deste ano está dedicado á poesía popular oral. Unha homenaxe que recoñece a importancia da poesía tradicional que acompañou á nosa sociedade desde sempre; pero o certo é que a poesía popular oral, tamén estivo sempre unida á música polo que o Día das Letras Galegas se personifica nas cantareiras Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira e as Pandeireteiras de Mens (Malpica).

    Elas eran mulleres que axudaron á transmisión da nosa lingua mentres cantaban, escoitaban, traballaban ou se divertían. E todo iso a maioría facíano sen estudar música, só de oído!

   Nós quixemos sumarnos a esta conmemoración invitando ao cole a Alfonso Campos e Suso Verao, dous músicos do noso Concello que saben moito de música, de galego e de tradición oral.

   Con eles cantamos diferentes cantigas tradicionais galegas como "A saia da Carolina" e coñecemos a diferenza entre tradidional (que se transmite de xeración en xeración de forma anónima) ou popular (moi coñecido) como "O carro" que aínda que é unha obra de uator, é coñecida en toda Galicia.

 

   Tamén nos ensinaron que ademais dos instrumentos tradicionais, calquera obxecto se podía utilizar para acompañar as cantigas: tixolas, culleres, latas de pimentón ou un simple tubo que resoe a modo de baixo continuo.


   Despois continuaron interpretando outras cantigas tradicionais galegas como "Danza do Agrazón" ou "Miña naiciña, meu corazón"

 

     E cantigas propias do noso Concello, como unha regueifa de desamor ou  "San Adrián é Barqueiro" recollida na parroquia de Proendos que combina un alalá e unha muiñeira.


  Na tradición oral tamén xogan un papel importante as cancións infantís e por iso cantaron "Mursummus est Cristo que reine diné" recollida en Proendos e "Pedra, pedriña" coa colaboración de Estrela.


  E como se aprendían todas estas cantigas se as cantareiras non eran compositoras que escribrían partituras? Pois aprendíanse escoitando e para que non se perdan hai que facer un traballo de investigación e recollida gravando ás persoas que cantaban e pasando esas melodías a notas musicais que permitan que permanezan como legado musical.


      Por iso quixemos agradecerlle este concerto didáctico cun agasallo que lles axude a seguir recollendo a tradición musical da nosa zona.


 
  Se queredes saber máis sobre cantigas e música tradicional, podedes escoitar a entrevista que Candela, Martín e Antía lles fixeron en Radiuvín.

 

    MOITAS  GRAZAS  AOS  DOUS  POR  ESTE  RATIÑO ENTRE PASODOBRES, ALALÁS, MUIÑEIRAS, FOLIADAS, DANZAS, REGUEIFAS, VALSES...   

FELIZ  DÍA  DAS  LETRAS  GALEGAS!!