"Comezo a ver nenos e nenas fartos de televisión e aburridos cos xogos informáticos que se illan cun libro e se deixan levar pola historia narrada... porque non hai un espectáculo máis fermoso que a mirada dun neno que le". G. Grass
Páginas
jueves, 25 de junio de 2026
martes, 23 de junio de 2026
PREMIO VOLUNTARIO DE LECTURA - A - Curso 2025/2026
ESTAMOS DE NORABOA!
Acabamos de saber que un ano máis, o traballo dos nosos biblioaxudantes recibiu un importante recoñecemento xa que o noso centro foi un dos 10 centros seleccionados de Galicia entre os centros participantes no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, na modalidade Voluntariado de Lectura - A, e recibirá un obradoiro como premio ao labor desenvolvido ao longo do curso.
Este recoñecemento pon en valor o compromiso e a responsabilidade do alumnado que colabora coa biblioteca escolar, dedicando parte do seu tempo a tarefas de organización, apoio aos compañeiros e compañeiras e dinamización das actividades lectoras. Grazas á súa implicación, a biblioteca convértese cada día nun espazo máis acolledor, participativo e solidario.
Ademais das aprendizaxes relacionadas coa lectura, este programa contribúe a desenvolver valores como a responsabilidade, a cooperación, a empatía e a axuda aos demais.
Parabéns aos nosos biblioaxudantes por este merecido premio e moitas grazas por todo o que achegades á nosa biblioteca!
viernes, 19 de junio de 2026
DESPEDIDA ALUMNADO DE 6º DE PRIMARIA. Promoción 2026
Hoxe pechamos unha etapa moi especial para o alumnado de 6º de Primaria, que despois de moitos anos compartindo aprendizaxes, xogos, ilusións e experiencias no noso centro, emprende un novo camiño.
Parece que foi onte cando Xoán, Noa, Manuel, Carla, Saúl e Laura chegaron por primeira vez ao colexio sendo apenas uns nenos e nenas para formar parte da nosa comunidade educativa.
Ao longo destes anos medraron, aprenderon e deixaron unha pegada inesquecible entre compañeiros e profesorado; pero agora chega o momento de dar un paso máis e iniciar unha nova aventura no instituto.
Antes de despedirse, quixeron compartir unhas palabras nas que lembran momentos vividos no cole, anécdotas, aprendizaxes e tamén o cariño que levan de todos os que formamos parte desta comunidade educativa. A continuación podedes escoitar a súa mensaxe de despedida.
Desexamos que afrontedes esta nova etapa con ilusión, confianza e ganas de seguir aprendendo. Que nunca vos falten a curiosidade, o esforzo e a perseveranza que vos acompañaron ata aquí, e que sigades cultivando as amizades e os valores que construístes durante estes anos.
Moita sorte nesta nova andaina. As portas deste colexio quedarán sempre abertas para vós, porque esta seguirá sendo a vosa casa e aquí estaremos para celebrar os vosos logros e acompañarvos sempre que o precisedes.
DESPEDIDA BIBLIOTECA 2025/2026
Rematamos un novo curso na biblioteca e queremos facer un recoñecemento moi especial aos nosos Biblioaxudantes que ao longo do ano participaron no programa Voluntariado de Lectura - A, integrado en Bibliotecas Escolares Solidarias.
Durante os tempos de lecer, este grupo de alumnos e alumnas colaboraron de maneira desinteresada en numerosas tarefas da biblioteca: atención do servizo de préstamo, organización dos fondos, apoio aos compañeiros e compañeiras, actividades de lectura e moitas outras iniciativas.Como agradecemento pola súa implicación e compromiso, fixemos entrega dun pequeno agasallo de Lectuvín e dos diplomas correspondentes asinados pola Directora Xeral de Xuventude e a Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa
Ademais tamén quixemos facerlle un recoñecemento ás mestras e á coidadora que este ano tiveron o seu destino no noso colexio e que tamén formaron parte da familia da nosa biblioteca.
Moitas grazas a vós e aos biblioaxudantes por compartir o voso tempo, a vosa responsabilidade e a vosa ilusión coa nosa biblioteca!!
viernes, 12 de junio de 2026
AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Manuel Vázquez
Hoxe tivemos na biblioteca a última sesión da actividade "As familias contan" con Noelia, nai de Manuel Vázquez. Eles descubríronnos unha desas historias que nos axudan a medrar como persoas: El poder del león, de Míriam Tirado, un álbum ilustrado que nos convida a reflexionar sobre as emocións, os límites persoais e a importancia de expresar o que sentimos.
Saúl é un neno que ás veces non sabe como reaccionar cando algo o molesta ou o fai sentir incómodo e, en lugar de dicir o que pensa, queda calado ou bloqueado.
Coa axuda de Thor, o gato dos seus avós, descubrirá que dentro del existe unha forza especial: o "poder do león", unha valentía que lle permitirá expresar os seus sentimentos, defender o seu espazo e facer respectar os seus límites sen necesidade de enfadarse nin facerlle dano aos demais.
Esta historia axudounos a comprender que dicir "non", pedir respecto ou expresar o noso desacordo non é un acto de egoísmo, senón unha forma de coidarnos e de construír relacións máis sas.
Se queredes escoitar a historia de Saúl e de como conseguiu facer valer os seus sentimentos respectando tamén os sentimentos e os límites das demais persoas; podedes facelo no seguinte podcast.
MOITAS GRAZAS POR COMPARTIR ESTE LIBRO CON NÓS E POR DOALO Á BIBLIOTECA; PORQUE TODOS LEVAMOS DENTRO UN PEQUENO LEÓN E ÁS VECES SÓ PRECISAMOS APRENDER A ESCOITALO!!
miércoles, 10 de junio de 2026
DESPEDIDA JULIA
Hai despedidas que non marcan un final, senón a celebración dun camiño compartido; e iso é o que nos pasou coa despedida de Julia Fernández, a bibliotecaria municipal do noso concello.
Desde o cole quixemos renderlle unha pequena homenaxe por ser unha persoa moi especial para a nosa comunidade lectora xa que tras anos de dedicación á biblioteca municipal e de colaboración constante co noso centro, chegou o momento da súa xubilación.
Ela acompañounos en innumerables actividades de animación á lectura e á escritura e compartiu con nós coñecementos, ilusión e proxectos. Ademais, foi fundadora e integrante do noso club de lectura, contribuíndo a crear ese espazo de encontro onde os libros nos unen e nos fan medrar.
No seu último día no club de lectura, o alumnado quixo agradecerlle todo o recibido formando un corredor de aplausos que encheu de emoción a despedida. Entre sorrisos, apertas e algún que outro ollo brillante, fixémoslle entrega dun pequeno agasallo cargado de gratitude e cariño.
As bibliotecas están feitas de libros, pero sobre todo de persoas. Grazas por formar parte da nosa historia e por axudarnos a escribir tantas páxinas fermosas. Desexámosche unha nova etapa chea de lecturas, proxectos e momentos felices.
AS PORTAS DA NOSA BIBLIOTECA ESTARÁN SEMPRE ABERTAS PARA TI!!
jueves, 4 de junio de 2026
AS FAMILIAS CONTAN: FAMILIA DE ANA
Comezamos as actividades de xuño, cunha nova familia que ven a participar en "As familias contan". Nesta ocasión acompáñannos Delfín, Mary e Daniel (pai, nai e irmán pequeno da nosa alumna Ana) para contar unha versión do conto clásico Caperucita Roja.
Con esta familia e este libro, comprobamos que os contos clásicos seguen espertando curiosidade e maxia nos nenos e nenas que os escoitan por primeira vez... pero tamén en aqueles que os coñecen de memoria.
Por uns momentos, a biblioteca deixou de ser só a biblioteca e converteuse nun bosque cheo de camiños, sorpresas e sustos que Carapuchiña tiña que atravesar para levarlle comida á súa avoa.
Polo camiño atopouse cun lobo moi astuto que se fixo pasar por amigo seu para enganala e chegar antes que ela á casa da avoa coa intención de ocupar o seu lugar e papalas ás dúas.
Pero grazas á súa valentía e á axuda doutros personaxes, a historia remata cun final feliz. Iso si, lembrade que debedes desconfiar dos descoñecidos e dos lobos demasiado astutos!!
Se vós tamén queredes escoitar este conto clásico contado por Delfín, Mary, Daniel e Ana; podedes facelo no seguinte podcast!
MOITAS GRAZAS POR COMPARTIR CON NÓS UNHA DESAS HISTORIAS QUE NUNCA PASAN DE MODA PORQUE CADA VEZ QUE SE CONTAN, ATOPAN NOVOS OÍDOS DISPOSTOS A ESCOITALAS!



.jpg)
.jpg)






.jpg)


.jpg)

.jpg)
.jpg)
.jpg)

.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)

.jpg)

.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)