Na actualidade estase realizando a restauración das pinturas murais da nave da igrexa de San Xiao de Lobios. Esta restauración inclúe o muro norte, o muro sur e o arco triunfal.
Esta igrexa do século XIII é un dos exemplos máis importantes da arquitectura tardorrománica da Ribeira Sacra pero as policromías datan do século XVI.
Para coñecer o proceso de restauración, o alumnado de 5º e 6º de Primaria acudiu hoxe a igrexa onde Dolores Lago Arce, encargada da restauración, lles explicou todo o relacionado con este proceso.
Primeiro o desencalado que consiste en raspar con moito coidado as capas de cal que cobren as pinturas e que non nos deixan ver nada máis que unha parede branca.
Despois explicounos que estas pinturas son frescos, é dicir, que se pintaban con pigmentos cando a cal aínda estaba fresca e directamente sobre o morteiro (capa de cal e area que cobre os muros); por iso, hai zonas máis delicadas onde o morteiro xa se desprendeu ou está a punto de facelo o que intentan evitar inxectando resina ou morteiro.
Ensinounos tamén algunhas das ferramentas que utilizan: bisturís para raspar a cal, xiringas para encher ocos nos morteiros, pinceis para o po, espátulas para dar morteiro...
Unha vez que coñecemos algunhas nocións básicas do traballo de restauración, centrámonos nas dúas grandes escenas descubertas ata o de agora: a resurrección de Cristo e o xuízo final no que se observan os condenados ao inferno e os salvados conducidos por San Pedro que leva a chave para abrirlles a porta do ceo.Tamén se intúe un posible nacemento nunha zona delimitada por un arco debaixo da escena da resurrección xa que se pode ver a cabeza dunha mula e un par de persoas difuminadas que levan a pensar nesta escena da vida de Xesús.
A outra zona que se está restaurando é a do arco triunfal na que se poden ver debuxos xeométricos, redondeis, flores... e restos de pinturas máis actuais.
Se comparamos o que vimos hoxe coas imaxes da última excursión que fixeramos a Lobios podemos ver un gran cambio xa que onde agora hai andamios e comezan a verse as pinturas, antes había unha parede totalmente branca.
Imaxe: abril 2019 |
MOITAS GRAZAS A DOLORES LAGO POLA VISITA GUIADA
E AO CONCELLO POLA ORGANIZACIÓN DA MESMA!
MÁIS INFORMACIÓN NO BLOGUE DA RESTAURACIÓN:
No hay comentarios:
Publicar un comentario