viernes, 31 de enero de 2020

COÑECENDO OS NOSOS CONCELLOS: PROENDOS

   Este venres achegámonos a Proendos acompañados por Paula Vázquez Verao e Alfonso Campos, a nai e o pai Estrela, a nosa compañeira de Educación Infantil .



    Con esta saída didáctica quixemos coñecer os vestixios históricos que existen nesta parroquia e documentarnos para o programa Coñecendo os nosos concellos.

    Os restos máis antigos que vimos foron os petróglifos que son gravados en rochas  que se conservan desde a Prehistoria. Aínda que non foi o único, o máis grande que vimos foi o Petróglifo do Xestal que se atopa dentro dunha finca privada e está formado por "8 círculos concéntricos, cun diámetro total de 43 cm. Do seu centro, ocupado por unha cazoleta, saen dous surcos" (Texto: O Colado do Vento, preme para máis información)
 

    Outra época da que hai moitos restos e que na actualidade se está estudando é a época romana. Cos recentes descubrimentos do xeorradar, confírmase a existencia da antiga Proentia pero aínda sen esta tecnoloxía a súa existencia era innegable pois simplemente camiñando polo núcleo de Proendos observamos restos da época que forman parte de  diferentes construcións; restos que a xente utilizou para as súas vivendas e que se poden ver a simple vista: columnas, pedras, capiteis, un trisquel, pedras de muíño...
 
 
 
 
 

   E outros que eles nos ensinaron porque están máis ocultos; por exemplo esta ara romana da que pola súa posición, so podemos ver a parte de arriba na parede dunha vivenda.

      Neste percorrido polo núcleo da parroquia tamén puidemos ver a arquitectura nobiliaria da casa dos Ojeas, do s. XVII.

     Dando un salto no tempo, chegamos ao século XII e visitamos a Igrexa de Santa María de Proendos na que tamén podemos observar restos romanos nunha das columnas do arco triunfal que da paso á ábsida. Ademais atopamos plantas e flores nos capiteis e pinturas que nos contan feitos de Nadal: "A adoración dos Reis Magos", "A adoración dos pastores" e "A fuxida de Exipto"...

    Xa no exterior, ensináronnos unha roseta que se atopa no chan e que pode estar relacionada coa simboloxía da luz: coa idea de que a igrexa nos libra das tebras e nos leva á luz xa que entramos polo Oeste e imos camiñando cara ao altar que está no Leste, por onde sae o Sol.
 

 MOITAS  GRAZAS  A  PAULA  E  ALFONSO  POR  GUIARNOS NESTA  VISITA!!

      Como resultado de todo o que aprendemos nesta saída deixámosvos a seguinte emisión do programa Coñecendo os nosos concellos que inclúe unha entrevista a Paula feita por Senén, Adrián, Pablo e Pilar:



jueves, 30 de enero de 2020

GRÚAS POLA PAZ

   Fai uns días chegábanos a nova de que para o Día da Paz o colexio CEIP Valle Inclán de Vigo tiña o reto de "Elaborar mil grúas de papel para poder pedir un desexo de corazón" e nós decidimos colaborar xa que como obxectivo da Axenda 2030 a paz é un valor que traballamos continuamente no centro.

https://drive.google.com/file/d/1C90hir9h_0ERjv5DNFa9_zFjdViVl-0t/view?usp=sharing

    A proposta comezou con Laura e Brais explicándonos que a idea de crear grúas pola paz nace da historia de Sadako Sasaki, unha nena vítima da bomba de Hiroshima durante a Segunda Guerra Mundial. 

   Ela tiña dous anos cando a bomba explotou e como consecuencia desta explosión e da súa irradación, algúns anos máis tarde disgnosticáronlle leucemia.

   Mentres estaba no hospital unha amiga faloulle da lenda xaponesa que di que se constrúes mil grúas de papel, os deuses concédenche un desexo. Así que desexou curarse e púxose a facer grúas; pero faleceu antes de acabalas todas, cando levaba 644. Nese intre os seus amigos e amigas decidiron facer as grúas que faltaban.
https://drive.google.com/file/d/1C0BHRKsdBPTCEYF3dUtjJJoC2aYljnOz/view?usp=sharing
    Algúns anos máis tarde, dedicáronlle unha estatua que a representa a ela cunha grúa nas mans. Esta estatua permanece no Parque da Paz de Hiroshima co lema "Este é o noso berro, esta é a nosa petición: paz no mundo" e honra tamén a todos os nenos e nenas desaparecidos nesta traxedia.
 

  Con esta historia detrás do reto das grúas, a mestra Noelia ensinounos a facelas e puxémonos toda a semana mans a obra.
 

    Agora as nosas grúas xunto a todas as demais que consigan; viaxarán a Xapón o 6 de agosto, data da explosión da bomba para lembrar que non se pode volver a repetir nada similar
 

    E rematamos esta publicación coa frase que eles propuxeron desde o seu colexio:

"MOITA  XENTE  PEQUENA, EN  LUGARES  PEQUENOS, 
FACENDO  COUSAS  PEQUENAS,  PODE  CAMBIAR  O  MUNDO" (Eduardo Galeano)

GALERÍA  DE IMAXES

DÍA DA PAZ E DA ILUSTRACIÓN. PELO DE NUBE

   Hoxe 30 de xaneiro, conmemóranse dúas datas importantes: o Día Escolar da Paz e a Non Violencia e o Día da Ilustración en Galicia; unha conmemoración que entronca directamente co obxectivo 16 da Axenda 2030.
 
    Por iso tivemos no colexio a Dani Viétez e Iria Iglesias, que combinan á perfección estas dúas conmemoracións xa que son autores e ilustradores de libros que potencian valores como os propostos pola UNESCO.

     Nesta ocasión viñeron a falarnos da historia de Pelo de nube, un neno especial.
    Como eles nos lembraron, hoxe é o Día da Paz porque o día 30 de xaneiro de 1964 morreu Gandhi e a UNESCO decidiu utilizar esta efeméride para reforzar entre o alumnado valores como a tolerancia,  diálogo, o respecto aos dereitos humanos á non violencia e á paz.

   E por outra banda, é o Día da Ilustración en Galicia porque conmemoramosque un día como hoxe de 1886 naceu Castelao.
 

   O obradoiro tivo dúas partes, a primeira foi un contacontos na que coñecemos a historia de Nuno, un neno diferente que no canto de pelo, tiña unha nube na cabeza. Como non coñece a ninguén cun pelo como o seu, síntese triste por ser distinto aos outros...


     Pero ao final os seus pais conseguen que se decate de que precisamente esa diferenza é o que o fai único e especial.
 

  Coñecer esta historia fixo que os nenos e nenas reflexionasen sobre os sentimentos de Nuno e sobre a importancia do respecto, a tolerancia e a convivencia na escola  como valores fundamentais para a Paz.

     A segunda parte da actividade centrouse máis no Día da Ilustración. Iria e Dani fóronnos explicando a relación entre o debuxo e as emocións que transmite comparando as diferentes representacións da bocas, das cellas, os ollos...

  E a continuación foi o noso alumndo o encargado de ilustrar situacións que reflexasen comportamentos que podían contribuír á paz na escola.
 

     Para que nos lembremos deste día e das ensinanzas que tratamos de transmitir, o alumnado de 2º de primaria deseñou con círculos unha nube á que lle fixeron un buratiño cun cilindro oco para colgarlle unha etiqueta conmemorativa. Despois imprimimos unha para cada alumno/a.
 

    Se queredes saber moitas máis cousas sobre Dani, Iria e a súa paixón pola ilustración podedes escoitar a entrevista que lles fixeron Laura, Hugo e Lucas.



 MOITAS  GRAZAS  POR  ESTE  OBRADOIRO  TAN  EDUCATIVO!!

Podedes ver todas as imaxes no enlace: GALERÍA  DE  IMAXES