domingo, 31 de mayo de 2026

VISITA Á GANDARÍA PULUÁN

    Para rematar este mes de maio e o proxecto sobre animais que estivemos facendo durante o curso, grazas á organización da ANPA do colexio, as alumnas e alumnos de Educación Infantil puidemos visitar a Gandaría Puluán en As Fontes (Monforte de Lemos). Os nosos compañeiros de Educación Primaria xa tiveran a oportunidade no mes de setembro e, agora foi a quenda dos máis pequenos. 

   Nada máis chegar, Lucía e Puri recibíronnos cun gran sorriso. As nenas e nenos presentáronse e demos comezo a coñecer aos integrantes desta granxa. Empezamos polas vacas "medianas", as cales tiveron vergoña e case non se nos achegaban. 

   Así que pasamos a coñecer ás integrantes máis pequenas da familia e, en especial, o becerriño máis novo, contaba con só 1 día de vida! Pasamos en parellas a coñecelo para non asustalo. Continuamos a nosa visita axudando a darlles de comer ás vacas, na que todas e todos estiveron moi participativos co reparto de pienso. 

  

   Despois tivermos que parar, era a nosa quenda de comer. Lucía e Puri convidáronnos a probar os seus queixos, o seu leite e un biscoito para acompañar esta pedazo de merenda.


    Coas forzas recargados, coñecemos aos pitiños que están criando e a Musi (o gatiño da granxa) cos que fixemos boas migas. Para rematar, visitamos as vacas máis maiores e as embarazadas que estaban pacendo no campo. Todo isto acompañados dun día moi solleiro e caloroso. 

                   

    Antes de marchar tiñannos unha sorpresa preparada, un agasallo formado por un precioso lapis e unha goma con forma de diferentes animaliños.


Foi unha visita marabillosa! 

Moitas grazas Lucía, Puri e familia por esta fantástica experiencia!

GALERIA DE IMAXES

viernes, 29 de mayo de 2026

E PARA DIXITALIZARSE, LUGO

     Este curso participamos no proxecto da Deputación de Lugo: "E para dixitalizarse, Lugo". Un proxecto que tiña como obxectivo "capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á poboación do ámbito rural da provincia de Lugo. A través de accións formativas presenciais e gratuítas, as persoas participantes recibirán orientación e formación para facilitar a aprendizaxe das TIC como ferramenta para mellorar a súa vida cotiá."

      Esta foi unha actividade moi interesantes na que participaron todos os niveis educativos do colexio tanto de educación Infantil como de Primaria. Ao longo de todas as sesións, o alumnado aprendeu contidos prácticos e moi valiosos sobre os seguintes eixes:

- habilidades dixitais básicas e avanzadas (dependendo das idades)

- protección da súa identidade e privacidade en liña

- recoñecemento de riscos como ciberbullying ou fake news

- consellos de uso das redes sociais

-  responsabilidade no uso da tecnoloxía.

 

     Para rematar, unha representante da Deputación achegouse ao noso centro para facerlles entrega duns agasallos pola superación do curso. 



miércoles, 27 de mayo de 2026

DESEÑOS 3D

      O alumnado de Proxecto Competencial estivo traballando no 3º trimestre coa Impresora 3D.

    Primeiro aprenderon  a utilizar o programa Doodle 3d e despois elaboraron con el os seus propios deseños para uns chaveiros personalizados. A continuación pasáronnos polo programa de software para a nosa impresora e remataron imprimíndoos para poder utilizalos como chaveiros ou puntos de lectura.

Mirade que deseños tan chulos!






viernes, 22 de mayo de 2026

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Alfonso e Antía

      Estase rematando maio pero a actividade da biblioteca non para. Nesta ocasión contamos coa presenza de Dunia e Javier, nai e pai de Alfonso e Antía, que viñeron a participar en "As familias contan" para compartir con nós a versión da Editorial Educateatro do libro Os tres porquiños.


     Unha versión moderna do conto que ademais viña con sorpresa xa que o libro inclúe unhas cancións moi marchosas das que puidemos escoitar un anaco na biblioteca mentres cantabamos e acompañabamos coas palmas.


    Escoitando aos nosos convidados, puidemos descubrir que nesta versión, os porquiños tiveron que marchar a construir a súa casa a un bosque moi afastado porque querían vivir lonxe das grandes cidades e das ruidosas fábricas.


    E que o pobre do lobo tiña "un principio de rinite alérxica que desembocou nunha asma crónica galopante" que non lle permitiu soprar con toda a forza que podía e, por iso, non foi quen de derrubar a casa de pedra.


    Tamén que o lobo se quixo modernizar e enganalos disfrazándose de pizzeiro e ofrecéndolles unha riquísima pizza; menos mal que o porquiño maior estaba atento e se decatou do engano!


   O que si que non cambia nunca neste conto é que o máis traballador de todos os irmáns é o Maior mentres que os outros son máis lacazáns.


   Pero xa non vos contamos máis; se queredes escoitar todo o conto e pasar un bo rato coa historia preferida de Alfonso e Antía, podedes facelo no seguinte podcast!

 

 MOITAS  GRAZAS  AOS  CATRO  POR  VIR  A  COMPARTIR  ESTE  RATIÑO  Á  BIBLIOTECA  CUN  CONTO  TAN  DIVERTIDO!!



viernes, 15 de mayo de 2026

I ROMARÍA DAS LETRAS GALEGAS

    Hoxe celebramos en Sober a I Romaría das Letras organizada polo Colectivo LEMOSLE, que como sabedes, está formado por bibliotecas escolares da Comarca, BPM, librarías e persoas vencelladas ao ámbito da lectura da comarca de Lemos. 
 

    Nesta xornada de convivencia participamos 8 centros educativos de Primaria (CEIP Pobra de Brollón, CEIP A Gándara, CEIP Plurilingüe de Monforte, CEIP de Oural, CEIP de Sober, CEIP Rosalía de Castro de Bóveda e CEIP Monte Baliño de Pantón) o IES Daviña Rey de Monforte de Lemos e usuarias da Biblioteca Pública Municipal do noso Concello xuntándonos así máis de 300 personas no colexio xa que o mal tempo decidiu ser partícipe tamén desta xornada e no nos deixou celebrala na carballeira como estaba previsto.
 

   Durante o acto principal os diferentes colexios fixeron propostas moi diversas para conmemorar a nosa lingua e a Begoña Caamaño: regueifas, maios, cancións tradicionais, poesía, obradoiros, murais... e todo isto amenizado por un grupo de música tradicional formado por alumnado do IES Daviña Rey que terminou de darlle o toque festeiro a esta xuntanza.


   Desde o noso colexio participamos propuxemos recoller a relación de Begoña Caamaño coa mitoloxía e compartir dúas lendas do noso concello; a primeira explica que a creación dos Canóns do Sil se debe aos deuses Xúpiter e Xuño e a segunda é unha lenda de mouras e encantamentos.
   
     Ao rematar o IES Daviña Rey repartiu chapas conmemorativas para todos os asistentes e fixemos unhas fotos cun fotocall dedicado á obra de Begoña Caamaño.

 
 

    A xornada finalizou cun xantar de confraternidade no pavillón do colexio durante o que o alumnado do CEIP Monforte de Lemos, organizou o obradoiro sementando palabras no que os nenos e as nenas podían escribir a súa palabra favorita en galego.






   Se queredes escoitar toda a información desta xornada, podedes facelo no seguinte podcast no que tamén escoitaredes as interesantes lendas de Sober contadas por alumnado de 5º e 6º de Primaria.
 
 
OXALÁ  ESTA  SEXA  A  PRIMEIRA  DE  MOITAS  EDICIÓNS  PORQUE  A  LINGUA  GALEGA  MEDRA  CANDO  A  COMPARTIMOS,  CANDO  A  CELEBRAMOS  E  CANDO  A  VIVIMOS  XUNTOS!!
 
FELIZ  DÍA  DAS  LETRAS  GALEGAS!! 
 

 
 
 

 

DÍA DAS FAMILIAS 2026: En Familia

    Como cada 15 de maio, dende as aulas de Infantil, quixemos conmemorar o Día das Familias. Para isto, afondamos nas diferentes formas de familias que coñecemos e na incorporación das mascotas como un membro destas lendo o libro de En familia de Olga de Dios.


    Os días previos a esta celebración fomos elaborando de forma conxunta un agasallo sorpresa para as familias. Primeiro empezamos pintando catro depresores de dúas cores diferentes escollidas por cada nena e cada neno.

                                 

    Seguimos coa elaboración do agasallo, para o cal utilizamos os bolis 3D coa axuda das mestras. Con eles creamos tres figuras diferentes para decorar a nosa obra: unha estrela, un corazón e unha flor.

                                 


                                 

  
    Para rematar, pegamos todo xunto e por fin agasallo rematado, que a estas alturas xa imaxinades que sería: UN MARCO coa foto da nosa FAMILIA. A continuación, deixámosvos uns exemplos do resultado.