miércoles, 24 de octubre de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA - 2018

     Xa chegou o Día da Biblioteca e con el un montón de actividades que tiñamos preparadas para conmemorar esta data:
     
      Primeiro presentamos as dúas novidades deste curso:  a CDU ilustrada de Óscar Villán  e o cartel co lema deste ano para as bibliotecas escolares: Poéticas diversas na biblioteca escolar de Nuria Díaz.
 
   Tamén comezamos coa formación de usuarioscos nenos de infantil e de primaria recordando as normas básicas da nosa biblioteca:
    A media mañá fomos de visita á Biblioteca Pública Municipal onde nos recibiron Julia Fernández Garza, a bibliotecaria, e Rocío Fernández, técnica informática do Concello, para falarnos de todas as posibilidades que nos ofrece a biblioteca: fondos, actividades, recursos, horario...
    Para nós é moi importante a colaboración entre as dúas bibliotecas, a escolar e a municipal, xa que os nosos alumnos e alumnas son parte dos seus usuarios e usuarias como podemos comprobar neste vídeo que elaboraron na BPM e que ten como protagonistas a algúns dos nosos alumnos que participan no programa de animación á lectura: Merenda con contos.
   E como mostra da colaboración entre as dúas bibliotecas, iniciamos alí o noso BREAK OUT, un xogo de formación de usuarios no que o noso alumnado terá que ir superando retos para conseguir abrir os candados que custodian o gran tesouro por descubrir.

    O primeiro reto foi para os alumnos de 4º e 5º de Educación Infantil. Eles tiñan que atopar na biblioteca os libros indicados na súa pista e acadar así a chave que abriría o primeiro candado.
 
 
  Con esta proba superada, entre todos levamos o noso tesouro para a biblioteca do colexio onde seguiremos superando probas que nos permitan descubrir que é o que esconde esta gran maleta.
 

domingo, 21 de octubre de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA - Lemos LE

    Como todos sabedes, a nosa biblioteca e a BPM de Sober formamos parte do Colectivo Lemos LE que por sexto ano, ven de organizar un xantar de confraternidade para conmemorar o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro; no que nos reunimos persoas de todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación da nosa comarca.

    Nesta ocasión a reunión tivo lugar no Concello de Bóveda, por iso, comezamos esta xuntanza escoitando a Miriam Palmón, bibliotecaria do Concello anfitrión e a Cristina Juíz López  Concelleira de Cultura para darnos a benvida ao Colectivo e a todos os asistentes.
    Antes de xantar tamén puidemos escoitar na voz de Mónica, bibliotecaria do Saviñao, o texto co que a escritora do mesmo concello, Alicia Fernández, nos agasallou con motivo desta celebración.
http://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/alicia-fernandez-rodriguez
     E como recordo para os participantes nesta xuntanza, editamos un marcapáxinas co texto co que o ano pasado nos agasallou Ramón Sandoval, un texto que podedes ler aquí e que fala da súa relación persoal coa lectura e cos libros e que ademais fala do noso Concello xa que el é soberino.
    Despois de xantar, centrámonos no V Certame Mulleres de Lemos. Unha muller para o 8 de marzo adicado a Genoveva González Prieto.
   Para isto, da man do Centro de Información á Muller, fixemos un visionado do conto baseado na súa vida escrito por Mirian Palmón Díaz e ilustrado polo alumnado de centros de Primaria da Comarca coma o noso.
    Despois desta fermosa proxección, membros do colectivo fixeron entrega dos premios correspondentes ao Certame Mulleres de Lemos:
    1º PREMIO BANDA DESEÑADA: para Samanta López Vázquez e Celine Varela Zher (quen non puido acompañarnos no xantar) pola atmosfera poética que a impregna e que a través dun debuxo, que en ocasións se achega case á abstracción, consegue ofrecer unha narrativa visual moi interesante. Trátase dun debuxo maduro no que se xoga co uso da perspectiva e dos distintos planos para lograr cambios de ritmo que conseguen acrecentar o interese e a atención pola historia.
    ACCÉSIT  BANDA  DESEÑADA para Víctor Domínguez polo gran coidado no seu acabado e presentación, así como o traballo, a limpeza das liñas e a personalidade do debuxo.
    CATEGORÍA DIVULGACIÓN para Julio González Puente polo seu traballo A escola de Genoveva no que de forma autobiográfica relata a importancia desta mestra na súa educación.


   Con esta entrega de premios damos por rematado o V Certame e adiantamos que a VI edición terá como protagonista a unha muller do Concello de Ferreira de Pantón
   O acto finalizou cunhas verbas de José Manuel Arias López, alcalde de Bóveda, concello anfitrión nesta edición.
FELIZ  DÍA  DA  BIBLIOTECA!!
Membros do Colectivo Lemos Le
O alcalde de Sober celebra con nós esta data.
Algunhas mestras do colectivo
 

viernes, 19 de octubre de 2018

BIBLIOTECA CREATIVA: Xornada de formación

    Este venres 55 centros asistimos á xornada de formación do proxecto Biblioteca Creativa; antes Proxecto Escornabots.


    Desta xornada vimos cargadiños de ideas e proxectos para levar a cabo na nosa biblioteca e tamén con novos fondos.

  Pola tarde compartimos a nosa experiencia co resto de centros asistentes dando as grazas a Asesoría por contar co noso centro para esta parte da xornada de formación; podedes ver un resumo da intervención a partir do minuto 6.
 
  E para rematar levamos unha sorpresa cando vimos algunhas imaxes da nosa biblioteca na exposición de final da Asesoría de Bibliotecas Escolares

miércoles, 10 de octubre de 2018

POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR (Texto: Asesoría Bibliotecas Escolares)

    Hoxe coñecimos o lema escollido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para as bibliotecas do PLAMBE durante o curso 2018/2019: 
"Poéticas diversas na biblioteca escolar"
Imaxe de  Nuria Díaz
    "A poesía está por todas partes, o que importa é explorar para descubrila. A biblioteca escolar é un lugar privilexiado para estimular esa mirada que xogue a descubrir a poesía que se agocha nas paisaxes, na música, no cine, nunha noite estrelada, no baile do vento na herba, nos seres minúsculos que só podemos ver a través do microscopio, nesa música que engaiola, na palabra dos poetas, na tradición oral, nun texto que nos traspasa e nos obriga a mirarnos, nesa persoa que nos axuda a abrir os ollos para ver o que nos rodea, no último descubrimento científico (eses escutoides descoñecidos até agora), nesa voz que nos fala, nese abrazo que nos agarima..."

jueves, 4 de octubre de 2018

BRAULIOTUBER NA NOSA BIBLIOTECA

    Hoxe tivemos na biblioteca do colexio un invitado moi especial: Braulio, un dos irmáns Bolechas, que xunto co resto dos membros da súa familia é protagonista de moitos dos nosos libros infantís.

   E por que credes que nos fixo esta visita??

   Pois para gravar o programa infantil da TVG BraulioTuber, un programa moi divertido que terá como protagonistas aos nosos alumnos e alumnas de 6º de infantil e 1º de Primaria.

   A actividade comezou explicándolles aos nenos o funcionamento dos equipamentos que ían a utilizar: microfónos, cámara...


   Unha vez familiarizados cos medios técnicos comezaron a gravación:
 

 

   E para rematar... que tal un pouco de música e baile?

Avisáremosvos da súa emisión,
SEGURO  QUE  SERÁ  UN  PROGRAMA  ESPECTACULAR E  MOI  DIVERTIDO!!

GALERÍA  DE  IMAXES

sábado, 29 de septiembre de 2018

COMPARTINDO BOAS PRÁCTICAS. Encontros de intercambio de experiencias educativas

   Este fin de semana, tiveron lugar en Lugo os Encontros de intercambio de experiencias educativas: Compartindo boas prácticas organizados polo Centro de Formación e Recursos (Cefore) de Lugo para dar visibilidade ao traballo desenvolvido en diferentes centros a partir da formación recibida nos plans de formación permanente do profesorado.

   Neses encontros estivemos compartindo con outros centros da provinvia de Lugo o proceso polo que fomos incorporando á nosa biblioteca novos espazos, novas linguaxes, novas metodoloxías... a medida que fomos participando nos proxectos de Bibliotecas Escolares como o Proxecto escornabots na biblioteca escolar e nos fomos formando cos PFPP.

   Podedes acceder a toda a información e documentación destes encontros no seguinte enlace:
https://agueiro.xunta.gal/view/view.php?t=DTUodbqHfweuc8tyMX06