sábado, 21 de octubre de 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS - COLECTIVO LEMOS LE

    Por noveno ano o COLECTIVO LEMOS LE, do que a nosa biblioteca forma parte, volveu a organizar unha xuntanza de confraternidade para conmemorar o Día das Bibliotecas. 

     Este ano xirou arredor do lema "Tecendo comunidades" proposto polo Ministerio de Cultura y Deporte para, como indican na súa páxina, "destacar el papel fundamental que desempeñan las bibliotecas en la construcción de lazos fuertes dentro de nuestras comunidades. Estas instituciones son centros de conexión y aprendizaje, donde las historias, las experiencias y los conocimientos son los hilos que unen a los ciudadanos."

 
    O lema reflicte perfectamente o espíritu do colectivo: formar unha comunidade entre as bibliotecas escolares e públicas da comarca de Lemos para apoiarnos, axudarnos, intercambiar ideas, compartir actividades e coñecementos... e para visibilizalo  "tecemos" un gran cartel tipo patchwork con anacos que simbolizaban ás nosas bibliotecas uníndoos arredor do logo do colectivo e do propio cartel do Día das Bibliotecas.

    Ademais este ano, seguimos coa edición de marcapáxinas con textos que escritores ou escritoras da comarca agasallan ao colectivo por este día. O texto foi escrito e ilustrado por Dani Viéitez e Iria Iglesias (enlace ao texto) e nel aparecen moitos dos protagonistas das súas obras: o raposo Rufo, Pilonga e Amanito, Pelo de Nube...


 FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!
Oxalá nunca se desfagan os nós que nos unen!!
 


jueves, 5 de octubre de 2023

VI ANDAINA ESCOLAR POLO CAMIÑO DE INVERNO

 

     O venres día 6 de outubro a Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra organizou a VI Andaina escolar polo Camiño de Inverno na que participamos uns 1.600 escolares percorrendo diferentes tramos deste camiño.

   Para participar nesta actividade, o noso alumnado estívose preparando na biblioteca facendo un traballo de investigación sobre esta etapa do camiño de inverno: que é unha ruta xacobea, que ríos ían atopar, que pobos ían atravesar, a simboloxía do camiño de Santiago...

 

   E unha vez que xa estiveron preparados para camiñar, puxémonos en marcha. Do noso centro participaron os nenos e as nenas do último curso de educación infantil que tiña asignado un tramo de 1 km con saída desde o campo da Virxe de Monforte de Lemos e o alumnado de Primaria que veu camiñando desde Reigada, aproximadamente 6 km.


   Unha xornada soleada na que puidemos gozar desta camiñata cos nosos compañeiros e compañeiras rodeados de fermosos paisaxes.


     Á chegada a Monforte reunímonos todos os participantes no Auditorio ao aire libre do Parque dos Condes e despois pasamos o que quedaba de xornada no parque infantil da Compañía.
 
    
 
Se queredes ter máis información ou pasar un bo rato lendo sobre o Camiño de Santiago, lembrade que na biblioteca encontraredes moitos libros que podedes levar prestados.
 



 MOITAS  GRAZAS  Á  ASOCIACIÓN  CAMIÑOS  A  SANTIAGO  POLA  RIBEIRA  SACRA POLA  ORGANIZACIÓN  DESTA  ACTIVIDADE!!
 
 

lunes, 2 de octubre de 2023

UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS (Texto: Asesoría Bibliotecas Escolares)

 

      A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2023/2024. O lema elixido, UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS, quere poñer o foco en todas as posibilidades que a a banda deseñada ofrece tanto no goce lector como na aprendizaxe curricular.
 
      A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2023-2024 é obra de Jorge Campos ilutrador, arquitecto e artista do cómic. Un convite a pasear polas viñetas das nosas bibliotecas escolares e a xogar coas cubertas que van de man en man da comunidade educativa.
  
     Un curso para poñer en valor un xénero que cada vez adquire máis protagonismo na colección das bibliotecas escolares de Galicia. Para seguir concienciando que ler cómic tamén é ler, que favorece a primeira alfabetización e autonomía lectora grazas ao apoio visual. Que nos ofrece diferentes capas de lectura na que todos e todas atopamos un espazo ao tempo que favorece a alfabetización visual e artística e o desenvolvemeto da creatividade e a imaxinación. 
 
 

martes, 19 de septiembre de 2023

IV VISITA DIDÁCTICA ÁS ESCAVACIÓNS DE PROENTIA

       Por cuarto ano, o alumnado de 3º a 6º de Primaria visitou ás escavacións arqueolóxicas que se están realizando na antiga Proentia, correspondentes á parroquia soberina de Proendos, para coñecer a nova fase deste proxecto da man do propio equipo arqueolóxico.

   A escavación que visitamos é a zona do hórreo onde Francisco Alonso, o director técnico, nos explicou en que consisten os traballos de consolidación que están realizando e a importancia dos mesmos para a súa conservación.

    Durante esta visita puidemos comprender a importancia do hórreo en si mesmo xa que é o único destas características no noroeste peninsular; pero tamén a importancia de toda a información que se pode deducir a partir do seu descubrimento.


   Ademais coas súas indicacións puidemos fixarnos en moitos detalles que doutro xeito non saberiamos:

a importancia do cambio de cor da terra,

 
a existencia dunhas pedras chamadas xuntoiros que atravesan os muros,

a razón pola que utilizan trozos de lousa nos seus traballos,

as tébulas que nos indican como era o seu tellado,

como os muros se cortan entre si,


ou a apararición dunha fosa.

   A sesión didáctica rematou coa presenza do director do proxecto en Radiuvín para falar con Javier e Antía sobre todo o que aprendemos na visita e moitas cousas máis que poderedes averiguar oíndo o programa que gravaron.




   MOITAS  GRAZAS  POR  ESTA VISITA  QUE  AXUDA  A QUE  O  NOSO  ALUMNADO  COÑEZA  O  VALOR  DAS  RIQUEZAS  DO  NOSO  CONCELLO!!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

martes, 4 de julio de 2023

A PRINCESA DO CAUREL: Premiada co Accésit do concurso Nós tamén creamos

   Este ano participamos por primeira vez no concurso  Nós tamén creamos  convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten como finalidade a "promoción da adquisición, do uso e da valoración da lingua galega na aula por medio da creatividade e da incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación ás aulas". 


    Para participar cada centro ten que elaborar unha curtametraxe en galego coa técnica stop motion a partir dun álbum ilustrado. No noso caso escollemos o libro A princesa do Caurel de Javier Solchaga e Patacrúa que é un conto acumulativo clásico arredor do roubo do anel desta princesa do Caurel.

   Para a elaboración da curtametraxe, o alumnado de 3º de primaria comezou investigando en internet como facer os elementos e personaxes que aparecen no libro co tangram.

   Despois fixeron todas as fotos necesarias para a montaxe da curta.

 

  E para rematar, gravaron a narración do conto nos estudos de Raiduvín.

   Despois de tanto traballo...  

O RESULTADO  FINAL  FOI  PREMIADO  CO  ACCÉSIT  NA  SÚA  CATEGORÍA!!

Podédelo ver no seguinte enlace:

Acceso a páxina web da CRTVG

 PARABÉNS  AO  ALUMNADO  E  PROFESORADO  ENCARGADOS  DESTE  PROXECTO!!!