viernes, 25 de septiembre de 2026

DA ESCOLA Á GRANXA: Casa Benito

    O xoves e o venres, o alumnado de Educación Primaria foi de excursión á granxa escola «Casa Benito» no Incio. Unha excursión organizada e financiada pola ANPA a través do programa «Da escola á granxa» da Deputación de Lugo.


    Esta granxa é unha casa de labranza familiar que mantén colmeas en alvarizas tradicionais dos soutos do Incio e produce mel ecolóxico de castiñeiro, silvas e flores. Ademais cría gando en extensivo.


     Durante a visita, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer as distintas instalacións e explotacións da granxa, achegarse ás vacas e aos burros, descubrir como obteñen os silos para alimentar aos animais, coñecer un forno tradicional empregado para a obtención de cal e aprender, de primeira man, como é o día a día nunha explotación gandeira.



  Tras coñecer as instalacións, fixeron un descanso no que as propietarias da granxa os convidaron a un delicioso xantar con biscoito caseiro e leite. Tamén tiveron a oportunidade de degustar dous tipos de mel elaborados na propia granxa (un de flores silvestres e outro de castiñeiro) e de probar o pole que as propietarias conservan previamente conxelado antes do seu consumo.



    A continuación, explicáronlles os utensilios e aparellos que empregan para a obtención do mel, os diferentes tipos de abellas que existen e todo o proceso que levan a cabo para elaborar o seu mel ecolóxico.



   Unha das actividades que máis lles gustou foi o obradoiro de elaboración de velas. Cada neno e nena puido crear a súa propia vela utilizando un triángulo de cera das abellas da granxa e un cordel. Unindo ambos elementos e xirando pouco a pouco a cera, conseguiron dar forma ás súas propias creacións.

    Para completar a experiencia, a propietaria da granxa fíxolles unha demostración de como se elaboran as velas con cera quente, quentándoa en cazos de ferro e verténdoa posteriormente en moldes de silicona. Desta maneira, o alumnado puido coñecer diferentes técnicas tradicionais de elaboración de velas a partir da cera das abellas.


    Foi unha xornada moi especial na que o alumnado aprendeu, experimentou e descubriu de primeira man o traballo que se realiza nunha granxa e o marabilloso mundo das abellas. Sobre todo, pasárono moi ben e gozaron moito de todas as actividades, levando consigo novos coñecementos, experiencias e un bonito recordo desta visita que incluía o libro de Os Bolechas: Da escola á granxa.


    QUEREMOS  AGRADECER  ÁS  PROPIETARIAS  DE  "CASA  BENITO"  A  SÚA  AMABILIDADE, ATENCIÓN  E  DEDICACIÓN  DURANTE  TODA  A  XORNADA

    TAMÉN  LLE  DAMOS  ÁS  GRAZAS  Á  ANPA  POLA  ORGANIZACIÓN  DESTA  ACTIVIDADE.



GALERÍA  DE  IMAXES



viernes, 18 de septiembre de 2026

COLABORACIÓN CO PRÁCTICUM DA FACULTADE DE EDUCACIÓN DE OURENSE.

    Despois da boa experiencia das pasadas edicións, abrimos un ano máis as portas do noso centro ao alumnado do Prácticum. Obradoiros de iniciación á práctica profesional organizado pola  Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense.  Este prácticum está dirixido aos alumnos e alumnas dos Graos de Educación Infantil e Educación Primaria coa finalidade de que os futuros mestres e mestras coñezan a realidade dun centro educativo coma o noso. 

     Para levar a cabo esta actividade, os nosos biblioaxudantes de 6º de Primaria foron os encargados de ensinarlles e explicarlles unha pequena parte do que facemos no día a día aos universitarios e universitarias que, organizados en pequenos grupos guiados polos biblioaxudantes de 5º de Primaria, realizaron un percorrido por diferentes espazos do colexio.


   Na biblioteca Xiana, Manuel, Jade e Gabriel explicáronlles como está organizada, quen é Lectuvín, a CDU, que actividades se realizan ao longo do curso ou que posibilidades ofrece o espazo creativo. Tamén lles falaron do seu propio labor como biblioaxudantes e amosáronlles os diferentes recursos e materiais que podemos atopar nela.


   No espazo croma Carla, Valeria e Hugo encargáronse de presentarlles esta ferramenta e as súas posibilidades didácticas. E, como a mellor maneira de aprender é experimentar, os futuros mestres e mestras puideron comprobar o seu funcionamento facendo fotografías e gravando pequenos vídeos.


   Tamén visitaron Radiuvín, o noso estudo radiofónicos. Alí Silvia, Leonor e Ainoha explicáronlles como se realizan as gravacións, como funciona o programa de edición de audio e cales son as posibilidades educativas da radio. Ademais, tiveron a oportunidade de participar nunha pequena entrevista.

     Outra visita moi esperada foi a das aulas de Ed. Infantil e Ed. Primaria, onde alumnado da Facultade puido coñecer ás nosas crianzas e achegarse ás diferentes formas de traballo que empregamos no centro ademais de observar o funcionamento das aulas mixtas nas que comparten espazo alumnos e alumnas de dous cursos diferentes.


     Despois de xogar un pouco no recreo, as actividades remataron cunha mesa redonda na que o alumnado universitario, acompañado polo equipo directivo do centro, varios mestres e o alumnado de 6º, compartiron impresións, preguntas, inquedanzas e ideas arredor da vida nun centro educativo coma este e da futura profesión docente.



     Podemos dicir que foi unha experiencia moi interesante xa os futuros mestres e mestras coñeceron o funcionamento do centro escolar non só desde un punto de vista pedagóxico ou institucional; senón tamén desde a mirada dos nenos e das nenas que son os verdadeiros protagonistas da educación.  

    Aprender uns dos outros e compartir a aprendizaxe é unha das mellores maneiras de achegarnos á realidade educativa. Ademais os nosos biblioaxudantes volveron demostrar que teñen moito que ensinar e moito que contar.

    Grazas á Facultade de Educación por contar connosco e polo voso agasallo.

GALERÍA  DE  IMAXES