lunes, 13 de abril de 2026

MÚSICA DE RAÍZ - FUNDACIÓN LEGAR

   Hoxe tivemos no colexio a actividade  Música de raíz da Fundación Legar organizada a través da Deputación de Lugo.

   Durante esta actividade Xavier Blanco compartiu con todo o alumnado do centro unha experiencia moi enriquecedora arredor da música tradicional galega e dos seus instrumentos, tanto os máis coñecidos como outros menos habituais.

     Durante a actividade, os nenos e nenas descubriron que a música pode facerse con elementos do día a día, sen necesidade de instrumentos convencionais. Así, empregando obxectos cotiáns como tesoiras, utensilios de cociña, ferramentas do campo, cabazas, botellas, vasoiras ou cornos de animais, aprenderon a crear ritmos e a imitar sons da natureza, acompañando diferentes cantigas.

     Tamén tiveron a oportunidade de escoitar e coñecer instrumentos tradicionais como a gaita, distintos tipos de pandeiros e tambores, a trécola e o acordeón, entre outros.

    A sesión estivo chea de momentos divertidos como a aparición de Don Ramiro, que lles ofreceu unha mostra de zapateados galego. 

 Para rematar, todos e todas gozaron bailando ao ritmo do acordeón diferentes pezas da nosa tradición.


   Esta actividade foi moi interesante xa que lles permitiu achegarse non só á riqueza musical de Galicia, senón tamén á vida no campo e ás nosas tradicións, contribuíndo a valorar e conservar o noso patrimonio cultural.

   Moitas grazas á Fundación Legar e á Deputación de Lugo por ofrecernos esta proposta tan participativa, lúdica e divertida!!


viernes, 10 de abril de 2026

OBRADOIRO: ESTILO DE VIDA SAUDABLE (ANPA)

  

    Con motivo do Día Mundial da Saúde que se conememora o 7 de abril, a través da ANPA do colexio, realizamos unha actividade sobre hábitos de vida saudables para o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria coa que seguimos facendo fincapé nos obxectivos 2030.

     Nesta charla, Jorge Cogolludo, enfermeiro do HULA, faloulles primeiro sobre os 5 pilares fundamentais nos que se apoia un estilo de vida saudable: alimentación saudable, actividade física, sono efectivo, nada de tacabo nin alcol e benestar psicolóxico.

  Comezou pola alimentación saudable que é moi importante porque nos axuda a previr, tratar e disminuir o risco de complicacións e enfermidades. Para iso fixo un repaso sobre os hidratos de carbono, as proteínas, os lípidos e as vitaminas destacando como súperlimentos o ovo, as sardiñas e o aceite de oliva virxe extra. Tamén aprendemos que os cítricos teñen a fama da vitamina C pero que hai outros alimentos que a teñen en máis cantidade como o kiwi, o pemento vermello ou as acerolas.

   Despois de coñecer todo o bo que si que deberiamos comer, explicounos o que non: refrescos, bollería... e a importancia do pancreas que é o órgano que regula a insulina para controlar a nosa cantidade de azucre en sangue e o fígado que é o que loita contra o colesterol para que as graxas non se acumulen nas nosas arterias ou noutros órganos. Así como outras enfermidades que poden derivar dun estilo de vida non saudable.

    E como podemos facer para levar todo o aprendido á práctica? Pois lembrarnos do prato de Harvard que indica a proporción saudable de alimentos: 25% de hidratos preferiblemente integrais xa que axudan a conservar o nivel de azucre e enerxía durante máis tempo, 25 % de proteínas e 50 % de hortalizas, verduras e froitas. Ademais de beber entre 1,5 e 2 litros de auga ao día.

    Outro factor importante a ter en conta sería vixiar as etiquetas dos alimentos que compramos para ver todo o que inclúen (ás E): aditivos, edulcorantes, estabilizantes, colorantes, espesantes... e que derivan en problemas de saúde como hiperactividade, alerxias ou alteracións sanguíneas, inmunitarias, hepáticas, hormonales...

   O segundo pilar dun estilo de vida saudable sería o exercicio: o noso alumnado debería facer deporte 1 hora ao día como mínimo 3 días á semana máis deportes de forza. Preferiblemente ao aire libre xa que isto axudaría ao nivel de vitamina D. 

   En canto ao tabaquismo: canto máis lonxe mellor! Os adultos non deberían fumar preto dun neno ou dunha nena así que se hai alguén fumando o mellor é poñer distancia.

   O último pilar, o benestar psicolóxico, é tamén moi importante xa que debemos ser capaces de pensar en positivo e saber identificar e controlar as emocións que sentimos: medo, ira, tristeza, alegría... e tamén poder falar sobre elas con alguén de confianza tanto cando nos sentimos ben como cando nos sentimos mal.

  Ademais para sentirnos ben con nós mesmos é moi importante tamén dar grazas, pedir perdón e saber dicir que non. Hai moitas frases que nos poden axudar como "tes un momento para estar comigo?", "Non me sinto ben, podo falar contigo?", "Síntoo, perdóasme?"...

    Podemos dicir que foi un obradoiro moi interesante e moi proveitoso para o noso alumnado así que MOITAS  GRAZAS  A  JORGE  E  Á  ANPA  POR  ESTA  ACTIVIDADE!! 

ESPERAMOS  QUE  O  NOSO  ALUMNADO  POÑA  EN  PRÁCTICA  O  APRENDIDO!!
 

 

martes, 7 de abril de 2026

QUE QUERES SER DE MAIOR, PEQUENA? As nosas ex-alumnas contan

    O martes de Pascua é festivo local en Monforte que é a cidade á que os nosos alumnos teñen que ir ao instituto. Como as nosas ex-alumnas ex-biblioaxudantes Ada, Daniela, Nayara, Lara, Candela e Antía non tiñan clase, quixeron vir a compartir con nós o libro  Que queres ser de maior, pequena? de Sabela Fernández Trelles.

     Así coñecemos á protagonista deste libro, Antía, á que non  lle gusta nada que sempre lle pregunten que quere ser de maior; e, aínda menos, que os seus pais contesten: «Serás unha gran doutora, como a túa nai; ou unha gran panadeira, seguindo a tradición familiar!». 

    Ela ten moi claro á que lle gustaría dedicarse xa que hai seis oficios nos que pensa que sería moi boa. A primeira opción é ser coidadora de vacas voadoras que non é que non existan, senón que ninguén as coñece porque son tan áxiles que ata poden surfear na praia de A Coruña.

    A seguinte opción é coleccionista de bicos que, aínda que o pareza, non é nada sinxelo coleccionar bicos e gardalos no corazón: BEIXICLÍN!


     Tampouco estaría nada mal ser escultora de nubes e ir cambiando a súa forma, lectora de desexos para coñecer as ansias de cada un ou domadora de unicornios que non son tan doces como parecen.


     E nun lugar como a biblioteca, a quen non lle gustaría ser gardiá de historias? Das escritas ou das que conta a xente maior, de aventuras, de mariñeiros ou doutras que aínda están por contar.

   E xa non vos contamos máis... se queredes saber que vai ser Antía de maior e coñecer o resto desta historia, podedes facelo no seguinte podcast que nos deixaron en Radiuvín.

  

MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  COMPARTIR  ESTA  LECTURA, DEDICÁNDONOS  O  VOSO  ÚLTIMO  DÍA  DE  VACACIÓNS!!

OXALÁ  QUE  DE  MAIORES  POIDADES  SER  O  QUE  QUEIRADES  SER!!


 

BORRANCHOBOT: DESCUBRINDO A ELECTRICIDADE A TRAVÉS DA ARTE. Formación Biblioteca Creativa

     A pertenza ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) dános a posibilidade de continuar no Proxecto BIBLIOTECA CREATIVA e isto, fai que o noso alumnado reciba un obradoiro de formación directa no propio centro.


   Nesta ocasión, foron Almu Alonso e Elena C. Insua, especialistas en tecnoloxía educativa, as formadoras que estiveron no noso centro para desenvolver o obradoiro Borranchobot: descubrindo a electricidade a través da arte con todo o alumnado de Primaria.

  O obradoiro comezou con algo tan sinxelo como unha pila, á que se lle foron engadindo outros elementos: un motor, cables (negro para o polo negativo e vermello para o positivo), un interruptor e un portapilas para construir un pequeno circuíto que facía xirar unha pinza de madeira a modo de hélice.

 
   A través da experimentación e o descubremento guiado, cada parella foi capaz de elaborar o seu propio circuíto para que todas as pinzas/hélices xirasen sen parar. 
    E conseguir superar un reto así, sen coñecementos previos na maioría dos casos, fixo que a alegria se apoderase das nosas crianzas!!
 
   Despois veu a parte de creación dos borranchobots: uns bots feitos con vasos de plástico duro e tres rotuladores a modo de patas que as nenas e os nenos personalizaron para que quedaran chulísimos.
 

  Cos borranchobots listos e decorados, chegou a parte final: unir os circuítos aos bots para dárlles movemento! 
 

   Para rematar: destapar os rotuladores, darlle aos interruptores e deixar que se movan con liberdade para facer a nosa propia creación artística!
 
 
 
 
    Pero as/os maiores do cole aínda deron un pasiño máis e foron capaces de poñerlles leds de cores cunha pila de botón!

   E como a finalidade deste obradoiro era coñecer os compoñentes dun circuíto eléctrico e aprender o seu funcionamento elaborando unha creación artística; podemos dicir que ACADAMOS  OS  OBXECTIVOS  PROPOSTOS!! 
 
 
    Ademais de aprender moitas máis cousas: a diferencia entre un bot e un robot, a polaridade das pilas e a importancia de respectar a polaridade, como se produce un cortocircuíto, a diferenza de voltaxe entre pilas, a razón pola que uns circuítos xiraban máis rápido que outros, porque algunhas pilas podían acender dous leds e outros case non brillaban... en fin... un montón de cousiñas coas que a partir de agora comezar a traballar.
 
 SEGURO  QUE  OS  BORRANCHOBOTS  SEGUIRÁN  FACENDO  DAS  SÚAS  NA  NOSA  BIBLIOTECA!!