martes, 30 de noviembre de 2021

MESTURAS: Infantil A


   Neste mes o alumnado de infantil A estivo aprendendo moito sobre as mesturas; pero...

Que é MESTURAR?

   Para eles mesturar é xuntar varias cousas e darlle voltas; mais cando facemos isto algunhas desas "cousas" desaparecen como pasa co sal ou co azafrán se os mesturamos con auga; pero que pasará se mesturamos aceite e auga?

     Mirade atentamente...

UN JUGUETE, UNA ILUSIÓN: SOBERICIAS! (XVIII Concurso de Cuentos Solidarios)

   O Concurso de Contos Solidarios "Un juguete, una ilusión", da Fundación Crecer Jugando ten como obxectivo achegar valores como a solidaridade aos máis pequenos e implicalos en iniciativas que fomenten o traballo en equipo coa elaboración dun conto feito entre toda a clase. 

 

   Nesta edición do concurso había que elaborar un relato que tivese como protagonista a  SúperUjui, o heroe dos xoguetes que se pode camuflar en calquera lugar disfrazado de bolígrafo...  

  

    Pero incluso os superheroes teñen problemas algunhas veces... menos mal que nesta ocasión os nenos e nenas de 6º de Primaria do noso colexio puideron axudalo. Se vos estades preguntando que lle pasou, só tedes que escoitar....


 Música:  Adventures In Adventureland  & Impact Prelude by Kevin MacLeod


   Que vos pareceu a historia? Pois parece que ao xurado do Concurso si que lle gustou e agora somos un dos catro centros finalistas a nivel nacional  xunto a dúas historias do colexio Buen Pastor de Sevilla e outra do colexio Álvarez Sotomayor de Almería.

   Se queredes, apoiarnos podedes votar na seguinte dirección, marcando o nome do colexio no fondo da páxina e dándolle a enviar.


NORABOA  AO  ALUMNADO  DE  6º PARTICIPANTE!!


lunes, 29 de noviembre de 2021

EXPERIMENTO 3º-4º DE EP: "DEBUXOS FLOTANTES"

O alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria foi capaz de facer que os seus debuxos flotasen!!

 A que parece maxia? Pois non o é! Todo ten unha explicación científica!

 Se queredes saber cal é, convidámosvos a que vexades cal foi o experimento que fixemos para conmemorar que novembro é o mes da ciencia en galego na biblio. 




Grazas a este experimento aprendemos as reaccións tan máxicas  que pode provocar a diferencia de densidade nos líquidos. 


Esperamos que vos guste moito!! 


RECTAS E ÁNGULOS MOI ORIXINAIS

 O alumnado de 3º de Primaria está a estudar na materia de Matemáticas as rectas e os ángulos. 

Ás veces os contidos matemáticos son un pouco complicados de entender, pero non podemos esquecer o importante que son para poder desenvolvernos de manera autónoma no noso día a día. 

Aprendemos cales son os tipos de rectas e ángulos dunha maneira moi orixinal: CO NOSO CORPO! 





Recoñecedes os distintos tipos de rectas e ángulos?
Divertímonos mentres aprendemos moitos contidos novos. 

Esperamos que vos guste!!

IX SEMANA DA MÚSICA: Santa Icía 2021

    Como xa vén sendo tradición, polo mes de novembro coincidindo co día de Santa Icía, celebramos a Semana da Música que este ano cumpre 9 edicións.  

    Nesta ocasións contamos con dúas músicas invitadas ben coñecidas por todos: Lucía Rodríguez que toca o clarinete e Pilar Vence que toca a trompa. Nos seguintes vídeos poderedes coñecer os seus instrumentos, escoitalos e saber máis sobre elas.
 
 
   
 
 
    Despois de gravar o vídeo,  elas foron por todas as aulas do colexio para que os compañeiros e compañeiras puidesen escoitar e ver o seu instrumento en primeira persoa. Unha experiencia musical diferente e estupenda para achegar a música ao noso alumnado!!
 


   Outra das actividades da Semana da Música é o certame no que lle propoñemos ao alumnado preguntas sobre os diferentes instrumentos para que investiguen e descubranmoitas cousas sobre a familia de instrumentos aos que se lle adicou este ano a semana musical: o VENTO. Para rematar a semana, fixemos entrega dos premios aos nenxs que responderon correctamente e a todos os demais un agasallo por participar.





FELIZ  SEMANA  DA  MÚSICA!!

sábado, 27 de noviembre de 2021

25 - N. PEÚGO, O CALCETÍN MELENUDO

     O 25 de novembro é o Día contra a violencia de xénero. Para loitar contra ela e sensibilizar ao noso alumnado, escollemos o libro Peúgo, o calcetín melenudo de Jessica Rodríguez.

    Peúgo é un calcetín que vive só e como lle peta e se quere toca a trompeta.


    Pero non lle foi doado chegar a ser así. Peúgo tiña un problema coa súa parella; esa que era igual que el e coa que se supoñía que debía vivir sempre nos pés dalgún rapaz ou rapaza.

 

   Ao principio sentía que lle facía dano: pequenos empurróns que foron aumentando ata que se sentiu romper en anacos.

   E que podemos facer cando temos problemas? Buscar algún adulto que nos axude; neste caso Peúgo encontra axuda na súa confidente Ramona, a lavadora que, farta de velo sufrir, decide tragar á súa parella.

   Pero ao principio sigue sentíndose raro, para que serve un calcetín só e que aínda encima ten un furado? Para saber como remata esta historia escoitade atentos o podcast gravado polo alumnado de 6º de Primaria.


   Despois de escoitar a historia, fixemos varias actividades. O primeiro foi unha pequena reflexión sobre a violencia que sufriu Peúgo para decatarnos de actitudes que poden facer dano a outras persoas e escribilas nun calcetín para que as tragara a lavadora Ramona.


 

    Outra actividade foi un obradoiro de costura no que o alumnado de 5º e 6º de Primaria aprendeu a zurcir un calcetín para remendar o burato de Peúgo pois nenos e nenas en igualdade son quen de coser e arranxar un furado. E como el di: "se ninguén se encarga de arranxalo, o furado medra e podes chegar a desaparecer"

  Tras este taller de costura, se do noso alumnado dependera, Peúgo tería o seu furado moi ben remendado!! Sobre todo tendo en conta que era a primeira vez de collían unha agulla!!

   E para rematar, tamén quixemos darlle unha nova vida ao noso protagonista así que con calcetíns desparellos que @s nen@s trouxeron das casas, tod@s fixemos monicreques porque como di a historia, estar só non quere dicir que non servas para nada.







miércoles, 24 de noviembre de 2021

NOSOUTRAS - Relatos femininos

   O documental NOSOUTRAS - Relatos femininos elaborado polo Concello de Sober proxectouse hoxe no Colexio de Sober. 

   Ata a nosa biblioteca achegouse Patricia González para falarnos da realización do proxecto e do seu significado xa que este documental é a segunda parte dun proxecto de igualdade que nace co obxectivo de homenaxear ás mulleres do mundo rural e de facer visibles as condutas machistas que xerminan neste contexto.

   A través desta iniciativa seis testemuñas femininas, entre elas dúas ex-alumnas do noso colexio, a avoa dun dos nosos alumnos e a nai doutro; comparten a súa biografía e como o feito de ser muller ten influído ao longo das súas vidas.
 

  Unha actividade moi interesante e educativa que rematou coa reflexión do noso alumnado sobre unha muller da súa vida á que darlle as grazas; porque sempre é importante recoñecer o valor das persoas que nos rodean.




  Se vós tamén queredes reflexionar coma nós, podedes ver o documental e comprobar a realidade destas 6 mulleres de vidas e idades tan diferentes pero con moitas vivenzas en común.