"Aprender a pensar coa biblioteca escolar"
 é o lema escollido pola Consellería de Cultura, 
Educación e Ordenación Universitaria para as bibliotecas do PLAMBE durante o curso 2017/2018.
    O encargado de ilustrar este lema foi Xosé Tomás profesor de inglés no CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) quen debuxou a biblioteca escolar como un espazo que acolla a todos e todas e que teña a capacidade de 
"abducir" as persoas usuarias, de trasladalas a situacións gratas de 
aprendizaxe. 
    Unha biblioteca escolar supón 
unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu 
pensamento crítico, para "aprender a pensar".
   
APRENDER A PENSAR a través dos contos, da tradición 
oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das 
lecturas de materiais de divulgación científica, a través das 
investigacións. 
    APRENDER A PENSAR co cine e coa música. 
   APRENDER A PENSAR a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades 
compartidas. 
   APRENDER A PENSAR baixo a guía e orientación dun 
profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e,
 tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos  para 
desenvolver o pensamento complexo. 
   APRENDER A PENSAR nas clases, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o
 seu misterio. 
  A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o 
alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a 
formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais 
e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca 
vivir. 
Texto orixinal: Asesoría Bibliotecas Escolares de Galicia 

 
