miércoles, 11 de febrero de 2026

DÍA DA NENA E A MULLER NA CIENCIA: EVA CABANELAS DOPAZO

   O día 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia. A  Asamblea Xeral das Nacións Unidas instaurou esta efeméride coa intención de visibilizar "o labor das científicas, promover a realización de actividades e fomentar vocacións científicas que axuden a pechar a brecha de xénero na ciencia".

Imaxe: Asesoría Bibliotecas Escolares

   Por esta razón e porque no colexio estamos desenvolvendo un proxecto de animais, convidamos á biblioteca a Eva Cabanelas Dopazo, profesora de FP de Sanidade no IES Daviña Rey de Monforte que ademais é Licenciada en Veterinaria e Doutora en Sanidade Animal pola Universidade de Santiago de Compostela.

   Na charla divulgativa que tivo cos máis pequenos e pequenas: "Curiosidades de los animales domésticos" contoulles moitas cousas sobre estes animais e sobre a responsabilidade que implica ter unha mascota na casa.


    Tamén lles explicou  aspectos que hai que ter en conta para a elección da mascota (raza, sexo, carácter...) e lles deu consellos moi interesantes sobre o seu coidado (educación, alimentación, hixiene, coidados veterinarios...).

     Ademais respondeu a todas as preguntas que lle fixeron os cativos, que non foron poucas!


   Na segunda charla (enfocada aos máis maiores) o tema foi totalmente diferente: "Ectoparásitos del ser humano". Nesta ocasión os protagonistas non foron as adorables mascotas senón pulgas, carrachos, piollos e ácaros.


  Descubrimos como poden chegar ao noso corpo,  como identificalos, que consecuencias teñen para nós, que enfermidades poden  transmitir, que é a enfermidade de Lyme e por que parece que hai tantos carrachos na nosa provincia, cal é a perigosidade de cada parasito...  En fin... un montón de aprendizaxe!!
 

         E para rematar a charla, puidemos ver unha mostra destes bichiños na pantalla amplificados cunha lupa e outros conservados en formol.
 


.   Claro que os máis riquiños eran os peluchiños que non parecen nada perigosos e ata dá gañas de achuchalos!
 
     Finalizamos a actividade coa entrevista que Carla Martínez, Silvia e Xiana lle fixeron a Eva en Radiuvín e que podedes escoitar no seguinte podcast.
 
MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  PASAR  ESTE  DÍA  CON  NÓS, ESPERAMOS  QUE  VOLVAS  A CONTARNOS  MOITAS  MÁIS  COUSAS  SOBRE  O  MUNDO   ANIMAL  E  QUE  A  TÚA  EXPERIENCIA  ANIME  ÁS  NOSAS  NENAS  A  ESTUDAR  A  CARREIRA  QUE  QUEIRAN!!
 
 
 


 

COMANDAS DO MECO: MÉRCORES 2026

 



viernes, 6 de febrero de 2026

CLUB DE LECTURA (6 - 2025/2026)

     Nesta sesión comezamos un novo libro A historia de Brava Panadeira, escrito por Alicia Borrás (Ed. Xerais)


     O primeiro que fixemos foi presentar o libro lendo a súa reseña que nos deu para comentar moito sobre os refuxios de animais e sobre a responsabilidade de ter un animal en casa; pero tamén sobre as cousas positivas que as mascotas nos aportan.

"Brava, unha simpática cadela do refuxio, só ten dous defectos coñecidos: roubar todo o pan que ulisca preto dela e saír lixeira tras as furgonetas que o reparten. Aínda así, Lira e os seus fillos, Alba e Xullo, queren adoptala. Por iso, cando o rapaz máis listo do mundo co nome do mes en que naceu abre os brazos para acollela, Brava lámbelle o nariz coma se fose un xeado mentres o seu rabo peludo abanea dun lado para outro. E aquí comeza esta historia."

     Tamén coñecemos a autora lendo a biografía que se inclúe no libro e a pequena entrevista que a acompaña na que escoitamos por primeira vez o termo TEA explicando o seu siginificado a aqueles membros do club de lectura que non sabían o que eran; sobre todo, facendo fincapé no síndrome de Asperger que é o que ten o protagonista do libro.


    Despois de tanto falar de pan, rematamos a sesión cunha boa de merenda de pan con choloate porque si á cadeliña lle encanta ao pan; a nós tamén nos gusta bastante!!



martes, 3 de febrero de 2026

COMANDAS DO MECO 2026

    Como este ano estamos desenvolvendo no colexio un proxecto sobre animais, para a semana do entroido o Meco decidiu facer uns mandados relacionados co proxecto.

   Podedes utilizar os complementos que teñades na casa pero lembrade que os mandados son acumulativos: cada día da semana aumentando un complemento novo pero sen olvidar os anteriores.

   Tampouco é necesario formar un animal definido porque estamos no entroido así que podedes combinar as orellas dun animal, co rabo doutro, con manchas ou bigotes na cara e unhas ás para rematar... Cada persoa organizarase como queira, que para iso estamos no Entroido!

Esperamos que disfrutedes!

 


 

viernes, 30 de enero de 2026

CONTOS PARA O DÍA DA PAZ

   O 30 de xaneiro é o DÍA  DA  PAZ  E  DA  NON  VIOLENCIA  ESCOLAR.  Este ano, quixemos conmemoralo cunha sesión de contos pola paz coa narradora Teresa Grau e coa colaboración de Mercedes Fernández; unha actividade que foi subvencionada pola Asociación de Nais e Pais do colexio.

   Decidimos conmemorar este día con contos porque son unha gran ferramenta para facer que os nenos e as nenas reflexionen sobre a paz e a non violencia pero tamén sobre os sentimentos contrarios á paz: medo, rabia, enfado, ira...
   
   Teresa contounos a historia da raíña patata á que lle daba moito medo pensar que o cociñeiro a podía cociñar e a un soldado que tiña moita rabia e non sabía tranquilizarse polo que lle foi a pedir axuda a un sabio que lle ensinou a relaxarse, a respirar e a desfacerse do medo e da rabia que non lle deixaba estar tranquilo e controlar as súas emocións.
  
   Con Mercedes coñecemos a historia das botas dun xeneral que só pensaba na guerra e en destrozar todo o que se atopaba no seu camiño. Pero el non sospeitaba que nin os seus soldados nin as súas botas opinaban igual que el así que cando gritou "Ao ataqueeee" os soldados marcharon correndo e  as botas colleron o camiño contrario fuxindo da guerra e levando ao xeneral lonxe da destrucción.
  
    Tamén escoitamos un pequeno resumo da vida de Malala Yousafzai, unha rapaza paquistaní moi valente que loitou polo dereito á educación das nenas en todo o mundo chegando a recibir o Premio Nobel da Paz.
  
     Para rematar Teresa narrou A paz perfecta, un conto no que un rei e unha raíña decidiron ofrecer un premio ao artista que puidese debuxar a paz perfecta. De entre todos os debuxos que había, eles escolleron unha pintura na que se vían montañas escabrosas e unha gran tormenta. 
 
    Esta escolla foi algo que sorprendeu a todos pero eles fixáranse en que naquela pintura había un arbusto cun niño no que estaba tranquilamente un paxariño porque paz non significa estar nun lugar sen ruídos, sen problemas, sen traballo duro ou sen dolor. Paz significa que a pesar de estar no medio de todas esas cousas, poidamos manter a calma no noso corazón. Ese é o verdadeiro significado da paz!"
 
 MOITAS  GRAZAS  Á  ANPA  POR  ESTA  ACTIVIDADE  E  A  TERESA  E  A MERCEDES  POLAS  SÚAS  HISTORIAS!