O 2 de abril coincidindo coa data do nacemento do 
escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do 
 Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros
 infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.
      Este ano o autor seleccionado para escribir unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, foi o autor ruso Sergey Makhotin que baixo o lema Medremos  co  libro! fala do pracer da lectura infantil.
    Cando era moi neno gustaba de construír casas con bloques e con 
xoguetes de todo tipo. No canto do tellado, decotío empregaba un libro 
infantil ilustrado. Nos meus soños, agatuñaba ao interior da casa, 
deitábame na cama feita cunha caixa de mistos e ollaba para as nubes ou o
 ceo estrelado. Dependía da ilustración que máis me gustase.
    De maneira intuitiva, seguín a norma vital de cada neno, que 
procura crearse un medio cómodo e seguro; e un libro infantil de certo 
axudaba a conseguilo.
    Logo medrei, aprendín a ler, e un libro na miña imaxinación comezou
 a parecer máis unha bolboreta, ou mesmo un paxaro, ca o tellado dunha 
casa. As páxinas do libro semellaban as ás e crepitaban. Parecía que o 
libro que xacía na repisa da ventá ía saír voando pola fiestra aberta 
cara a lugares descoñecidos. Collino e comecei a ler, e o libro comezou a
 acougar. Logo seguín o libro a outras terras e mundos, expandín así o 
espazo da miña imaxinación.
    Que felicidade ter un libro novo nas mans! Ao principio non sabes 
de que vai. Resistes a tentación de abrir a última páxina. E que ben 
cheira! É imposible dividir o seu cheiro nos seus compoñentes: tinta de 
imprenta, cola... Non, non se pode. Un libro ten un cheiro particular, 
único e emocionante. As puntas dalgunhas páxinas péganse entre elas, 
coma se o libro aínda non estivese esperto. Esperta cando comezas a 
lelo.
    Estás a medrar e o mundo ao teu redor está a facerse máis 
complicado. Estás enfrontándote a preguntas que ningún adulto está 
preparado para responder. Con todo, é tan importante que compartas as 
túas dúbidas e segredos con alguén! E velaquí que chega de novo un libro
 para te axudar. Moitos de nós nos temos sorprendido pensando “este 
libro vai sobre min!”. E, de súpeto, o  personaxe favorito parécese a 
ti. Ten os mesmos problemas e enfróntase a eles con dignidade. E outro 
personaxe non se che parece en nada, pero queres que sexa o teu modelo a
 seguir, queres ser igual de valente ou ter o mesmo enxeño.
    Cando un neno ou nena di “non me gusta ler!”, a min dáme a risa. 
Non lles creo. Seguro que comen xelados, xogan a xogos e ven películas 
interesantes. Noutras palabras: gústalles divertirse. E ler non é un 
traballo duro de cara a desenvolver os sentimentos e a personalidade, o 
que é, antes que nada, é un gran pracer.
    E, para iso, especialmente, é para o que os autores escribimos libros infantís!
Escrito por Sergey Makhotin
Traducido por Sabela González Panizo
Ilustrado por Mikhaïl Fedorov

 
No hay comentarios:
Publicar un comentario