martes, 6 de mayo de 2025

II OBRADOIRO DE RADIO NA BIBLIO CON ARTUR TRILLO

  Este ano recibimos unha aportación extraordinaria para formación do alumnado que participa no Proxecto Radio na biblio e grazas a esta aportación puidemos facer unha segunda sesión do obradoiro "Todo se pode contar con teatro" co actor e director de teatro Artur Trillo destinado ao alumnado de 3º e 4º de Primaria.

     Coas actividades realizadas neste obradoiro, Artur ensinoulle ao alumnado a explorar as distintas posibilidades da expresión oral facendo fincapé nas seguintes premisas:

- Falar en público pode dar vergoña e iso é normal: poñerse colorado non importa e ter medo ao pensen de ti cando estás falando tamén é normal pero debemos intentar que iso non nos condicione.


 - Para manter unha boa comunicación é importante mirar á cara das persoas mentres lles falamos e non agachar a cabeza.

- Vocalizar sen ter présa de chegar ao final, pronunciando ben todas as consoantes; como se falaramos en negriña e subliñado.

 

 - Ter en conta canta xente me está escoitando e onde está para proxectar a voz de xeito adecuado e utilizar o volume necesario.
 

- As mans e o corpo tamén falan e deben acompañar á voz.

 - Hai que lembrarse de respirar para non quedar sen folgos no medio dunha frase. A respiración debe ser o máis parecido posible á respiración que facemos cando falamos con normalidade.

  - Temos que falar querendo dicir o que dicimos, é dicir, ser conscientes do que queremos transmitir e utilizar todos os recursos dispoñibles da voz e do corpo para conseguir facelo.


   Esperamos que estas premisas axuden ao noso alumnado a mellorar a súa capacidade de transmisión oral...escoitade atentamente os próximos podcast de Radiuvín para comprobalo!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario