O Día das Letras Galegas deste ano está dedicado á poesía popular oral. Unha homenaxe que recoñece a importancia da poesía tradicional que acompañou á nosa sociedade desde sempre; pero o certo é que a poesía popular oral, tamén estivo sempre unida á música polo que o Día das Letras Galegas se personifica nas cantareiras Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira e as Pandeireteiras de Mens (Malpica).
Elas eran mulleres que axudaron á transmisión da nosa lingua mentres cantaban, escoitaban, traballaban ou se divertían. E todo iso a maioría facíano sen estudar música, só de oído!
Nós quixemos sumarnos a esta conmemoración invitando ao cole a Alfonso Campos e Suso Verao, dous músicos do noso Concello que saben moito de música, de galego e de tradición oral.
Con eles cantamos diferentes cantigas tradicionais galegas como "A saia da Carolina" e coñecemos a diferenza entre tradidional (que se transmite de xeración en xeración de forma anónima) ou popular (moi coñecido) como "O carro" que aínda que é unha obra de uator, é coñecida en toda Galicia.
Tamén nos ensinaron que ademais dos instrumentos tradicionais, calquera obxecto se podía utilizar para acompañar as cantigas: tixolas, culleres, latas de pimentón ou un simple tubo que resoe a modo de baixo continuo.
E cantigas propias do noso Concello, como unha regueifa de desamor ou "San Adrián é Barqueiro" recollida na parroquia de Proendos que combina un alalá e unha muiñeira.
Na tradición oral tamén xogan un papel importante as cancións infantís e por iso cantaron "Mursummus est Cristo que reine diné" recollida en Proendos e "Pedra, pedriña" coa colaboración de Estrela.
Por iso quixemos agradecerlle este concerto didáctico cun agasallo que lles axude a seguir recollendo a tradición musical da nosa zona.
MOITAS GRAZAS AOS DOUS POR ESTE RATIÑO ENTRE PASODOBRES, ALALÁS, MUIÑEIRAS, FOLIADAS, DANZAS, REGUEIFAS, VALSES...
FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario