Acabamos o mes de maio con Carla Martínez e a súa nai, Guadalupe Pardo, participando na actividade As Familias contan. Elas viñeron a contarnos o libro O xogueteiro de Iván Suárez que é un conto con música para coro infantil e piano composta por Josu Elberdin.
Elas contáronos a historia dun vello xogueteiro coñecido polos seus marabillosos xoguetes e brinquedos que intentaba fabricar algo especial para si mesmo.
Así que comezou a construir unha fermosa bolboreta chea de cores; pero... de súpeto, levantouse un vento terrible e a bolboreta caeu ao chan rompendo unha á. O xogueteiro quiso arranxala mais non foi quen e tivo botarse ao camiño e pedir axuda.
No camiño atopou druidas que falaban e cantaban nunha lingua misteriosa e pallasos alegres que intentaron curala coa risa pero nada funcionou.
Ata que ao final do camiño atopou unha rosa vermella que lle aconsellou buscar a solución no seu interior. O xogueteiro non sabía que significaban aquelas palabras pero colleu a bolboreta sen saber que facer e mentres lle daba unha aperta comezou a chorar.
As bágoas do xogueteiro esvararon pola súa meixela e chegaron á bolboreta. Nese momento a bolboreta curouse e as súas cores volvéronse máis luminosas. O artesán entendeu o que quería dicir a rosa: "O amor podíao todo, mesmo o que semellaba imposible!"
Se queredes escoitar toda a historia deste xogueteiro e a súa bolnoreta, podedes facelo no podcast que gravaron en Radiuvín.
MOITAS GRAZAS ÁS DÚAS POR VIR A TRAERNOS ESTE CONTO MUSICADO CUN FINAL TAN BONITO!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario