Estivo organizada como unha busca do tesouro polo que os nenos e nenas tiñan que estar moi atentos ás explicacións da nosa guía e completar un caderno coa información máis relevante para atopar os tesouros agochados en cada igrexa.
Acompañados por Mari Fé, encargada da Oficina Municipal de turismo, e de Julia, a nosa bibliotecaria, achegámonos en primeiro lugar a Santa María de Proendos, unha igrexa do século XII situada na antiga Proentia.
Observamos a parte exterior fixándonos nas súas formas e no material co que está construída e entramos para coñecela tamén por dentro: buscamos prantas e flores nos capiteis, un debuxo axedrezado no arco principal e fixámonos nas súas pinturas e nas historias que nos contan: "A adoración dos Reis Magos", "A adoración dos pastores" e "A fuxida de Exipto" na que puidemos ver como o neno Xesús pide comida a unha palma e obtén unha castaña.
Unha vez resolta a parte do caderno relacionada con esta igrexa, atopamos o primeiro dos tesouros: unhas chapas de detectives!
A seguinte parada foi San Vicente de Pinol. De principios do século XII e cun estilo artístico similar, na fachada desta igrexa podemos ver un arco lixeiramente apuntado e un rosetón con forma de estrela.
Xa dentro observamos a planta de cruz de latina, restos das súas pinturas, uns capiteis curiosos (un deles parece que representa a Adán e Eva) e ata coñecemos a lenda da Mosteiro de Cadeiras.
Unha vez recollidos os datos desta igrexa no noso caderno de investigadores, atopamos un novo tesouro: uns marcapáxinas conmemorativos desta actividade.
A última parada desta excurisón foi en Lobios. Alí comezamos polo seu cruceiro no que podemos atopar elementos da paixón de Cristo: un látigo, tres clavos dentro dunha coroa de espiñas, un martelo, unha escada... e unha serpe que está relacionada cunha lenda que vimos despois. Na parte superior do cruceiro atopamos a Cristo crucificado e á Dolorosa.
A Capela da Raíña dos Anxos está preto do cruceiro. É unha capela de forma rectangular construída con pedra irregular sen labrar.
Conta a lenda que en tempos de mouros unha moza de Lobios lle roubou
unha cadea de ouro a unha moura quen para recuperar a cadea, transformouse en
serpe e comezou a perseguila.
A moza escapando pasou por diante desta capela e pediu axuda á Raíña
dos Anxos, entón a serpe transformouse outra vez en muller pola
intercesión da Virxe e a moza de Lobios puido escapar coa cadea.
Hoxe en día, na porta desta capela, atópanse dous buratos polos que podemos mirar para ver a Raíña dos Anxos toda vestida de branco.
A última visita foi a San Xulián de Lobios, unha igrexa do románico tardío con planta rectangular. na súa fachada atópanse debuxos de flores no seu arco e varios animais nos capiteis da entrada principal.
No interior destacan a bóveda de crucería, restos de pinturas e as catro figuras animais que representan aos catro evanxelistas: o boi de San Lucas, a aguia de San xoán, o león de San Marcos e o anxo de San Mateo.
Para rematar, os nenos e nenas conseguiron atopar o último tesouro, o máis doce: un montón de moedas de chocolate!!
Para rematar, os nenos e nenas conseguiron atopar o último tesouro, o máis doce: un montón de moedas de chocolate!!
MOITAS GRAZAS ao Concello e a Mari Fé por esta excursión
tan didáctica que nos permitiu coñecer e valorar o noso patrimonio!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario