martes, 31 de octubre de 2023

SAMAÍN 2023

     A piques de rematar outubro, chegou a celebración de Samaín e Halloween e desde o centro fixemos diferentes actividades para conmemorar esta data

        - Exposición de cabazas ou outros obxectos terroríficos que o alumnado quixo traer das súas casas. 

   -   Exposición de lecturas de medo  no corredor principal á entrada da biblioteca.

     - Lecturas compartidas na biblioteca:  neste ratiño de lectura compartida, o alumnado de 1º agasallounos co recitado do poema El fantasma Nicolás de G. Espejo e tres biblioaxudantes, prepararon a lectura do libro Os Bolechas teñen medo.

    - Certame de creación literaria con dous retos. O primeiro reto era inventar unha apócema ou bebereaxe e o segundo escribir unha historia de terror a partir do comezo dun libro publicado. Este ano os libros que tiñan que continuar foron: Mortiña 5. Unha sorpresa marabillosa escrito por Barbara Cantini para o alumnado de 3º e 4º de primaria e Malvarina. Bruxa en prácticas escrito por Susanna Isern para 5º e 6º de Primaria.

  Pola tarde, os gañadores do certame leron as súas historias aos seus compañeiros na biblioteca nun ambiente terrorífico e despois recolleron os seus premios.

    Pero todos os participantes puideron recoller un premio pola súa participación xa que poñer a mente a traballar para escribir unha historia ou unha apócema ten que ter un recoñecemento. 

   - Disfraces: nunha festa coma esta non podían faltar os disfraces para divertirse e pasar un bo rato. Aquí tedes aos máis cativos do colexio pero podedes ver todos os grupos  na galería de imaxes.

 
 


lunes, 23 de octubre de 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS

   Hoxe celebramos o Día das Bibliotecas e, como non podía ser doutra forma, foi un día moi completo!

   Durante toda a semana estivemos facendo formación de usuarios para lembrar as normas da biblioteca, a CDU, organización dos andeis, o significado das etiquetas dos libros...

   Pero hoxe comezamos pola mañá entregando varios agasallos. Por unha banda, tivemos a entrega de premios aos nenos e nenas de 4º de Primaria que o ano pasado gañaron o Accésit da Categoría III do concurso Nós tamén creamos da TVG polo súa cortometraxe do libro A princesa do Caurel de Javier Solchaga e Patacrúa que é un conto acumulativo clásico arredor do roubo do anel desta princesa do Caurel.

    Podedes ver esta produción no seguinte enlace:



      Despois entregamos uns premios tamén aos participantes no reto lector do verán do curso 2023 que consistía en reescribir o final dun libro que leran na época estival

    A continuación fixemos a presentación do club de lectura deste ano para que o alumnado de 5º e 6º de Primaria vaia decidindo se quere participar e entregámoslle a ficha de inscrición.

 Para rematar esta sesión matutina, todo o alumnado de Primaria recibiu o marcapáxinas conmemorativo deste día escrito polos autores e ilustradores Dani Viéitez e Iria Iglesias como texto agasallo para o Colectivo LEMOS LE.



sábado, 21 de octubre de 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS - COLECTIVO LEMOS LE

    Por noveno ano o COLECTIVO LEMOS LE, do que a nosa biblioteca forma parte, volveu a organizar unha xuntanza de confraternidade para conmemorar o Día das Bibliotecas. 

     Este ano xirou arredor do lema "Tecendo comunidades" proposto polo Ministerio de Cultura y Deporte para, como indican na súa páxina, "destacar el papel fundamental que desempeñan las bibliotecas en la construcción de lazos fuertes dentro de nuestras comunidades. Estas instituciones son centros de conexión y aprendizaje, donde las historias, las experiencias y los conocimientos son los hilos que unen a los ciudadanos."

 
    O lema reflicte perfectamente o espíritu do colectivo: formar unha comunidade entre as bibliotecas escolares e públicas da comarca de Lemos para apoiarnos, axudarnos, intercambiar ideas, compartir actividades e coñecementos... e para visibilizalo  "tecemos" un gran cartel tipo patchwork con anacos que simbolizaban ás nosas bibliotecas uníndoos arredor do logo do colectivo e do propio cartel do Día das Bibliotecas.

    Ademais este ano, seguimos coa edición de marcapáxinas con textos que escritores ou escritoras da comarca agasallan ao colectivo por este día. O texto foi escrito e ilustrado por Dani Viéitez e Iria Iglesias (enlace ao texto) e nel aparecen moitos dos protagonistas das súas obras: o raposo Rufo, Pilonga e Amanito, Pelo de Nube...


 FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!
Oxalá nunca se desfagan os nós que nos unen!!
 


jueves, 5 de octubre de 2023

VI ANDAINA ESCOLAR POLO CAMIÑO DE INVERNO

 

     O venres día 6 de outubro a Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra organizou a VI Andaina escolar polo Camiño de Inverno na que participamos uns 1.600 escolares percorrendo diferentes tramos deste camiño.

   Para participar nesta actividade, o noso alumnado estívose preparando na biblioteca facendo un traballo de investigación sobre esta etapa do camiño de inverno: que é unha ruta xacobea, que ríos ían atopar, que pobos ían atravesar, a simboloxía do camiño de Santiago...

 

   E unha vez que xa estiveron preparados para camiñar, puxémonos en marcha. Do noso centro participaron os nenos e as nenas do último curso de educación infantil que tiña asignado un tramo de 1 km con saída desde o campo da Virxe de Monforte de Lemos e o alumnado de Primaria que veu camiñando desde Reigada, aproximadamente 6 km.


   Unha xornada soleada na que puidemos gozar desta camiñata cos nosos compañeiros e compañeiras rodeados de fermosos paisaxes.


     Á chegada a Monforte reunímonos todos os participantes no Auditorio ao aire libre do Parque dos Condes e despois pasamos o que quedaba de xornada no parque infantil da Compañía.
 
    
 
Se queredes ter máis información ou pasar un bo rato lendo sobre o Camiño de Santiago, lembrade que na biblioteca encontraredes moitos libros que podedes levar prestados.
 



 MOITAS  GRAZAS  Á  ASOCIACIÓN  CAMIÑOS  A  SANTIAGO  POLA  RIBEIRA  SACRA POLA  ORGANIZACIÓN  DESTA  ACTIVIDADE!!