viernes, 29 de octubre de 2021

SAMAÍN 2021


      Para a celebración de Samaín e Halloween desde a biblioteca preparamos un montón de actividades:

     Non pode faltar unha boa exposición de cabazas e outros obxectos terroríficos adornada con terroríficas arañas como as do alumnado de 3º e 4º. Se queredes facelas igualiñas que estas, encontraredes as instrucións no titorial.

 

         Tampouco pode faltar a exposición de Lecturas de medo relacionadas con esta época do ano que estivo durante toda a semana no expositor da entrada á biblioteca.

     Pola tarde tivemos unha sesión de contacontos coa narradora Teresa Grau na que xs cativxs escoitaron historias propias desta época.

 

    E, por suposto, o Certame de creación literaria para o alumnado de 3º a 6º de Primaria que xa se está convertendo nun clásico. Neste certame, dámoslle ao alumnado o  principio  dun  libro  para  que  eles  reinventen  a  historia; este  ano  os  libros  propostos  foron  Raquel ten medo para 3º e 4º de Primaria e  Fantasmas no corredor para 5º e 6º, ambos de Agustín Fernández Paz

     Nos seguintes enlaces podedes ler os relatos gañadores aínda que todxs xs participantes levaron un agasallo polas súas terroríficas creacións xa que todas eran arrepiantes.






 

PILAR VENCE (6º PRIMARIA)

 

lunes, 25 de octubre de 2021

Xornada micolóxica

    A Agrupación Pingadouro e o Concello de Sober organizaron unha xornada micolóxica para o noso alumnado que incluía unha saída polos arredores do colexio para buscar setas e cogomelos acompañados por Ramón Losada (micólogo da Asociación Micolóxica de Madrid).

   Aínda que tivemos que ir ben abrigadiños e que había algo de néboa, os nenos e nenas pasárono xenial entre follas, árbores e arbustos desfrutando das cores propias do outono e das especies que ían atopando.

 
 
 
 Mirade que panda de micólogos máis riquiños e riquiñas eramos!!

    Pero a actividade non rematou coa andaina senón que ao chegar ao colexio coa axuda de Ramón,  nomeamos as setas e cogomelos atopados e clasificamolas en especies tóxicas (cartel vermello), comestibles (cartel verde) e especies que non tóxicas pero que tampouco aportan como alimento (cartel vermello).
 

   Para saber máis podedes consultar o libro da biblioteca: El mundo de las setas de Gerad Houdou.

   Recordade que, se queredes, podedes participar no Concurso de Debuxo organizado polo Concello de Sober.  


    Para participar tedes que facer un debuxo no que aparezca algunha seta ou cogumelo (unha paisaxe, unha seta, uns ananos vivindo nunha seta... calquera cousa que vos apeteza!) e presentar as vosas creacións o domingo día 7 de novembro na Casa da Cultura do Concello ás 16:00 horas. Só por participar teredes un agasallo! 


viernes, 22 de octubre de 2021

DÍA DA BIBLIOTECA

    O día 24 de outubro conmemórase o Día das Bibliotecas, como este ano coincide a domingo, quixemos adiantar esta conmemoración que nesta ocasión destaca o papel das bibliotecas como espazos para LER, APRENDER e DESCUBRIR.

  Nesta data abrimos oficialmente a biblioteca e comezamos levando a cabo unha formación de usuarios inicial na que recordamos aspectos básicos da organización da biblioteca como o protocolo Covid-19 e a CDU.


   Para os máis cativos do cole contamos coa axuda de Caillou:


    Como este ano seguimos sen poder facer a Hora de Ler na biblioteca, despois da formación de usuarios cada grupo puido escoller varios libros para encher a caixa de lectura da súa biblioteca de aula que xa contaba con algúns libros escollidos polo Equipo de Biblioteca e cos cadernos de lectura.


 

    Outra das cousas que nos gusta moito desta data é a colaboración co Colectivo Lemos Le, xa que nos permite facer actividades conxuntas coas outras bibliotecas escolares da comarca e tamén coas Bibliotecas Públicas Municipais. Este ano editamos un punto de lectura cun texto agasallo para o colectivo da escritora Noa Moreira de A Pobra do Brollón e participamos nunha entrevista na que ela respondeu ás preguntas que lle formularon usuarios de diferentes bibliotecas.

 "Cando ía facer seis anos chegou ao Cole da Pobra un director novo. Paco Castro abriunos  a biblioteca do centro a tódolos nenos e nenas coma unha fiestra a outro mundo.  

Recordo perfectamente que o primeiro libro que lin falaba de bonecas matrioskas que  querían unha familia. E na miña memoria quedou prendido que a última boneca se  chamaba Noa, a máis pequeniña, pero non era así. Seguramente soñaba con ser tamén eu  unha boneca de madeira rusa. 

Máis tarde, viaxei á lúa con Sabela, da man do libro A fantástica viaxe de Sabela, de  Euloxio R. Ruibal, un agasallo do colexio por un conto que escribín. Fascinada é pouco con  tódalos seres que habitaban un lugar que me parecía tan lonxano e tan cercano á vez e que  me gustou e me deu medo ao mesmo tempo dende que era pouco máis ca un bebé. 

Recordo estes dous libros como algo especial: ensináronme que os libros conteñen tódolos  lugares nos que quero estar, tódalas cousas que quero saber e tódolas palabras que aínda  non coñezo".  



   Para rematar as actividades, presentamos o club de lectura que este ano estrenamos para o alumnado de 5º e 6º de Primaria en colaboración con Julia e con Dunia da BPM de Sober. Nesta primeira sesión fixemos unhas enquisas iniciais para saber máis sobre os hábitos lectores do alumnado e presentamos a primeira lectura: Vampira de biblioteca de Ledicia Costas.


 FELIZ  DÍA  DA  BIBLIOTECA!!!!

lunes, 18 de octubre de 2021

DÍA DAS ESCRITORAS 2021: Olga Novo

 

    Para conmemorar o Día das Escritoras, as bibliotecas que formamos o colectivo decidimos dedicar este día á escritora da nosa comarca María Olga Novo Presas (Vilarmao, 1975) pola súa importante traxectoria literaria.

     Este ano a comisaria da conmemoración é a poeta e filósofa Marifé Santiago Bolaños e o tema escollido "ler as idades da vida", por isto as diferentes bibliotecas afondamos no seu texto O pequeno petrucio e a naiciña nena no que comparte lembranzas da infancia. 

    Cada biblioteca traballou o texto durante varios días desde perspectivas diferentes: lectura, tradución, ilustración, investigación... 

    Nós fixemos un traballo de reflexión e investigación sobre os xoguetes da infancia: a que xogaban os meus avós e as miñas avoas? E o meu pai e a miña nai? Cal era o meu xoguete preferido cando era cativo? Cal é agora? 

   Podedes ver o resultado do noso traballo e o de todas as outras bibliotecas a continuación. 

FELIZ  DÍA  DAS  ESCRITORAS!!


viernes, 1 de octubre de 2021

VIAXAMOS A XAPÓN

Durante o mes de setembro, os alumnos/ as de 5º e 6º recibiron os seus billetes para viaxar a Xapón.

Cada semana, foron aprendendo cousas tan interesantes como que Xapón é un país que se atopa no continente asiático, que está formado por 6.852 illas, que realizan unha cerimonia do té, que celebran unha festa baseada na floración da cerdeira, que o seu deporte nacional é o sumo, que os xaponeses levan unha vida moi sa e tranquila...

 

  Ademais, puideron probar no comedor un doce típico xaponés chamado " mochi" e en plástica fixeron unhas manualidades relacionadas co país nipón.

                

  Ao final do mes, todos pasaron un quizizz final sobre Xapón que lles permitiu gañar un amuleto xaponés que lles axudará a superar este curso escolar.

 Cal será o próximo país que visitarán os nosos alumnos/as de 5º e 6º?