martes, 30 de abril de 2024

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Carla Martínez

     Rematamos o mes de abril cunha actividade de As Familias contan: Carla Martínez e a súa nai Guadalupe Pardo viñeron a contarnos o libro A nena e o avó de Iván Suárez que é un conto con música para coro infantil e piano composta por Josu Elberdin.

    Elas escolleron este libro porque Carla e outras nenas do colexio que estudan na Escola de Música de Sober participaron na gravación en directo das cancións do mesmo que se realizaron no concerto de clausura de Ourencanto 2024.

  Con Carla e a súa nai coñecemos a Briana que é a protagonista da historia, unha nena de 6 anos que ademais é a autora da idea orixinal dos lacuchinos que sons uns seres máxicos con forma de corazón.

   Tamén coñecemos ao seu avó que lle explicou moitas cousas sobre outros seres máxicos da nosa cultura: os trasnos, os meniñeiros, o treboeiro...

   Outras cousas que aprendemos foron que ao arco da vella se lle pode chamas arco iris, arco das meigas ou arco das mozas; que se o vemos sobre o mar anuncia bo tempo pero se está sobre a terra, choiva ou neve e que se pasamos por debaixo del podemos pedir un desexo que seguro se vai cumprir.

   Ademais durante a lectura do conto, puidemos gozar en directo das cancións do libro xa que Carla e as súas amigas (Estrela, Noa, Leonor, Xiana e Silvia) se animaron a cantar as cancións á vez que Lupe nos contaba a historia de Briana e o seu avó.

  Se vós queredes escoitar esta historia e desfrutar un pouquiño das súas voces podedes facelo no seguinte podcast que elas gravaron en Radiuvín.

 

 MOITAS  GRAZAS  POR  COMPARTIR  CON  NÓS  ESTA  LECTURA  TAN  ORIXINAL  E  POR  COMPARTIR  TAMÉN AS  VOSAS  VOCES!!

GALERÍA  DE  IMAXES


lunes, 29 de abril de 2024

A ARTE DAS EMOCIÓNS: O MEDO

    A terceira e última emoción que as crianzas de Educación Infantil traballaron durante este proxecto foi o medo. 

    Como xa fixeron coas outras emocións, o primeiro paso foi saber o que nos contaba sobre o medo o Laberinto da alma e falar sobre o que pensaban eles, as cousas que lles dan medo, etc.

    Despois lemos o conto "Teño medio" de Tim Bowley e Alicia Baladan que narra os medos que ten un neno que está mirando  o mar co seu avó e as estratexias do adulto para axudarlle a combatelos.

     Seguindo a mesma estrutura que nas outras emocións, encheron un novo tarro coas cousas que lles dan medo, e a maioría das crianzas coincidiu en que a cousa que máis medo lle producía era a escuridade. Por ese motivo  prepararouse unha preciosas actividade con luz negra para intentar que perderan un pouco ese medo e mostrarlles que non sempre a escuridade é "mala", 

     Os nenos atopáronse con diferentes elementos cos que puideron experimentar libremente, telas, papeis, rotuladores para pintar, pezas soltas,....



   Tamén lemos o conto "¿Qué bigotes me pasa?" de María Leach e Olga de Dios, que fala das distintas emocións e de como fan sentir ao personaxe principal, cunhas ilustracións preparadas para luz negra que lle escantaron.

    

     Para rematar o noso mural, a obra escollida para traballar o medo foi "El grito" de Edvard Munch.  Esta vez as crianzas colorearon o fondo do cadro de xeito similar ao orixinal e logo posaron imitando o xesto do grito. Quedaron uns cuadros xeniais!

 
   


E así quedou completo o noso mural da Arte das emocións!       


viernes, 26 de abril de 2024

CLUB DE LECTURA (13 / 2023 - 204)

     Comezamos unha nova aventura no club de lectura deste curso coa poeta á que se lle dedican este ano as Letras Galegas: Luísa Villalta.


   Para coñecela mellor traballamos coas fichas publicadas pola Deputación de Pontevedra nas que fan un pequeno resumo da súa vida e das súas publicacións; así cando comecemos coa lectura da súa obra saberemos interpretala mellor.


CARTAS DENDE A RÍA (V)

      O mes de abril tráenos unha nova entrega de cartas desde o CEIP de Seara - Moaña.


    A recepción destas cartas estase convertendo nun momento moi entrañable para o noso alumnado pois na actualidade xa non estamos acostumados a recibir cartas en papel; non hai máis que observar a emoción coa que viven este momento:

GALERÍA  DE  IMAXES


A ARTE DAS EMOCIÓNS: A TRISTEZA

     Seguimos traballando emocións en Educación Infantil e a segunda emoción que traballaron as crianzas foi a tristeza.

     Igual que coa ledicia, o primeiro foi ver o que nos contaba o libro Laberinto da Alma sobre esta emoción. E despois continuamos coa lectura do conto "Bágoas debaixo da cama" de Ana Meilán e Marta Mayo, co que coñecemos a historia de Simón que canso de que todo o mundo lle chame chorón, decide gardar en botes debaixo da cama as súas bágoas e as de todo aquel que chora, pero...que pasaría se o mundo quedase sen bágoas? 

            

     Esta vez tamén encheron un bote da tristeza debuxando aquelas cousas que os poñen tristes ou que lles gustan menos e coloreandoas de azul, que foi a cor coa que relacionaron esta emoción.

     Outras das actividades que fixeron foi nas bandexas tuff tray consistía en encher unhas cariñas tristes e unhas bágoas botando cunhas pipetas gotiñas de auga con colorante azul.

 

     

    A obra de arte coa que se relacionou esta emoción foi "A noite estrelada" de Vincent Van Gogh, pola predominancia de cores oscuras que o pintor empregou na súa creación. Para facer a súa propia versión da obra, os nenos e nenas utilizaron diferentes materiais como esponxas, bastonciños, pinceis,... Despois a obra e o bote da tristeza pasaron a formar parte do mural das emocións.

            

              

miércoles, 24 de abril de 2024

FLOTACIÓN E PRINCIPIO DE ARQUÍMEDES

   O alumnado de 5º de Primaria segue traballando a materia de ciencias facendo experimentos na biblioteca escolar; neste caso puxeron en práctica os coñecementos adquiridos sobre flotación e o principio de Arquímedes



  Así puideron entender por que un barco que pesa toneladas non afunde mentres que un pequeno anaco de ferro ou unha pedriña que pesa moito menos, si o fan.



martes, 23 de abril de 2024

APADRIÑAMENTOS E AMADRIÑAMENTOS LECTORES

     Desde fai varios anos, para conmemorar o Día do Libro realizamos unha das actividades preferidas do noso alumnado: os apadriñamentos e amadriñamentos lectores.

      
       Nesta actividade, os biblioaxudantes organízaronse en cinco grupos que se repartiron polo colexio con candanseu libro para lerlles ao resto do alumnado que, tamén dividido en 5 grupos, foi percorrendo a senda dos libros:

    Comezaba a ronda na biblioteca, onde Germán e Candela contaban o libro  A pantasma colorida  de Gema García (Hércules Ediciones) cuns títeres elaborados por eles mesmos.


 

    No corredor principal Carlota e Martín esperaban para contar o libro  Tarde de sapo  de Maite Mutuberria (Ed. Kalandraka).


 

   Continuamos no patio de colexio. Alí estaban  Daniela, Pablo e Lara  que compartiron con nós o libro  Lobo só quería cantar  de Pilar Serrano (Ed. Triqueta).

   Seguimos o percorrido e chegamos á sombra dun castiñeiro do patio onde  Itzae, Ada e Nayara dramatizaron o relato O labrego e o rei do libro  Tres contos para crianzas  de Vicente Risco (Aira Editorial)


   O percorrido remataba con  Antía e Javier  que contaron o libro en verso  A bruxa divertida  de Ricardo Alcántara (Ed. Kalandraka)



 Podedes ver todas as imaxes desta actividade na 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

MOITAS  GRAZAS  AOS  BIBLIOAXUDANTES  POR  ESTAS  LECTURAS!!

FELIZ  DÍA  DO  LIBRO!!