viernes, 27 de abril de 2018

CHAFARÍS

   Para rematar a Semana do Libro, temos ás biblioaxudantes Verónica e Laura Rodríguez, que esperaban aos seus apadriñados no escenario do Salón de Actos co libro Chafarís de Xoán Neira e Ánxeles Ferrer (Ed. Émbora) para recitar varios dos seus poemas.

    Podes escoitar os poemas recitados no seguinte podcast:

jueves, 26 de abril de 2018

NICOLÁS VA A LA BIBLIOTECA

   Seguimos coa semana do Libro, para hoxe xoves temos a Francesca, Henry e Ángel que escolleron para os apadriñamentos lectores o libro Nicolás va a la biblioteca, que nos recorda todo o que podemos facer nela. Este libro está escrito pola Asociación BATA (Asociación de Tratamento do Autismo) (Ed. Kalandraka)

     Se vos tamén queredes saber todo o que se pode facer nunha biblioteca, podedes escoitar a historia de Nicolás no seguinte podcast:

miércoles, 25 de abril de 2018

QUIERO UNA MAMÁ ROBOT

    Chegamos ao ecuador da Semana do Libro, nesta ocasión co grupo de padriños formado por Aitana, Laura Melinda e Héctor. O seu libro era Quiero una mamá robot de Davide Cali (Ed. Laberinto). Para esta lectura, eles mesmos fixeron os títeres cos personaxes desta historia.


    No seguinte podcast podes escoitar esta narración:

martes, 24 de abril de 2018

CONTOS A PÉ DE RÚA

    Para seguir conmemorando o Día do Libro, hoxe tivemos no centro unha xornada de animación á lectura que veu da man do Concello de Sober a través do programa Cultura no camiño.

    Caxoto de A trastenda dos contos foi o protagonista de Contos a pé de rúa. Un espectáculo moi divertido no que o alumnado o pasou de marabilla con este señor da limpeza e personaxes de contos populares que se xuntaron para darlle unha sorpresa ao lobo polo seu aniversario, ratas que viven na copa das árbores e grilos cantores.

CHIBOS, CHIBÓNS

   Cando os grupos de apadriñados chegaban ao comedor do colexio, encontraban a Uxía, Gisela e Manuel dispostos a engaiolalos coa intelixencia dos  Chibos, chibóns. Un conto popular adaptado por  Olalla González (Ed. Kalandraka).

   Queredes sabes que problema tiñan os chibos, chibóns e como o solucionaron? Escoitade o podcast

lunes, 23 de abril de 2018

O EMOCIONANTE DÍA DE PITI, O CARACOL

      Un dos grupos de padriños lectores era o formado por Mara, Loïc e Mateo para contar O emocionante día de Piti o caracol de Sandrine Lhomme; (Baía Edicións) pero por ausencia de Loïc no último momento, foi substituído por Laura Gómez.

    No seguinte podcast podedes escoitar a súa historia. 

APADRIÑAMENTOS LECTORES POLO DÍA DO LIBRO

    Unha das actividades preferidas do noso alumnado, é a dos apadriñamentos lectores que realizamos para conmemorar o Día do Libro.
      
       Nesta actividade, os biblioaxudantes organízanse en cinco grupos que se reparten polo colexio con candanseu libro para lerlles ao resto do alumnado que tamén dividido en 5 grupos, vai percorrendo a senda dos libros:

    Na biblioteca estaban Héctor, Laura Melinda e Aitana contando Quiero una mamá robot de Davide Cali (Ed. Laberinto) para o que elaboraron os seus propios títeres.
   No escenario do Salón de Actos Verónica e Laura Rodríguez, esperábannos co libro Chafarís de Xoán Neira e Ánxeles Ferrer (Ed. Émbora) para recitar varios dos seus poemas.
   Ao chegar ao comedor Uxía, Gisela e Manuel estaban dispostos a engaiolarnos coa intelixencia dos  Chibos, chibóns narrada por Olalla González (Ed. Kalandraka).
   A seguinte parada era no exterior do colexio, onde Francesca, Henry e Ángel recordáronnos a través do libro Nicolás va a la biblioteca, todo o que podemos facer nela. Este libro está escrito pola Asociación de Tratamento do Autismo (Ed. Kalandraka)
   No parque infantil Mara, Mateo e Laura Gómez (substituíndo a Loïc que non puido asistir), representaron O emociante día de Piti o Caracol de Sandrine Lhomme (Baía Edicións).

  Pablo, Brais, Adrián, Xoán e Valentina, foron os encargados de rematar a actividade explicando a orixe do día do libro e lendo o texto de Fran Alonso.

    Ao rematar as actividades, o alumnado do colexio levou como agasallo un marcapáxinas conmemorativo deste día coa nosa mascota Lectuvín.

DÍA DO LIBRO


    O día 23 de abril, celébrase o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor dende que a Conferencia Xeral da UNESCO, celebrada en París en 1995, aprobou esta data co obxectivo de “fomentar a lectura, a industria editorial e a protección da propiedade intelectual por medio dos dereitos de autor” 

        Escolleuse este día xa que é a data na que faleceron autores como Cervantes, Shakespeare ou Inca Garcilaso de la Vega

      Cada ano, desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia fannos chegar un díptico conmemorativo cun texto agasallado por un galego ou unha galega relacionada co mundo dos libros e das bibliotecas. 

Este ano o texto é de Fran Alonso, escritor, editor e periodista; que facendo uso da ironía explícanos algúns dos efectos da lectura.



    No seguinte podcast, podedes escoitar a Pablo, Brais, Adrián, Xoán e Valentina no programa radiofónico adicado a este día.

sábado, 21 de abril de 2018

UN CONTO DE H. C. ANDERSEN EN CÓMIC

   Para conmemorar o Día do Libro Infantil, a OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil) convocou o concurso "Un conto de H. C. Andersen en cómic".
Cartel de Reinis Petersons
     O traballo que representará a nosa biblioteca a través da biblioteca municipal é unha adapatación do conto O traxe novo do emperador feita por Laura Gómez, Mara López e Aitana C. Rodríguez nas clases de ilustración e debuxo de Iria Iglesias.

viernes, 20 de abril de 2018

DE CAMIÑO A RADIUVÍN

    Debido á distribución do noso cole e da nosa biblioteca, xa sabedes que o laboratorio de radio de Radiuvín non está físicamente dentro da biblioteca.

    Por iso, os biblioaxudantes estiveron sinalizando o camiño que nos leva desde a biblioteca ata Radiuvín: fixeron as frechas, pegáronnas, sinalizaron o estudo e gravaron un vídeo onde se explica o camiño.

 UN  TRABALLO  EXCELENTE!!
NORABOA  BIBLIOAXUDANTES!!

LECTURRADIO: AS TÚAS LECTURAS NA NOSA RADIO

   Lecturradio é o programa no que o noso alumnado recomenda aos seus compañeiros e compañeiras libros que leron e lles gustaron.

    Hoxe, Laura Gómez, entrevistada por Pablo Pérez, falounos do libro Marcopola. A illa remeira. de Jacobo Fernández. (Ed. Xerais)


    Despois foi a quenda de Valentina Brown, entrevistada por Xoán Pérez, e do libro O xigante secreto do avó de David Litchfield (Hércules Edicións)

jueves, 19 de abril de 2018

RADIUVÍN: ENTREVISTA A MARI LUZ, A NOSA COCIÑEIRA

     Hoxe pasou polos estudios de Radiuvín, unha invitada moi especial: a nosa cociñeira Mari Luz.

     Ela comparte con nós o día a día do centro dende fai varios anos sendo unha peza fundamental da vida cotiá, pois sen ela seguro que non estariamos tan ben mantidos.



MOITAS   GRAZAS   MARI   LUZ,  POR  ESTA  ENTREVISTA  E   POLO  TEU  BO  FACER!!

viernes, 13 de abril de 2018

ENCONTROS PLAMBE 2017/2018

    No Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, celebráronse os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia nos que nos xuntamos os representantes das 700 bibliotecas escolares dos centros PLAMBE.
  Nesta ocasión a Asesoría de Bibliotecas Escolares contou por terceira vez co noso centro para expor o noso traballo na parte referida a "Biblioteca, espazo creativo de aprendizaxes" onde participamos coa presentación Da biblioteca tradicional á bibloteca do século XXI. Evolución da biblioteca escolar de Sober que podedes consultar a continuación.


    Con esta presentación resumimos o proceso de incorporación de novos espazos, novos proxectos, novas linguaxes e novas metodoloxías á nosa biblioteca a través dos proxectos da Asesoría de Bibliotecas Escolares; convertindo unha biblioteca que tiña como actividade principal o préstamo  de libros e a consulta de enciclopedias nunha biblioteca na que se traballa con robótica e impresión 3D e conta co seu propio laboratorio de radio.

     Persoalmente, como responsable do Equipo de Biblioteca do cole, quero dar as grazas a todos os que nos apoiades no traballo diario: ao alumnado, ás familias, a Julia, ao Concello, á Asesoría de Bibliotecas por contar con nós, aos bibliotecarios de Lemos Le e, por suposto, aos meus compañeiros que me din a todo que si.

Unha honra representarvos a todos e darlle visibilidade ao noso traballo ante mestres de toda Galicia!


jueves, 12 de abril de 2018

LECTURRADIO: AS TÚAS LECTURAS NA NOSA RADIO

   Lecturradio é o programa no que o noso alumnado recomenda aos seus compañeiros e compañeiras libros que leron e lles gustaron.

    Hoxe Senén, entrevistado por Jorge, recomenda o libro A viaxe de Gulliver a Liliput de Jonatahn Swift (Edicións Émbora)


    A seguinte recomendación é de Brais, entrevistado por Adrián, que nos veu a falar do libro O bigote de Mimí de Manuel María.