Mostrando entradas con la etiqueta Música. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Música. Mostrar todas las entradas

lunes, 13 de abril de 2026

MÚSICA DE RAÍZ - FUNDACIÓN LEGAR

   Hoxe tivemos no colexio a actividade  Música de raíz da Fundación Legar organizada a través da Deputación de Lugo.

   Durante esta actividade Xavier Blanco compartiu con todo o alumnado do centro unha experiencia moi enriquecedora arredor da música tradicional galega e dos seus instrumentos, tanto os máis coñecidos como outros menos habituais.

     Durante a actividade, os nenos e nenas descubriron que a música pode facerse con elementos do día a día, sen necesidade de instrumentos convencionais. Así, empregando obxectos cotiáns como tesoiras, utensilios de cociña, ferramentas do campo, cabazas, botellas, vasoiras ou cornos de animais, aprenderon a crear ritmos e a imitar sons da natureza, acompañando diferentes cantigas.

     Tamén tiveron a oportunidade de escoitar e coñecer instrumentos tradicionais como a gaita, distintos tipos de pandeiros e tambores, a trécola e o acordeón, entre outros.

    A sesión estivo chea de momentos divertidos como a aparición de Don Ramiro, que lles ofreceu unha mostra de zapateados galego. 

 Para rematar, todos e todas gozaron bailando ao ritmo do acordeón diferentes pezas da nosa tradición.


   Esta actividade foi moi interesante xa que lles permitiu achegarse non só á riqueza musical de Galicia, senón tamén á vida no campo e ás nosas tradicións, contribuíndo a valorar e conservar o noso patrimonio cultural.

   Moitas grazas á Fundación Legar e á Deputación de Lugo por ofrecernos esta proposta tan participativa, lúdica e divertida!!


sábado, 22 de noviembre de 2025

SEMANA DA MÚSICA: VENTO METAL

      O 22 de novembro celébrase o día de Santa Icía, patroa da música. Desde hai varios anos, no colexio conmemoramos esta data organizando a Semana da Música coa finalidade de coñecer mellor un instrumento musical. 

 

     Esta é a décimo terceira convocatoria e xa pasaron pola biblioteca o piano, a guitarra, a familia do vento madeira, instrumentos tradicionais galegos... e, o ano pasado, a trompeta. 

    Para continuar coa familia do vento metal, nesta ocasión decidimos coñecer máis a tuba pero tamén puidemos escoitar a trompa e o bombardino.

    Durante toda a semana, os nenos e a nenas do colexio fixeron un traballo de investigación sobre o instrumento protagonista deste ano para poder superar os diferentes retos e preguntas que foron aparecendo na porta da biblioteca.


    Para completar a formación sobre estes instrumentos tivemos na biblioteca a Lucas Álvarez Abella, intérprete de tuba na Banda de Música de Sober e mestre no Conervatorio de Monforte, acompañado de Saúl que toca o bombardino e de Leonor que toca a trompa.


  Lucas explicounos moitas cousas sobre a tuba e os demais instrumentos de vento metal: que instrumentos forman parte da familia do vento metal, que diferencias hai entre eles, a súa historia... 


    Tamén aprendemos moito sobre como se produce o son e o mecanismo destes instrumentos escoitando incluso como varía o son movendo as válvulas que poden axudar á súa afinación.

      Ademais de todos os coñecementos teóricos puidemos escoitalos aos tres en directo como solistas e formando un trío.
 
 
      Para rematar, Lucas entregou os agasallos do certame de investigación entre os que había unhas claves de sol e unhas boquillas de tuba impresas en 3D que puidemos comprobar que realmente funcionaban.

     Se vós tamén queredes aprender moito sobre esta familia de instrumentos, podedes escoitar a entrevista que Saúl, Leonor e Xoán lle fixeron a Lucas en Radiuvín.
 
 
 MOITAS  GRAZAS  POR  ESTE  CONCERTO  DIDÁCTICO!!
 

FELIZ  DÍA  DE   SANTA  ICÍA!!
 
 

viernes, 6 de junio de 2025

CONCERTO DIDÁCTICO: O SAXOFÓN

      Hoxe tivemos na biblioteca un concerto didáctico para seguir afondando no coñecemento dos instrumentos de vento.

      Se en novembro era a quenda dos instrumentos de vento metal achegándonos a eles coa trompeta; agora cambiamos aos instrumentos de vento madeira con este concerto didáctico dedicado ao saxofón.


    Para isto acompañáronos Pablo Fernández (estudante de Grao Profesional), Emilio Vázquez, Lucas Guzmán e Juan Pablo Gil (mestres de saxofón). Dos catro, Juan Pablo é o máis coñecido polo noso alumnado xa que é mestre na Escola de Música de Sober e Director da Banda Infantil e Xuvenil.
 

   Neste concerto puidemos escoitar obras clásicas como o "Himno da alegría" pero tamén outras moi diferentes como "Tico, tico", un tango, bandas sonoras de películas...


   Ademais de tocar explicáronos os diferentes tipos de saxofóns que hai e puidemos escoitalos en directo: o saxofón soprano que é o máis agudo e diferente na forma xa que é recto, o saxofón alto que é o que soemos ver con máis frecuencia en bandas ou orquestras, o saxo tenor que é máis grave e máis grande que o alto e o saxofón barítono que é o máis grande e grave de todos eles.
 
 


    Foi un concerto moi participativo no que ademais de escoitar puidemos participar tocando palmas e respondendo ás súas preguntas sobre as obras que estabamos que estaban tocando.

   Rematamos este concerto cunha obra moi coñecida para os nenos e as nenas, o tema de Super Mario Bros, e entregándolles un agasallo como lembranza do seu paso polo colexio.


  Pero antes de marchar, tiveron un ratiño para pasar polos estudos de Radiuvín e compartir a súa experiencia como saxofonistas con nós. 

 

 MOITAS  GRAZAS  AOS  CATRO  POR  ESTE  CONCERTO  DIDÁCTICO,

ESTADES  CONVIDADOS  A  VOLVER  CANDO  QUEIRADES!!


sábado, 17 de mayo de 2025

LETRAS GALEGAS: Concerto Didáctico

 

     O Día das Letras Galegas deste ano está dedicado á poesía popular oral. Unha homenaxe que recoñece a importancia da poesía tradicional que acompañou á nosa sociedade desde sempre; pero o certo é que a poesía popular oral, tamén estivo sempre unida á música polo que o Día das Letras Galegas se personifica nas cantareiras Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira e as Pandeireteiras de Mens (Malpica).

    Elas eran mulleres que axudaron á transmisión da nosa lingua mentres cantaban, escoitaban, traballaban ou se divertían. E todo iso a maioría facíano sen estudar música, só de oído!

   Nós quixemos sumarnos a esta conmemoración invitando ao cole a Alfonso Campos e Suso Verao, dous músicos do noso Concello que saben moito de música, de galego e de tradición oral.

   Con eles cantamos diferentes cantigas tradicionais galegas como "A saia da Carolina" e coñecemos a diferenza entre tradidional (que se transmite de xeración en xeración de forma anónima) ou popular (moi coñecido) como "O carro" que aínda que é unha obra de uator, é coñecida en toda Galicia.

 

   Tamén nos ensinaron que ademais dos instrumentos tradicionais, calquera obxecto se podía utilizar para acompañar as cantigas: tixolas, culleres, latas de pimentón ou un simple tubo que resoe a modo de baixo continuo.


   Despois continuaron interpretando outras cantigas tradicionais galegas como "Danza do Agrazón" ou "Miña naiciña, meu corazón"

 

     E cantigas propias do noso Concello, como unha regueifa de desamor ou  "San Adrián é Barqueiro" recollida na parroquia de Proendos que combina un alalá e unha muiñeira.


  Na tradición oral tamén xogan un papel importante as cancións infantís e por iso cantaron "Mursummus est Cristo que reine diné" recollida en Proendos e "Pedra, pedriña" coa colaboración de Estrela.


  E como se aprendían todas estas cantigas se as cantareiras non eran compositoras que escribrían partituras? Pois aprendíanse escoitando e para que non se perdan hai que facer un traballo de investigación e recollida gravando ás persoas que cantaban e pasando esas melodías a notas musicais que permitan que permanezan como legado musical.


      Por iso quixemos agradecerlle este concerto didáctico cun agasallo que lles axude a seguir recollendo a tradición musical da nosa zona.


 
  Se queredes saber máis sobre cantigas e música tradicional, podedes escoitar a entrevista que Candela, Martín e Antía lles fixeron en Radiuvín.

 

    MOITAS  GRAZAS  AOS  DOUS  POR  ESTE  RATIÑO ENTRE PASODOBRES, ALALÁS, MUIÑEIRAS, FOLIADAS, DANZAS, REGUEIFAS, VALSES...   

FELIZ  DÍA  DAS  LETRAS  GALEGAS!!