Mostrando entradas con la etiqueta Día da biblioteca. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día da biblioteca. Mostrar todas las entradas

sábado, 25 de octubre de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS - COLECTIVO LEMOS LE

    Para conmemorar o Día das Bibliotecas; o Colectivo Lemos Le do que a nosa biblioteca forma parte, volveu a organizar un xantar de confraternidade no que nos reunimos persoas de todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación da nosa comarca.

    Esta décimo primeira xuntanza celebrouse no noso Concello (Sober) baixo o lema proposto para este ano polo Ministerio de Cultura "Contra a desinformación: bibliotecas" que ten a intención de destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas na loita contra a desinformación.

   Neste xantar unímonos mestres, bibliotecarios, librarías, editores, autores, xornalistas, responsables políticos... e, ademais de pasalo ben, este momento de convivencia e diálogo fixo que xurdiran novas ideas e iniciativas para seguir fomentando a lectura e as bibliotecas. 

   A modo de recordo deste día; desde a nosa biblioteca quixemos agasallar a todos os asistentes cun chaveiro gravado coa impresora láser.


    Ao rematar a comida, tomou a palabra Toño Vidal representante do Colectivo para dar grazas a todos os asistentes ao xantar. Especialmente a Manola Porto, xornalista de Onda Cero que sempre dá visibilidade ás nosas actividades e ás das bibliotecas da comarca, a Moncha Prieto por agasallarnos cun texto inédito e a Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, por acompañarnos e apoiarnos neste xantar.

   A continuación, puidemos escoitar ao alcalde de Sober que puxo de manifesto a importancia que desde o Concello se lle dá á dinamización da cultura e ao papel da Biblioteca Pública Municipal e da biblioteca do colexio.

   Ademais, como noutras ocasións, o colectivo editou un marcapáxinas para conmemorar o Día das Bibliotecas. Este ano o texto do marcapáxinas "O tesouro da miña avoa" (enlace ao texto) foi agasallo da escritora soberina Moncha Prieto, autora do libro Alma de Barro. Relatos da Ribeira Sacra que estivo no colexio fai uns días para responder diversas preguntas do alumnado de 5º e 6º (enlace á entrevista).

 No xantar, puidemos escoitar o pequeno relato na voz de Leticia Sáez, compañeira de club de lectura da propia autora. 


   Despois foi Moncha Prieto a que compartiu con nós outro relato seu: "Libros, camelias e as rosas da avoa". Un relato autobiográfico que nos levou ás lembranzas da súa infancia e que podedes ler no seguinte enlace.


   
    Para rematar, Mayte Gómez, autora do libro Mis dos «yos», tamén quixo compartir con nós un pequeno texto que escribiu para este día.

     E para seguir loitando contra a desinformación, despois deste xantar publicamos o primeiro número do xornal Lemos Le Novas que se estrea coa seguinte noticia: "Bibliotecarios, mestres, libreiros e outros axentes culturais reúnense en Sober para conmemorar o Día das Bibliotecas"

MOITAS  GRAZAS  A TODOS  OS  QUE  NOS  ACOMPAÑASTES  NESTA XUNTANZA!!

FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!


GALERÍA  DE  IMAXES
 

viernes, 24 de octubre de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS

       O 24 de outubro é unha data moi importante para nós porque se conmemora o Día das Bibliotecas que este ano ten como lema: "Contra a desinformación: bibliotecas" coa finalidade de recoñecer o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na loita contra a desinformación a través da educación documental e da alfabetización informacional  do alumnado abordando o desenvolvemento das competencias e valores que favorezan o pensamento crítico.


   Para que ese papel das bibliotecas sexa realmente efectivo e real, comezamos facendo moitas actividades de formación de usuarios tanto en infantil como en primaria durante toda a semana para lembrar as normas da biblioteca, a CDU, a organización dos andeis, o significado das etiquetas dos libros...

   Pero como hoxe era un día de celebración, empezamos pola mañá entregando varios agasallos. Primeiro os agasallos aos nenos que participaron no Reto Lector do verán.

   Despois todo o alumnado recibiu un marcapáxinas conmemorativo do Día das Bibliotecas escrito por Moncha Prieto (autora do libro Alma de barro. Relatos da Ribeira Sacra) como agasallo para o Colectivo Lemos Le.

 O tesouro da miña avoa

  Cando entro na sección infantil dunha biblioteca, inevitablemente penso na ledicia que sentiría, nese mundo máxico, a nena que fun, a nena que non tiña libros, a nena que devecía por ler.

   A avoa non sabía escribir, tampouco ler, máis tiña un libro que a nena non descubrira. Un día, empurrada pola curiosidade, decidiu baixar á bodega, un lugar restrinxido para ela. Batéronlle os ollos cun nicho na parede de pedra. Rebuscou dentro, topou con el. Colleuno con reverencia culpable. Na portada, a foto dun home con sombreiro de ala ancha, bigote e anteface negro, o Coiote.

   Con aquela alfaia nas mans sentou enriba dun saco de carrolas e empezou a ler. Foi pasando as páxinas e, vaites! un billete de 25 pesetas agochado alí. Esfollou, foron aparecendo máis billetes de diferente valor, ata un de 500 pesetas que ela nunca vira, "o becerriño da Rubi", pensou.

   Amolada, devolveu o libro ao seu agocho. Non podía sacalo de alí. Estáballe prohibido. Aquel tesouro non era para ela. Ela o tesouro da súa avoa.

 FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!

sábado, 26 de octubre de 2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS - COLECTIVO LEMOS LE

   Como cada ano, o Colectivo Lemos Le do que forma parte a nosa biblioteca, organiza unha xuntanza de confraternidade  para fomentar o papel das bibliotecas escolares e municipais.

   Esta décima xuntanza celebrouse no concello de A Pobra do Brollón xa que o Colectivo dedicará este curso á tradición oral (elixida como protagonista do Día das Letras Galegas 2025), concretamente ás regueifas e aos brindos que son tradicionais deste Concello.


    Compartimos este xantar persoas de diferentes sectores relacionados co mundo da cultura e as bibliotecas: mestres, bibliotecarios, librarías, editores, autores, responsables políticos... nunha xuntanza da que sempre saen boas ideas para seguir fomentando a lectura.


   Como en anteriores edicións, editouse un marcapáxinas para conmemorar o Día das Bibliotecas que este ano o foi escrito polo Colectivo Erre que Erre que é unha plataforma que se dedica a recoller, ensinar e transmitir á tradición oral do Concello da Pobra do Brollón.

  Ademais puidemos coñecer o seu traballo de primeira man e decatarnos da importancia que ten o labor que están facendo para que non se esqueza toda a riqueza oral que teñen nese concello.


FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!

viernes, 25 de octubre de 2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS

    Desde 1997, o día 24 de outubro, conmemórase o Día das Bibliotecas co "obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao traballo dos bibliotecarios/as".


    Nós aproveitamos esta conmemoración para inaugurar o curso na biblioteca do cole facendo diferentes actividades. O primeiro que estivemos facendo foi formación de usuarios para lembrar as normas da biblioteca, a CDU, as etiquetas dos libros... 

   Pero, sobre todo, estivemos facendo fincapé na organización da biblioteca xa que, coa axuda dos biblioaxudantes, estivemos facendo cambios na distribución dos andeis.




    Ademais da formación de usuarios tamén entregamos os premios aos participantes no reto lector do verán do curso 2024:



   Para rematar esta conmemoración todo o alumnado recibiu o marcapáxinas conmemorativo deste día escrito polo colectivo Erre que Erre como texto agasallo para o Colectivo Lemos Le que este ano dedicará o traballo do curso á proposta para o Día das Letras Galegas: á tradición oral; concretándoa nos brindos de A Pobra do Brollón.
 
 
FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!

lunes, 23 de octubre de 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS

   Hoxe celebramos o Día das Bibliotecas e, como non podía ser doutra forma, foi un día moi completo!

   Durante toda a semana estivemos facendo formación de usuarios para lembrar as normas da biblioteca, a CDU, organización dos andeis, o significado das etiquetas dos libros...

   Pero hoxe comezamos pola mañá entregando varios agasallos. Por unha banda, tivemos a entrega de premios aos nenos e nenas de 4º de Primaria que o ano pasado gañaron o Accésit da Categoría III do concurso Nós tamén creamos da TVG polo súa cortometraxe do libro A princesa do Caurel de Javier Solchaga e Patacrúa que é un conto acumulativo clásico arredor do roubo do anel desta princesa do Caurel.

    Podedes ver esta produción no seguinte enlace:



      Despois entregamos uns premios tamén aos participantes no reto lector do verán do curso 2023 que consistía en reescribir o final dun libro que leran na época estival

    A continuación fixemos a presentación do club de lectura deste ano para que o alumnado de 5º e 6º de Primaria vaia decidindo se quere participar e entregámoslle a ficha de inscrición.

 Para rematar esta sesión matutina, todo o alumnado de Primaria recibiu o marcapáxinas conmemorativo deste día escrito polos autores e ilustradores Dani Viéitez e Iria Iglesias como texto agasallo para o Colectivo LEMOS LE.