viernes, 28 de octubre de 2022

PROXECTO OUTONO

 Para celebrar a chegada do outono e decorar o noso cole o alumnado de 6º de primaria, dende a materia de INEIN (Investigación e Tratamento da Información) estivo a realizar un proxecto sobre dita estación. 


Imaxe recuperada de: http://celsocurras.blogspot.com/2017/10/benvido-outono.html 

Comezamos a tarefa dividíndonos en grupos de traballo. A cada un tocoulle un tema diferente: refráns, adiviñas ou poemas de outono. A continuación, puxémonos "mans á obra" e comenzamos a indagar en Internet mediante as tabletas e os ordenadores da biblioteca. Logo de recompilar toda a información, aprendemos a utilizar a web de deseño gráfico, denominada Canva, para poder realizar os carteis dun xeito moi visual e chamativo.





Logo de varias semanas de moito esforzo o resultado é...Bueno, xulgade vós mesmos! 

Nós estamos encantados co froito do noso traballo. 






SAMAÍN 2022

   Para a celebración de Samaín e Halloween desde a biblioteca preparamos un montón de actividades:

    - Exposición de cabazas e outros obxectos terroríficos:

 
  - Lecturas de medo relacionadas con esta época do ano que se estiveron durante toda a semana no expositor da entrada á biblioteca.
    - Certame de creación literaria para o alumnado de 3º a 6º de Primaria. Neste certame, dámoslle ao alumnado o  principio  dun  libro  para  que  eles  reinventen  a  historia; este ano os libros escollidos foron Conexión Macarrón de Ledicia Costas para 3º e 4º de Primaria e Cando non atopas a túa casa de Paloma Sánchez para 5º e 6º.

  Nestas imaxes podedes ver  todos os nenos e nenas que participaron recollendo un agasallo.


 E na seguinte foto aos que gañaron. Tamén podedes escoitar os seus relatos nos seguintes podcast ou lelos en pdf: 





     Despois Lola, Iria, Mencía e Libertad foron as encargadas de ler o libro O noso Samaín de Loretta Birott.

  Con esta lectura apredemos moito sobre a orixe e a historia desta festividade: 

Sabedes de onde procede esta celebración? 

E que significa Halloween? 

Que diferencia hai entre as cabazas de hoxe en día e as bonecas, os calacús ou as caliveras de melón?

Por que os nosos antepasados encendías as lareiras esta noite?

Escoitade atentos e coñeceredes a respostas destas preguntas pero tamén moitas cousas máis...



 GALERÍA  DE  IMAXES

miércoles, 26 de octubre de 2022

DÍA DA BIBLIOTECA 2022

 Como outros anos, aproveitamos o Día da Biblioteca para comezar coa formación de usuarios.

Este ano ademais de publicar os trípticos que cada usuari@ leva para a súa casa, elaboramos tamén un genially que poderedes consultar durante todo o ano.

martes, 25 de octubre de 2022

CIBERSEGURIDADE CON SOFÍA

   A AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnológica de Galicia) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia están realizando actividades de formación en Ciberseguridade para os nenos e nenas galegas.  Os nenos e as nenas de 4º, 5º e 6º de primaria puideron realizar esta actividade grazas a xestión da Biblioteca Pública Municipal.

 
   Durante esta sesión cos compoñentes de Polo Correo do Vento, falamos de internet segura, de Ciberseguridade, da importancia das contrasinais, de non regalar os nosos datos a calquera aplicación...   E todo mentres escoitabamos un conto acompañado pola música dun ukelele.

 
  Ao mesmo tempo que escoitabamos a historia, Pablo (ilustrador), foi debuxando esta infografía que quedará na biblioteca para que as ensinanzas de hoxe non se esquezan.
 
   A continuación compartimos o conto de Sofía para que todos poidades aprender con el.

 
 

DÍA DAS BIBLIOTECAS: Reto lector

Como recordaredes, antes de rematar o curso, Lectuvín presentou un reto lector para o verán:

  

   A conmemoración do Día da Biblioteca é a data que sempre aproveitamos para entregar os premios aos nenos e nenas que participan neste reto lector, por iso hoxe recibiron os seus agasallos.


 

MOITAS  GRAZAS  POR  PARTICIPAR!!

jueves, 20 de octubre de 2022

SAMAÍN CON-SUMO COIDADÍN

     SAMAÍN CON-SUMO COIDADÍN é unha campaña do Instituto Galego de Consumo e da Competencia que ten como obxectivos advertir sobre os principais riscos nos disfraces, complementos e artigos de Samaín e dar a coñecer as normas do etiquetado destes produtos.

 
   Para acadar estes obxectivos, o alumnado a través dunha pequena presentación puido descubrir o que son e o que non son xoguetes, a importancia da seguridade dos diferentes produtos, o símbolo de seguridade 0-3 e o marcado CE.

 

   Despois o grupo de infantil, 1º e 2º decorou unha máscara de cabazas e o grupo de 3º a 6º unha máscara de caveira, ambalas dúas cos símbolos 0-3 e o marcado CE.

GALERÍA  DE  IMAXES

viernes, 14 de octubre de 2022

CONCERTO DIDÁCTICO - Sociedade Filarmónica de Monforte de Lemos

      O alumnado de 5º e 6º de Primaria asistiu o venres, día 14, ao concerto didáctico organizado pola Sociedade Filarmónica de Monforte de Lemos: O violín na Arte dende o Barroco ata hoxe. Un concerto ao que fomos invitados pola filarmónica debido á colaboración entre esta sociedade e o Concello de Sober.

   Neste concerto, o violinista albanés Florian Vlashi, fixo un percorrido pola música dende o Barroco ata a actualidade interpretando obras de autores representativos destes 500 anos de historia como Bach, José Herrando ou Pablo Sarasate. 


    Ademais a música combinábase cunha proxección de cadros nos que aparecía o violín correspondentes á etapa histórica de cada obra: Rafael, Caravaggio, Monet, Picasso, Dalí...

    Durante o concerto o alumnado puido escoitar obras interpretadas a dúo (violín e violonchelo) e obras para violín solista nas que coñecemos tres tipos de violíns diferentes: o violín da época barroca con cordas de tripa, o violín que coñecemos na actualidade e o violín eléctrico.

   Dámoslle as grazas a Sociedade Filarmónica de Monforte por organizar este concerto que resultou unha experiencia moi enriquecedora para o noso alumnado.

GALERÍA  DE  IMAXES

lunes, 3 de octubre de 2022

ESCRIBIR A BIBLIOTECA ESCOLAR (Texto: Asesoría de Bibliotecas Escolares)

 

    A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2022/2023. O lema elixido, ESCRIBIR A BIBLIOTECA ESCOLAR, quere poñer o foco en todas as formas de escrita que cuida e ofrece a biblioteca escolar . A escrita como medio de comunicación, expresión, creación, información e coñecemento.

     A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2022-2023 é obra da calígrafa, deseñadora gráfica e mestra de talleres de caligrafía e lettering Belén L. Méndez coñecida como nacu, que leva xa un tempo colaborando coas bibliotecas escolares en  obradoiros.
  
     A biblioteca escolar ofrece oportunidades e recursos para escribir e escribirnos:
 
- Escribir para saber, para aprender.
- Escribir para comunicar e comunicarnos.
- Escribir relatos, historias.
- Escribirnos, coñecernos a través da escrita: diarios, axendas,  biografía...
- Escribir xuntos en relatos colectivos, encadeados, libros viaxeiros, wikis…
- Escrita creativa: microrrelatos, haikus, collages, caligrafía…
- Escribir para deixar pegada e preservar a memoria individual e colectiva.
- Escribir para incluír e visibilizar.
- Traducir.
- Reescribir, versionar e adaptar.
- Escribir no audiovisual: guións, escaletas.
- Escribir para  estimular a creación