Mostrando entradas con la etiqueta Radio na biblio: Lecturradio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Radio na biblio: Lecturradio. Mostrar todas las entradas

viernes, 12 de junio de 2026

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Manuel Vázquez

    Hoxe tivemos na biblioteca a última sesión da actividade "As familias contan" con Noelia, nai de Manuel Vázquez. Eles descubríronnos unha desas historias que nos axudan a medrar como persoas: El poder del león, de Míriam Tirado, un álbum ilustrado que nos convida a reflexionar sobre as emocións, os límites persoais e a importancia de expresar o que sentimos.

  Saúl é un neno que ás veces non sabe como reaccionar cando algo o molesta ou o fai sentir incómodo e, en lugar de dicir o que pensa, queda calado ou bloqueado. 

   Coa axuda de Thor, o gato dos seus avós, descubrirá que dentro del existe unha forza especial: o "poder do león", unha valentía que lle permitirá expresar os seus sentimentos, defender o seu espazo e facer respectar os seus límites sen necesidade de enfadarse nin facerlle dano aos demais.

      Esta historia axudounos a comprender que dicir "non", pedir respecto ou expresar o noso desacordo non é un acto de egoísmo, senón unha forma de coidarnos e de construír relacións máis sas.


   Se queredes escoitar a historia de Saúl e de como conseguiu facer valer os seus sentimentos respectando tamén os sentimentos e os límites das demais persoas; podedes facelo no seguinte podcast.

 

    MOITAS  GRAZAS  POR  COMPARTIR  ESTE  LIBRO  CON  NÓS  E  POR  DOALO  Á  BIBLIOTECA; PORQUE  TODOS  LEVAMOS  DENTRO  UN  PEQUENO  LEÓN  E  ÁS  VECES  SÓ  PRECISAMOS  APRENDER  A  ESCOITALO!!

 

 

jueves, 4 de junio de 2026

AS FAMILIAS CONTAN: FAMILIA DE ANA

     Comezamos as actividades de xuño, cunha nova familia que ven a participar en "As familias contan". Nesta ocasión acompáñannos Delfín, Mary e Daniel (pai, nai e irmán pequeno da nosa alumna Ana) para contar unha versión do conto clásico Caperucita Roja.

 

    Con esta familia e este libro, comprobamos que os contos clásicos seguen espertando curiosidade e maxia nos nenos e nenas que os escoitan por primeira vez... pero tamén en aqueles que os coñecen de memoria.

    Por uns momentos, a biblioteca deixou de ser só a biblioteca e converteuse nun bosque cheo de camiños, sorpresas e sustos que Carapuchiña tiña que atravesar para levarlle comida á súa avoa. 

    Polo camiño atopouse cun lobo moi astuto que se fixo pasar por amigo seu para enganala e chegar antes que ela á casa da avoa coa intención de ocupar o seu lugar e papalas ás dúas.


   Pero grazas á súa valentía e á axuda doutros personaxes, a historia remata cun final feliz. Iso si, lembrade que debedes desconfiar dos descoñecidos e dos lobos demasiado astutos!!

   Se vós tamén queredes escoitar este conto clásico contado por Delfín, Mary, Daniel e Ana; podedes facelo no seguinte podcast!


    MOITAS  GRAZAS  POR  COMPARTIR  CON  NÓS  UNHA  DESAS  HISTORIAS  QUE  NUNCA  PASAN  DE  MODA  PORQUE  CADA  VEZ  QUE  SE  CONTAN, ATOPAN  NOVOS  OÍDOS  DISPOSTOS  A  ESCOITALAS!


 

viernes, 22 de mayo de 2026

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Alfonso e Antía

      Estase rematando maio pero a actividade da biblioteca non para. Nesta ocasión contamos coa presenza de Dunia e Javier, nai e pai de Alfonso e Antía, que viñeron a participar en "As familias contan" para compartir con nós a versión da Editorial Educateatro do libro Os tres porquiños.


     Unha versión moderna do conto que ademais viña con sorpresa xa que o libro inclúe unhas cancións moi marchosas das que puidemos escoitar un anaco na biblioteca mentres cantabamos e acompañabamos coas palmas.


    Escoitando aos nosos convidados, puidemos descubrir que nesta versión, os porquiños tiveron que marchar a construir a súa casa a un bosque moi afastado porque querían vivir lonxe das grandes cidades e das ruidosas fábricas.


    E que o pobre do lobo tiña "un principio de rinite alérxica que desembocou nunha asma crónica galopante" que non lle permitiu soprar con toda a forza que podía e, por iso, non foi quen de derrubar a casa de pedra.


    Tamén que o lobo se quixo modernizar e enganalos disfrazándose de pizzeiro e ofrecéndolles unha riquísima pizza; menos mal que o porquiño maior estaba atento e se decatou do engano!


   O que si que non cambia nunca neste conto é que o máis traballador de todos os irmáns é o Maior mentres que os outros son máis lacazáns.


   Pero xa non vos contamos máis; se queredes escoitar todo o conto e pasar un bo rato coa historia preferida de Alfonso e Antía, podedes facelo no seguinte podcast!

 

 MOITAS  GRAZAS  AOS  CATRO  POR  VIR  A  COMPARTIR  ESTE  RATIÑO  Á  BIBLIOTECA  CUN  CONTO  TAN  DIVERTIDO!!



domingo, 10 de mayo de 2026

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Carla M.

     Hoxe veu á biblioteca Lupe, a nai de Carla Martínez, para participar nunha nova sesión da actividade As familias contan; entre as dúas léronnos o libro Pupi y los piratas de María Menéndez-Ponte.

   Con esta lectura coñecemos a Pupi (un extraterrestre do planeta Azulón que nunha das súas viaxes chegou ao patio do colexio de Blanca) e a Aloe (unha extraterrestre do planeta Ecoplanet, que como podedes imaxinar, é moi ecoloxista)


   Nesta historia os dous están convidados ao aniversario de Rosy e, como agasallo, Aloe non lle regalou patíns nin cousas normais de aniversario, senón que lle regalou unhas gominolas moi especiais!


    Tan especiais eran esas gominolas que cando se decataron... xa non estaban! A Pirata Lola desaparecera con elas! Todos saíron correndo detrás da pirata sen pensar ata que se deron conta de que estaban no medio do océano.


   E diante deles un galeón feito de gominolas aínda que cun pequeno problemiña: estaba cheo de piratas que os fixeron prisioneiros! Atados e sen poder saír do barco, tiveron que pensar un plan para escapar.


   Que faríades vós? Pois se queredes saber cal foi o seu plan e como conseguiron escapar dos piratas, podedes escoitar o podcast que as dúas gravaron en Radiuvín (Pista: son saudables as gominolas? Ou mellor algo de froita?)

 MOITAS  GRAZAS  ÁS  DÚAS  POR  COMPARTIR  ESTA  AVENTURA  QUE  NOS  FIXO  REFLEXIONAR  SOBRE  O  ABUSO  DAS  CHUCHES!
 

viernes, 24 de abril de 2026

AMPADRIÑAMENTOS E APADRIÑAMENTOS LECTORES POLO DÍA DO LIBRO

   Cada ano polo Día do Libro realizamos unha actividade que lle gusta moito ao noso alumnado: os apadriñamentos e amadriñamentos lectores. Como este curso o Día do Libro coincidiu case ao voltar das vacacións, trasladámola un par de días para que os biblioaxudantes puideran preparar as lecturas escollidas.

    O alumnado biblioaxudante organizouse en cinco grupos que se repartiron polo colexio con candanseu libro para lerlles ao resto do alumnado que, tamén dividido en 5 grupos, foi percorrendo a senda dos libros:

  Na biblioteca Valeria, Saúl e Xiana contaban o libro Paco y el rock escrito por Magali Le Huche con animación musical incluída.


    No corredor principal Laura e Manuel V. esperaban co libro O xardín de Irene de Xosé Neira Vilas para recitar varios dos poemas do libro pero tamén algúns escritos por eles mesmos.

   Continuamos no Salón de Actos con Carla M. e Noa e o libro O libro grande dos números pequenos  escrito por Berta Dávila; unha lectura acompañada dun xogo que elas tiñan preparado.

  No patio do colexio Leonor, Xoán e Carla R. tiñan preparada a lectura do libro Violeta ás agachadas  de Ramón D. Veiga, tamén con algunha sorpresiña.

    Rematamos o percorrido no patio do colexio onde Ainhoa, Silvia e Manuel L. tiñan preparado un teatrillo para compartir o libro Astropal. Un comenta con corazón escrito por Julio José Fernández.


Podedes ver todas as imaxes desta conmemoración na 

GALERÍA  DE  IMAXES

MOITAS  GRAZAS  AOS  BIBLIOAXUDANTES  POR  ESTAS  LECTURAS!!

FELIZ  DÍA  DO  LIBRO!!

(En breve estarán dispoñibles os podcast de Radiuvín! 

Estade atentos!) 

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Xiana

   Hoxe tivemos unha nova familia na actividade "As familias contan" xa que nos acompañou Santi, o pai de Xiana, para compartir con todas as crianzas do colexio El ladrón de flores, escrito por Alice Hemming.

      Con eles coñecemos a Esquío que é o protagonista da historia. Un día el comeza a escoitar sons novos no bosque: a chamada do cuco, o zunido dun abesouro, o voo dunha anduriña... e atopa unha preciosa flor crecendo no bosque: CHEGOU  A  PRIMAVERA!!


     Esquío quere quedarse coa flor  para el só pero quere protexela tanto do vento, da auga, dos abellóns... que igual é demasiado; sabedes que necesitan as plantas para vivir?


    Ademais Esquío ten medo de que lle rouben a flor, pero os seus amigos explícanlle que as flores silvestres non pertencen a ninguén, crecen no campo para todos.

   Esquío tamén aprende moito sobre a polinización, as necesidades das flores, a importancia das flores para os animais e para as persoas...


  E se vós queredes aprender todas estas cousas sobre a natureza e a primavera, podedes escoitar o seguinte podcast que Santi e Xiana gravaron en Radiuvín

   MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  LERNOS  ESTE  LIBRO  IDEAL  PARA  APRENDER  A  GOZAR  DA  NATUREZA  E  DA PRIMAVERA!! 

 GALERÍA  DE  IMAXES