viernes, 6 de noviembre de 2026

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Julieta e César

     Hoxe abrimos as portas da nosa biblioteca para dar comezo neste curso á actividade «As familias contan» coa ilusión de compartir, aprender e desfrutar da lectura en familia!

    Nesta ocasión, tivemos o pracer de recibir a Maryori, Julieta e César que nos agasallaron coa lectura do libro Mi cuerpo es mío da Asociación Profamilia.

   

    Con esta lectura aprendemos algo tan importante como que O NOSO CORPO, É NOSO! que nos pertence e que temos dereito a decidir sobre el. 

     A través desta historia a protagonista axúdanos a expresar o que nos gusta e o que nos incomoda e, sobre todo, aprender a dicir «NON» cando unha situación non nos fai sentir ben porque hai veces que nos gusta que nos toquen pero hai outras veces que non.

    Ademais pode haber contactos que nos gusten ou non dependendo da persoa ou do momento como que nos fagan cóxegas, nos den bicos ou nos abracen.


    Unha lectura estupenda para falar sobre o respecto ao propio corpo e ao dos demais, a importancia de establecer límites persoais e a confianza para pedir axuda cando a necesitamos porque aprender a coidarnos tamén significa saber que o noso corpo é noso e merece ser respectado.


   Antes de rematar, Julieta e César repartíronnos unha marcapáxinas que deseñaron para esta actividade; para que non se nos olvide o aprendido!



  Se queredes escoitar este libro tan educativo, podedes facelo no seguinte enlace de Radiuvín:

MOITAS  GRAZAS  POR  COMPARTIR  CON  NÓS  ESTE  LIBRO  TAN  INTERESANTE SOBRE  O RESPECTO  AOS  LÍMITES  PERSOAIS!!

GALERÍA  DE  IMAXES


miércoles, 4 de noviembre de 2026

CLUB DE LECTURA (1/2026-2027)

    Comeza unha nova aventura lectora!! 

    Nesta primeira sesión do club de lectura reunímonos para dar a benvida a todos os seus membros e convidalos a formar parte dun novo ano cheo de libros, de historias e de momentos compartidos.


    O primeiro foi presentar o club e explicar o seu funcionamento aos novos integrantes, para que coñecesen como nos organizamos e que imos facer ao longo do curso.

      A continuación chegou o momento de coñecer un pouquiño mellor o seus gustos lectores para intentar que esta aventura sexa o máis satisfactoria posible para todos.

     Por iso os membros novos cubriron unhas enquisas iniciais nas que puideron contarnos que lles gusta ler, por que len, con que frecuencia o fan e cales son as súas preferencias lectoras; mentres que os que continúan desde o curso pasado tiveron ocasión de facer balance da experiencia: valoraron os libros que lemos, contáronnos que foi o que máis e o que menos lles gustou e compartiron as súas opinións e propostas para este novo ano.

    Despois chegou o momento máis esperado: a presentación da nosa primeira lectura! 

   O libro escollido para comezar esta aventura é Vampira de biblioteca, de Ledicia Costas. Pero... por que parece que repartimos dous libros diferentes ? Por que hai dúas portadas diferentes? Esta diferenza serviu para empezar aprendendo algo novo: que son as edicións e as reimpresións. 

      E para ir abrindo boca lemos as primeiras páxinas nas que Eleonora, a vampira protagonista, se dirixe directamente aos lectores cun ton moi divertido e cheo de humor. Unha introdución que nos deixou con ganas de saber máis e cunha tarefa: reflexionar sobre os nosos propios medos.



    Antes de rematar, acordamos a data da próxima sesión e os capítulos que teremos que ler para ese encontro con moitas ganas de que Vampira de biblioteca nos faga rir e desfrutar do pracer de ler xuntos.

lunes, 2 de noviembre de 2026

CONTOS DE TRADICIÓN ORAL: Celso Fernández Sanmartín

     A través da Secretaría Xeral da Lingua, hoxe tivemos na biblioteca a Celso Fernández Sanmartín, para contarnos contos ligados á tradición oral.

   Con el desfrutamos dunha sesión moi divertida e entretida na que coñecemos a historia do home do saco, ao despistado Xan Piruliñas que nunca facía nada ben, a un rei que tiña un cabalo chamado Careto e o que lle aconteceu a outro rei cun paxariño moi pequeniño.

    Tamén aprendemos algúns trabalinguas que teremos que practicar máis porque non saíron moi ben... Deixámolos aquí por se queredes seguir practicando:

  A miña potra parda preta,

tivo un potro pardo preto

e díxolle ao potro pardo preto:

"trepa potro pardo preto, trepa"

Debaixo dunha pipa tinta

hai unha pita pinta;

cando a pipa pinta pinga,

a pita pinta, pía.

 

    Ademais durante toda a actuación aprendemos moitas cancións acompañadas con xestos ou palmas!



MOITAS  GRAZAS  POR  ESTA  SESIÓN  TAN  DIVERTIDA!

GALERÍA  DE  IMAXES


-


viernes, 30 de octubre de 2026

SAMAÍN 2026

     Un ano máis, a nosa biblioteca encheuse de misterio, creatividade e moito medo para celebrar o Samaín. Durante estes días desenvolvemos diferentes propostas nas que o alumnado puido deixar voar a súa imaxinación, achegarse ás historias máis arrepiantes e gozar dunha das celebracións máis especiais do outono.


       Para comezar, o alumnado sorprendeunos coas súas orixinais creacións convertendo a nosa  exposición nun auténtico recuncho terrorífico onde non faltaron cabazas, monstros e personaxes propios destas datas.

    Desde a biblioteca tamén preparamos unha selección de libros de medo e misterio que expuxemos no corredor principal para que os nosos lectores e lectoras puidesen descubrir novas aventuras, coñecer personaxes inquietantes e mergullarse no pracer de ler.

   Outra actvidade foi o certame de creación literaria para o alumnado de 3º e 4º de Primaria no que a imaxinación tamén se puxo ao servizo da escritura. Neste certame, o alumnado de 3º e 4º partía dun fragmento do libro Miña nai é unha bruxa de Elena García e o de 5º e 6º dun fragmento do libro Guía dos seres fantásticosque viven en Galicia sen que tal vez o saibas de Anaír Rodríguez.

    Houbo moitas propostas e despois de valoralas todas, chegou o momento de descubrir as creacións premiadas e lelas na biblioteca para compartilas co resto dos compañeiros. Parabéns aos gañadores e gañadoras!




 E parabéns tamén ao resto de participantes! 

Moitas grazas por participar e compartir as vosas creacións!




   Pero as historias non quedaron só no papel. Os relatos seleccionados tamén tiveron o seu espazo na nosa radio, onde puidemos escoitar as voces dos seus protagonistas e gozar destas pequenas creacións literarias. Vós tamén podedes escoitar estes relatos premendo no nome dos gañadores.


 UXÍA  GÓMEZ  PEREIRO

SAMUEL  DUARTE  ALECU

TEO CASTRO  LÓPEZ

EREA VÁZQUEZ RODRÍGUEZ

MANUEL VÁZQUEZ VÁZQUEZ

LEONOR MOLINA RIVAS

    E, como non podía ser doutro xeito, tamén houbo tempo para que o alumnado puidese xogar, divertirse e lucir os seus disfraces.








 

VÉMONOS  NO  PRÓXIMO  SAMAÍN... 

SE  VOS  ATREVEDES!

GALERÍA  DE  IMAXES

  

domingo, 25 de octubre de 2026

DÍA DAS BIBLIOTECAS

    Hoxe celebramos o Día das Bibliotecas que desde 1997, se conmemora o 24 de outubro, co "obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao traballo dos bibliotecarios/as".


     Na nosa biblioteca foi un día moi completo con moitos agasallos e sopresas por descubrir. Un día para aprender, compartir e demostrar que a biblioteca é moito máis que un lugar cheo de libros: é un espazo para ler, explorar, investigar e vivir grandes aventuras.

 

    Comezamos coa entrega de agasallos aos participantes no recto lector do verán destinado a todo o alumnado de infantil e primaria do colexio. PARABÉNS a todas as nenas e a todos os nenos que gozaron da lectura durante as vacacións e decidiron compartilo con nós!


    Despois fixemos un xogo de retos para comprobar canto aprenderon os nenos e as nenas na formación de usuarios. Para superar estes retos e conseguir a chave que abría a maleta cargada de sorpresas, cada equipo formado por alumnos e alumnas de todos os cursos de primaria e de infantil, tiña que superar diferentes probas adecuadas a súa idade relacionadas coa CDU, coas etiquetas dos libros, coa busca de información na biblioteca, coa organización de fondos da biblioteca, coa consulta no catálogo Koha... 





   Pero a aventura non remataba aí! Unha vez superadas as probas, os equipos conseguían unha peza dun quebracabezas e, con todas as pezas, os representantes dos equipos tiñan que reconstruír a portada dun libro e localizalo na biblioteca: entre as súas páxinas agardaba a chave que abría o noso tesouro! 
 

 


   E para rematar a celebración e deixala inmortalizada tocou posar!

  Para isto preparamos un divertido photocall conmemorativo polo que pasaron todas as crianzas do colexio, deixando unha morea de sorrisos e bos recordos desta xornada tan especial.

  
 

Podedes ver todas as fotografías da celebración e do photocall na seguinte ligazón: 

 GALERÍA  DE  IMAXES

FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!!