miércoles, 31 de octubre de 2018

SAMAÍN 2018

    Para a celebración de Samaín e Halloween desde a biblioteca preparamos un montón de actividades:
    - Exposición de cabazas e outros obxectos terroríficos
    - Contos de medo que máis que medo, dan risa do contacontos Pedro Brandariz e que podedes recordar no seguinte enlace:
   - Lecturas de medo relacionadas con esta época do ano que se estiveron durante toda a semana no expositor da entrada á biblioteca.
    - Certame de creación literaria para o alumnado de 3º a 6º de Primaria. Neste certame, dámoslle ao alumnado o  principio  dun  libro  para  que  eles  reinventen  a  historia; este  ano  os  libros  propostos  foron  Operación Frankestein de Fermín Solís para 3º e 4º de Primaria e Mortiña de Bárbara Cantini para 5º e 6º.
      Pola tarde, os gañadores do certame de creación literaria foron os protagonistas das Lecturas de medo lendo as súas historias ao resto do alumnado.

   Ademais nestas lecturas de medo, cantando a canción do Samaín de Mamá Cabra do seu disco

 NO   SEGUINTE  VÍDEO  PODEDES  VER   O   RESUMO  DAS   ACTIVIDADES

martes, 30 de octubre de 2018

PARABÉNS Á BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL!!

    Hoxe a Biblioteca Pública Municipal do noso concello está de noraboa pois co seu proxecto Sober lee 2018, foi premiada na XIX Campaña de Animación a Lectura María Moliner organizada polo Ministerio de Educación; mantendo o nivel que lle levou a acadar este mesmo galardón o curso pasado.

   Este concurso ten por obxectivo "premiar a aquelas bibliotecas de municipios que leven a cabo un proxecto único que inclúa accións de animación á lectura, á eficiencia e á labor bibliotecaria, á integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías" (www.mecd.gob.es).

   Acadar este galardón un ano máis, reflexa o bo facer de Julia Fernández Garza, Rocío Fernández e de Dunia Vázquez.

PARABÉNS  COMPAÑEIRAS!!! 

lunes, 29 de octubre de 2018

CONTOS DE MEDO QUE DAN RISA

    Comezamos o Samaín cunha actividade de animación á lectura subvencionada polo Concello de Sober, o contacontos de Pedro Brandariz: Contos de medo que dan risa.
  Durante esta sesión de contacontos, puidemos escoitar a historia da pantasma cataplasma (versión do conto Un fastama en apuros de Laura Gallego) escenificada por algúns alumnos do centro e Xaime e as landras de Tim Bowley.
   Antes de rematar, aínda houbo tempo dalgún truco de maxia que nos deixou abraiados!!

MOITAS  GRAZAS  AO  CONCELLO  E  A  PEDRO  BRANDARIZ 
POR  ESTA  SESIÓN  DE  ANIMACIÓN  Á  LECTURA  TAN  DIVERTIDA!!

viernes, 26 de octubre de 2018

COMEZAN AS EMISIÓNS DE RADIUVÍN: DÍA DA BIBLIOTECA

    Chega o Día da Biblioteca e todo o relacionado con ela empeza a espertar do seu descanso estival; inlcuída Radiuvín, a nosa radio.

    Para comezar, que mellor que lembrar todo o que fixemos o ano pasado co vídeo recopilatorio que nos mandan desde Rede Espora?

    Neste vídeo poderedes ver os primeiros pasos dos colexios que entramos o ano pasado no Proxecto Radio na biblio.
   
   E como non podería ser doutro xeito, comezamos a emisión cun programa relacionado coa nosa biblioteca; un programa no que os alumnos de 3º e 4º de Primaria nos informan sobre todo o acontecido o día da biblioteca e os alumnos de 5º e 6º nos contan o que máis lles gusta da biblioteca do cole para que non dubidedes en ir a ela.

jueves, 25 de octubre de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA na prensa

   Mirade a noticia que adica hoxe El Progreso á nosa celebración do día da biblioteca,
 unha noticia que non pasa desapercibida porque ocupa media páxina!!

El Progreso, 25 - 10 - 2018


RETO LECTOR PARA O VERÁN

Recordades que en xuño propuxémoslles aos nosos alumnos un reto lector para o verán?

  Pois aquí tedes aos nenos e nenas que foron quen de cumprilo recibindo un agasallo
NORABOA  LECTORES!!

miércoles, 24 de octubre de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA - 2018

     Xa chegou o Día da Biblioteca e con el un montón de actividades que tiñamos preparadas para conmemorar esta data:
     
      Primeiro presentamos as dúas novidades deste curso:  a CDU ilustrada de Óscar Villán  e o cartel co lema deste ano para as bibliotecas escolares: Poéticas diversas na biblioteca escolar de Nuria Díaz.
 
   Tamén comezamos coa formación de usuarioscos nenos de infantil e de primaria recordando as normas básicas da nosa biblioteca:
    A media mañá fomos de visita á Biblioteca Pública Municipal onde nos recibiron Julia Fernández Garza, a bibliotecaria, e Rocío Fernández, técnica informática do Concello, para falarnos de todas as posibilidades que nos ofrece a biblioteca: fondos, actividades, recursos, horario...
    Para nós é moi importante a colaboración entre as dúas bibliotecas, a escolar e a municipal, xa que os nosos alumnos e alumnas son parte dos seus usuarios e usuarias como podemos comprobar neste vídeo que elaboraron na BPM e que ten como protagonistas a algúns dos nosos alumnos que participan no programa de animación á lectura: Merenda con contos.
   E como mostra da colaboración entre as dúas bibliotecas, iniciamos alí o noso BREAK OUT, un xogo de formación de usuarios no que o noso alumnado terá que ir superando retos para conseguir abrir os candados que custodian o gran tesouro por descubrir.

    O primeiro reto foi para os alumnos de 4º e 5º de Educación Infantil. Eles tiñan que atopar na biblioteca os libros indicados na súa pista e acadar así a chave que abriría o primeiro candado.
 
 
  Con esta proba superada, entre todos levamos o noso tesouro para a biblioteca do colexio onde seguiremos superando probas que nos permitan descubrir que é o que esconde esta gran maleta.
 

domingo, 21 de octubre de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA - Lemos LE

    Como todos sabedes, a nosa biblioteca e a BPM de Sober formamos parte do Colectivo Lemos LE que por sexto ano, ven de organizar un xantar de confraternidade para conmemorar o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro; no que nos reunimos persoas de todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación da nosa comarca.

    Nesta ocasión a reunión tivo lugar no Concello de Bóveda, por iso, comezamos esta xuntanza escoitando a Miriam Palmón, bibliotecaria do Concello anfitrión e a Cristina Juíz López  Concelleira de Cultura para darnos a benvida ao Colectivo e a todos os asistentes.
    Antes de xantar tamén puidemos escoitar na voz de Mónica, bibliotecaria do Saviñao, o texto co que a escritora do mesmo concello, Alicia Fernández, nos agasallou con motivo desta celebración.
http://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/alicia-fernandez-rodriguez
     E como recordo para os participantes nesta xuntanza, editamos un marcapáxinas co texto co que o ano pasado nos agasallou Ramón Sandoval, un texto que podedes ler aquí e que fala da súa relación persoal coa lectura e cos libros e que ademais fala do noso Concello xa que el é soberino.
    Despois de xantar, centrámonos no V Certame Mulleres de Lemos. Unha muller para o 8 de marzo adicado a Genoveva González Prieto.
   Para isto, da man do Centro de Información á Muller, fixemos un visionado do conto baseado na súa vida escrito por Mirian Palmón Díaz e ilustrado polo alumnado de centros de Primaria da Comarca coma o noso.
    Despois desta fermosa proxección, membros do colectivo fixeron entrega dos premios correspondentes ao Certame Mulleres de Lemos:
    1º PREMIO BANDA DESEÑADA: para Samanta López Vázquez e Celine Varela Zher (quen non puido acompañarnos no xantar) pola atmosfera poética que a impregna e que a través dun debuxo, que en ocasións se achega case á abstracción, consegue ofrecer unha narrativa visual moi interesante. Trátase dun debuxo maduro no que se xoga co uso da perspectiva e dos distintos planos para lograr cambios de ritmo que conseguen acrecentar o interese e a atención pola historia.
    ACCÉSIT  BANDA  DESEÑADA para Víctor Domínguez polo gran coidado no seu acabado e presentación, así como o traballo, a limpeza das liñas e a personalidade do debuxo.
    CATEGORÍA DIVULGACIÓN para Julio González Puente polo seu traballo A escola de Genoveva no que de forma autobiográfica relata a importancia desta mestra na súa educación.


   Con esta entrega de premios damos por rematado o V Certame e adiantamos que a VI edición terá como protagonista a unha muller do Concello de Ferreira de Pantón
   O acto finalizou cunhas verbas de José Manuel Arias López, alcalde de Bóveda, concello anfitrión nesta edición.
FELIZ  DÍA  DA  BIBLIOTECA!!
Membros do Colectivo Lemos Le
O alcalde de Sober celebra con nós esta data.
Algunhas mestras do colectivo