Mostrando entradas con la etiqueta Axenda 2030. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Axenda 2030. Mostrar todas las entradas

viernes, 10 de abril de 2026

OBRADOIRO: ESTILO DE VIDA SAUDABLE (ANPA)

  

    Con motivo do Día Mundial da Saúde que se conememora o 7 de abril, a través da ANPA do colexio, realizamos unha actividade sobre hábitos de vida saudables para o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria coa que seguimos facendo fincapé nos obxectivos 2030.

     Nesta charla, Jorge Cogolludo, enfermeiro do HULA, faloulles primeiro sobre os 5 pilares fundamentais nos que se apoia un estilo de vida saudable: alimentación saudable, actividade física, sono efectivo, nada de tacabo nin alcol e benestar psicolóxico.

  Comezou pola alimentación saudable que é moi importante porque nos axuda a previr, tratar e disminuir o risco de complicacións e enfermidades. Para iso fixo un repaso sobre os hidratos de carbono, as proteínas, os lípidos e as vitaminas destacando como súperlimentos o ovo, as sardiñas e o aceite de oliva virxe extra. Tamén aprendemos que os cítricos teñen a fama da vitamina C pero que hai outros alimentos que a teñen en máis cantidade como o kiwi, o pemento vermello ou as acerolas.

   Despois de coñecer todo o bo que si que deberiamos comer, explicounos o que non: refrescos, bollería... e a importancia do pancreas que é o órgano que regula a insulina para controlar a nosa cantidade de azucre en sangue e o fígado que é o que loita contra o colesterol para que as graxas non se acumulen nas nosas arterias ou noutros órganos. Así como outras enfermidades que poden derivar dun estilo de vida non saudable.

    E como podemos facer para levar todo o aprendido á práctica? Pois lembrarnos do prato de Harvard que indica a proporción saudable de alimentos: 25% de hidratos preferiblemente integrais xa que axudan a conservar o nivel de azucre e enerxía durante máis tempo, 25 % de proteínas e 50 % de hortalizas, verduras e froitas. Ademais de beber entre 1,5 e 2 litros de auga ao día.

    Outro factor importante a ter en conta sería vixiar as etiquetas dos alimentos que compramos para ver todo o que inclúen (ás E): aditivos, edulcorantes, estabilizantes, colorantes, espesantes... e que derivan en problemas de saúde como hiperactividade, alerxias ou alteracións sanguíneas, inmunitarias, hepáticas, hormonales...

   O segundo pilar dun estilo de vida saudable sería o exercicio: o noso alumnado debería facer deporte 1 hora ao día como mínimo 3 días á semana máis deportes de forza. Preferiblemente ao aire libre xa que isto axudaría ao nivel de vitamina D. 

   En canto ao tabaquismo: canto máis lonxe mellor! Os adultos non deberían fumar preto dun neno ou dunha nena así que se hai alguén fumando o mellor é poñer distancia.

   O último pilar, o benestar psicolóxico, é tamén moi importante xa que debemos ser capaces de pensar en positivo e saber identificar e controlar as emocións que sentimos: medo, ira, tristeza, alegría... e tamén poder falar sobre elas con alguén de confianza tanto cando nos sentimos ben como cando nos sentimos mal.

  Ademais para sentirnos ben con nós mesmos é moi importante tamén dar grazas, pedir perdón e saber dicir que non. Hai moitas frases que nos poden axudar como "tes un momento para estar comigo?", "Non me sinto ben, podo falar contigo?", "Síntoo, perdóasme?"...

    Podemos dicir que foi un obradoiro moi interesante e moi proveitoso para o noso alumnado así que MOITAS  GRAZAS  A  JORGE  E  Á  ANPA  POR  ESTA  ACTIVIDADE!! 

ESPERAMOS  QUE  O  NOSO  ALUMNADO  POÑA  EN  PRÁCTICA  O  APRENDIDO!!
 

 

lunes, 9 de marzo de 2026

TALLER DE PRIMEIROS AUXILIOS

    Comezamos esta semana cun obradoiro de primeiros auxilios da man de Fernando Méndez, ex-alumno do centro e Técnico en emerxencias sanitarias, que se achegou á biblioteca do colexio para ensinarlles aos nenos e ás nenas de 5º e 6º de Primaria que facer en situacións de emerxencia.


   Unha actividade que se encadra dentro da Axenda 2030 que propón Saúde e Benestar como un dos seus obxectivos.

      A charla estivo dedicada a primeiros auxilios relacionados con situacións cotiás: desmaios, mareos, feridas e curas, atragantamentos...

     O primeiro do que nos falou foi de mareos e desmaios. Nesta situación, antes de nada, temos que comprobar se a persoa responde e está consciente achegándonos a ela e falándolle e se non o está chamar, ao 061 ou ao 112 e


   Se non responde, o seguinte será comprobar se respira. Para iso podemos fixarnos se move o peito, achegar a nosa orella á súa cara e escoitar a súa respiración facendo unha maniobra frente - mentón  para a apertura das vías aéreas.

  Se comprobamos que a persoa respira, o seguinte paso sería poñela de lado en posición de seguridade para evitar que se asfixie se vomita.

 


   Pero se non respira, habería que facer comprensións torácicas (RCP) ao ritmo da canción da Macarena cos brazos ben estirados e turnándonos con outra persoa ata que a vítima recupere a respiración ou cheguen os servizos médicos. No caso de que sexa unha vítima de 3 ou 4 nos, as comprensións torácicas faranse só cunha man.


   E que facemos se a vítima está convulsionando? Non podemos agarrala nin meterlle nada na boca. O que temos que facer é apartar todo o que lle poida facer dano (por exemplo: se hai preto un moble ou algo que lle poida caer), intentar amortiguar as convulsións na cabeza poñéndolle algo debaixo como unha chaqueta e poñela en posición lateral en canto pare de convulsionar para evitar atragantamentos.

    Fernando tamén nos ensinou como actuar en caso de atragantamento: se o atragantamento é parcial e a vítima tose, simplemente hai que animala a toser; pero se a vítima sofre un atragantamento total, primeiro hai que dárlle 5 golpes secos na espalda entre as escápulas e despois facer a maniobra de Heimlich. Se aínda así a persoa non consigue respirar e expulsar o corpo estraño; repetirase a secuencia golpes na espalda - maniobra de Heimlich.

  Se a vitima é un bebé, os golpes na espalda daránselle apoiándoo sobre o noso antebrazo e unha perna e a maniobra de Heimlich cos dedos polgares igual que se lle estiveramos facendo unha RCP.


    Tamén falamos doutras situacións como cortes, feridas, queimaduras... e aprendemos o funcionamento dun desfibrilador coa finalidade de perderlle o medo xa que Fernando nos explicou que estes desfibriladores só dan descargas cando despois de poñer os adhesivos no peito, detectan que hai un problema no corazón.


 MOITAS  GRAZAS  A  FERNANDO  POR  ESTE  OBRADOIRO  AÍNDA  QUE  ESPERAMOS  NON  TER  QUE  POÑER  NUNCA  EN  PRÁCTICA  O  QUE  APRENDEMOS!!
 


 

viernes, 30 de enero de 2026

CONTOS PARA O DÍA DA PAZ

   O 30 de xaneiro é o DÍA  DA  PAZ  E  DA  NON  VIOLENCIA  ESCOLAR.  Este ano, quixemos conmemoralo cunha sesión de contos pola paz coa narradora Teresa Grau e coa colaboración de Mercedes Fernández; unha actividade que foi subvencionada pola Asociación de Nais e Pais do colexio.

   Decidimos conmemorar este día con contos porque son unha gran ferramenta para facer que os nenos e as nenas reflexionen sobre a paz e a non violencia pero tamén sobre os sentimentos contrarios á paz: medo, rabia, enfado, ira...
   
   Teresa contounos a historia da raíña patata á que lle daba moito medo pensar que o cociñeiro a podía cociñar e a un soldado que tiña moita rabia e non sabía tranquilizarse polo que lle foi a pedir axuda a un sabio que lle ensinou a relaxarse, a respirar e a desfacerse do medo e da rabia que non lle deixaba estar tranquilo e controlar as súas emocións.
  
   Con Mercedes coñecemos a historia das botas dun xeneral que só pensaba na guerra e en destrozar todo o que se atopaba no seu camiño. Pero el non sospeitaba que nin os seus soldados nin as súas botas opinaban igual que el así que cando gritou "Ao ataqueeee" os soldados marcharon correndo e  as botas colleron o camiño contrario fuxindo da guerra e levando ao xeneral lonxe da destrucción.
  
    Tamén escoitamos un pequeno resumo da vida de Malala Yousafzai, unha rapaza paquistaní moi valente que loitou polo dereito á educación das nenas en todo o mundo chegando a recibir o Premio Nobel da Paz.
  
     Para rematar Teresa narrou A paz perfecta, un conto no que un rei e unha raíña decidiron ofrecer un premio ao artista que puidese debuxar a paz perfecta. De entre todos os debuxos que había, eles escolleron unha pintura na que se vían montañas escabrosas e unha gran tormenta. 
 
    Esta escolla foi algo que sorprendeu a todos pero eles fixáranse en que naquela pintura había un arbusto cun niño no que estaba tranquilamente un paxariño porque paz non significa estar nun lugar sen ruídos, sen problemas, sen traballo duro ou sen dolor. Paz significa que a pesar de estar no medio de todas esas cousas, poidamos manter a calma no noso corazón. Ese é o verdadeiro significado da paz!"
 
 MOITAS  GRAZAS  Á  ANPA  POR  ESTA  ACTIVIDADE  E  A  TERESA  E  A MERCEDES  POLAS  SÚAS  HISTORIAS!
 

miércoles, 3 de diciembre de 2025

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

    A Asamblea Xeral das Nacións Unidas en 1992 proclamou o 3 de decembro como o  Día Internacional  das Persoas con Discapacidade  co fin de promover os seus dereitos e o seu benestar en todos os ámbitos da sociedade e concienciar sobre a súa situación.

   Esta finalidade recóllese tamén nos obxectivos da Axenda 2030  Obxectivo 10: Redución das desigualdades. 

  

    No centro quixemos conmemorar este día a través do libro Diferentes diferenzas escrito por Silvia Penide e compartido polo alumnado de 6º.

 

    Este libro ten como protagonistas personaxes con diferenzas mois variadas: un elefante con tres patas, un gato con dúas narices, unha rapaza con 12 dedos...



         Despois de coñecer aos protagonistas e de escoitar como superan as súas diferenzas, rematamos a actividade facendo un coloquio na biblioteca coa finalidade de sensibilizar ao alumnado sobre a realidade das persoas con discapacidade e sobre as dificultades que teñen que enfrontar na súa vida.