viernes, 29 de noviembre de 2024

THE FAIRY DIANA IN THE MUSICAL FOREST

 Hoxe tivemos no colexio unha obra de teatro EN INGLÉS!!

   Nesta obra a fada Diana ten que loitar contra a malvada bruxa da contaminación e contra Jupiter que quere destruir o mundo porque os seres humanos non paran de contaminalo tirando lixo por todas partes.



    Ela comprometeuse ante Júpiter a recoller todo para que non houbera contaminación e para facelo non estivo soa xa que contou coa axuda do noso alumnado e dos mestres.


   Para concienciar ao alumnado sobre a necesidade de preservar os entornos naturais e xestionar correctamente os residuos, a fada Diana contou cun montón de recursos e cancións que eran necesarias para desvelar o misterio das "3 erres: reusar, reducir e reciclar"


   Unha obra de teatro moi interesante coa que o noso alumnado puido practicar inglés e reforzar conceptos moi importantes para a natureza e o medio ambiente.




jueves, 28 de noviembre de 2024

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO (II)

    Seguimos compartindo experimentos realizados durante novembro, o mes da ciencia en galego nas bibliotecas.

    Compartimos hoxe os experimentos de 1º, 2º e 3º de Primaria para que vexades que pequenos científicos e científicas tan marabillosos temos:

 

 

 

 

miércoles, 27 de noviembre de 2024

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Aroa e Uxía Vivirido

  Hoxe tivemos unha estrea na actividade As familias contan xa que foi a primeira vez que nos acompañou Isa, prima de Aroa e Uxía Vivirido

     Para esta ocasión elas escolleron o libro Até as princesas soltan peidos escrito por Ilan Brenman xa que foi o primeiro libro que Isa lle regalou a Aroa cando era pequeniña. 

    Durante a lectura coñecemos a Laura que chega a casa do colexio cunha dúbida moi importante que xurdiu nunha conversación coas súas amigas e con Marcelo: as princesas soltan peidos?


    Aínda que no primeiro momento ela pensou que non, que as princesas non podían soltar peidos; decidiu preguntarlle ao seu pai para estar segura.

   Para sorpresa de Laura, o seu pai (que era moi lector) tiña un libro sobre princesas no que se explicaba todo sobre elas: "O libro segredo das princesas" e decidiron lelo para saír de súbidas.

    No capítulo Problemas gastrointestinais e flatulencias das princesas máis encantadoras do mundo, puideron ler as historias que lles aconteceran á Borralleira, a Brancaneves e á Sereíña cuns peidos pouco afortunados.

   Ao final Laura comprendeu que hai cousas nas que todos e todas somos iguais como, por exemplo, soltar peidos e por iso, nin as princesas deixan de ser fermosas nin nós deixamos de ser marabillosos.

  Se queredes escoitar este libro tan divertido sobre o que lles pasou ás princesas cando soltaron peidos e decatarvos como a protagonista desta historia de que todos e todas somos iguais, podedes facelo no seguinte podcast.

 

MOITAS  GRAZAS  ÁS  TRES  POR  VIR  A  LERNOS  ESTE  CONTO!!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

martes, 26 de noviembre de 2024

NOVEMBRO MES DA CIENCIA EN GALEGO (I)

      No ano 2001, a UNESCO declarou o 10 de novembro como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento e, por esta razón, novembro converteuse para nós no Mes da Ciencia en galego

   O obxectivo desta conmemoración é mostrar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescudas e divulgación científica e para demostralo, durante todo o mes estivemos a facer diferentes experimentos.

   Comezamos compartindo os experimentos de Educación Infantil:

 

 


domingo, 24 de noviembre de 2024

25 - N DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO: QUE NINGUÉN CHE ROUBE O SORRISO!!

    O 25 de novembro é o Día contra a violencia de xénero. Desde o centro sumámonos a esta conemmoración traballando a importancia do bo trato e da autoestima co libro Pepuka y el mostruo que se llevó su sonrisa de Estela Moreno.


   Para comezar varios bibioaxudantes prepararon unha adaptación do libro que nos representaron nun pequeno teatriño de títeres con bonecos e un montón de complementos que fixeron eles memos.


   Nesta adaptación coñecemos a Pepuka que é unha boneca moi alegre á que lle gusta pasar tempo coas súas mascotas, xogar ao fútbol e escribir contos.

    Un día Pepuka coñeceu a Monstro que era o máis querido, amable e simpático do lugar. Namoráronse e fixéronse noivos.

    Pero pouco a pouco a situación comezou a cambiar e Pepuka só atopaba desprezos, berros e malos modos. Monstro era mentireiro e egoísta e para sentirse ben trataba mal á boneca aínda que para os demais seguía sendo o máis simpático, bo e divertido porque ninguén vía a súa verdadeira cara.

  Pepuka facía todo o que monstro quería: cambiou o pelo, mercou roupa diferente, maquillouse... cambiou tanto que parecía outra persoa! Pero el seguía enfadado; tan enfadado que un día lle roubou o sorriso e lle partiu o corazón.

     Cando sucedeu isto, Pepuka decidiu pedir axuda e nese momento decatouse de que non estaba soa. Entre a familia, a policía e as súas mascotas atoparon os trociños do seu corazón e axudárona a pegalos, fixérona sentir protexida, animárona a volver a xogar ao fútbol e a escribir novos contos de aventuras e, case sen que se darse conta, lle saíu un novo sorriso. 

      Finalmente Pepuka recuperouse, sentiuse máis valente e marabillosa e decidiu intentar ser feliz sen esperar ao amor de ninguén. 
 
 

   Despois da lectura houbo un momento de reflexión no sobre o conto que podemos resumir nas seguintes frases:

    Para axudar a Pepuka, démoslles ás nosas crianzas imaxes da súa cara ás que lle tiñan que debuxar un montón de sorrisos diferentes



  E con esas Pepukas tan alegres elaboramos un mural que situamos 
no corredor principal do colexio para lembrarnos de que 
NON DEBEMOS  DEIXAR  QUE  NINGUÉN  NOS  ROUBE  O  SORRISO!!

viernes, 22 de noviembre de 2024

XII SEMANA DA MÚSICA 2024: A TROMPETA

     Como xa é tradición, polo mes de novembro coincidindo co día de Santa Icía, celebramos a Semana da Música que este ano cumpre 12 edicións. 

    A finalidade desta actividade é coñecer mellor un instrumento musical. En anos anteriores coñecemos ao piano, á guitarra, á familia do vento madeira, a instrumentos tradicionais galegos... e este ano tocoulle a quenda á familia do vento metal, concretamente, á trompeta.

    Durante esta semana o alumnado do centro tivo que resolver os diferentes retos que aparecían diariamente na entrada da biblioteca investigando e descubrindo moitas cousas sobre a trompeta.
 

    Para rematar a semana tivemos unha exposición didáctica a cargo de José Nazario Rodríguez, mestre de trompeta na Escola Municipal de Música de Sober, que ademais é tío da nosa alumna Candela e ex-alumno do centro.

  El ensinounos moitas cousas sobre este intrumento: un pouco da historia, como se produce o son, as súas partes, que finalidade teñen os pistóns...

    Tamén nos presentou varios tipos de trompetas e nos ensinou a diferenza entre a trompeta e o fliscornio (agora xa sabemos que non son da mesma familia aínda que se parezan).

      Ademais Nazario nos ensinou diferentes sordinas que son accesorios que se colocan na campá da trompeta e serven para modificar o seu timbre ou baixar o volume.

     A explicación completouse coa colaboración de Manuel Vázquez e a interpretación dun dúo entre mestre e alumno. 


   Para finalizar Nazario fixo entrega dos agasallos do certame de investigación a entre os que había unhas boquilllas de trompeta e unhas claves de sol  impresas en 3D.


 

    E non podíamos dar por rematada esta actividade sen que o noso convidado pasara polos estudos de Radiuvín para compartir con Candela e Noa unha entrevista que podedes escoitar no seguinte podcast. 



MOITAS  GRAZAS  POR  ESTE  CONCERTO  DIDÁCTICO!!
 
FELIZ  DÍA  DE  SANTA  ICÍA!!!