martes, 28 de septiembre de 2021

VISITA DIDÁCTICA ÁS ESCAVACIÓNS DE PROENDOS

     Fai un ratiño @s alumn@s de 3º a 6º de Primaria fomos a visitar as escavacións arqueolóxicas que se están realizando en Proendos para seguir investigando os restos romanos da antiga Proentia.

     Alí estaba esperándonos Fran Alonso, director das escavacións, para explicarnos os achados realizados nestas sondaxes.


    Comezamos a visita pola nova edificación descuberta este ano, unha edificación de planta circular ao lado da rectoral con muros moi anchos o que, según nos explicou Fran, podería indicar que tería moita altura. 


     De momento non se pode asegurar, pero parece que sería un columbario ou un pombeiro sobre terra do século I: fai 2000 anos!!

 

    Despois achegámonos á segunda escavación realizada que amplia a estrutura do hórreo descuberto o ano pasado. Con esta ampliación pódese intuír que o hórreo estaría formado por 7 muros paralelos cun oco entre eles sobre os que se colocarían táboas de madeira para utilizalo como celeiro ou depósito de cereais.


    Este hórreo é moi singular xa que sería o primeiro encontrado en Galicia de muros paralelos corridos e o único no Noroeste da Península Ibérica.

 

   Aínda que non se sabe a anchura do hórreo xa que os muros non están escavados ata o final, dedúcese que era un hórreo moi grande polo que podería ser que en Proentia se cultivansen e gardasen cereais para comerciar no resto do imperio romano.


    Outro achado importante foron os restos de cerámica marmorata datada do seculo I que da pé a pensar que habería tamén unha zona residencial nobre que aínda está por descubrir.

     Así que podemos dicir que foi unha visita moi interesante e didáctica na que aprendemos moito sobre a importancia destes vestixios e a propia época romana grazas a Fran Alonso que ademáis se achegou ata as nosas instalacións de radio para que Pau e Pilar falaran con el sobre todo o achado ata agora. Escoitade atentos!!


 
MOITAS  GRAZAS  POR  ESTA  VISITA  GUIADA,
ESPERAMOS  PODER  SEGUIR  COMPARTINDO  NOVOS  DESCUBRIMENTOS!
 

viernes, 24 de septiembre de 2021

VACACIÓNS NO MAR - TÍTERES DE LUVA

    O Departamento de Cultura do Concello de Sober a través do programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia, tróuxonos hoxe ao centro a Ton Arenas de Mircromina Teatro de Títeres representando a súa obra Vacacións no mar.

 

     Nesta obra o alumnado de Infantil e Primaria coñeceu a Marina á que lle encantaría viaxar polo mundo, a Moncho que ten un veleiro chamado "Ovos con patacas" e ao pirata Ollo Virollo que se apoderou da nave de Moncho.


 
 
    Despois desta obra tan divertida, @s maiores puideron coñecer como funciona por dentro un teatrillo de títeres da man de Ton que lles explicou aspectos como a colocación dos elementos que utilizou, o movemento das mans para darlle vida aos títeres e os materiais dos que están feitos.





MOITAS  GRAZAS  AO  CONCELLO  POR  ESTE  ESPECTÁCULO!!
 

martes, 21 de septiembre de 2021

VISITA DE ROMÁN RODRÍGUEZ, CONSELLEIRO DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

   Román Rodríguez González (Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade) estivo hoxe no noso centro educativo acompañado de María Carmen Gueimunde González (Xefa Territorial), de Raquel Arias Rodríguez  (Parlamentaria e ex-alcaldesa do noso Concello) e de Luis Fernández Guitián (Alcalde do Concello de Sober e Presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra) para presentar as obras de mellora de eficiencia enerxética que realizará a Consellería no colexio dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica por valor de 260.400 €: renovación de ventás e persianas, cambio de fluorescentes por luminarias LED, substitución dos radiadores de chapa por outros de aluminio, instalación de tarima flotante no salón de actos e a colocación dunha rampla de acceso para mellorar a accesibilidade ao centro.

 
    Ademais de presentar estas obras o Conselleiro tamén coñeceu a nosa biblioteca pertencente ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e ao programa Bibliotecas LÍA.2 xunto con outros 24 centros: “Trátase –explicou o conselleiro– de bibliotecas dotadas de recursos tecnolóxicos e audiovisuais, moitas delas con emisora de radio no marco do programa Radio na biblio, como Radiuvín no CEIP Virxe do Carme, e con diferentes espazos que favorecen o traballo multidisciplinar”.
   
   Para rematar esta visita o Conselleiro e o noso alcalde pasaron polos estudos de Radiuvín onde Lucía Rodríguez e Lucas Rodríguez puideron facerlles unha entrevista na que falaron das obras pero tamén de moitos outros temas: a escola rural, a importancia da cultura e das bibliotecas, as súas profesións, as escavacións de Proendos... Podedes escoitar toda a entrevista no seguinte podcast:

    Ademais queremos compartir as verbas que Román Rodríguez nos adicou no libro de firmas xa que son verbas que inclúen tamén ás nosas familias.

 

  Se queredes ampliar a información desta visita, podedes acceder á reseña publicada na páxina da Xunta de Galicia.

Román Rodríguez destaca o compromiso da Xunta co ensino rural


 Imaxes: Xunta de Galicia


miércoles, 15 de septiembre de 2021

VIAXAMOS POLO MUNDO

     Os alumnos de 5º e 6º de primaria ao regresar ao colexio atopáronse cunha invitación moi especial: participar no proxecto: "VIAXAMOS POLO MUNDO".

 
 
 
    Durante o curso 2021/2022, os maiores do cole, cada mes recibirán o seu billete de avión para visitar de forma virtual distintos países dos 5 continentes e así coñecer a súa localización, xeografía, bandeira, cultura, gastronomía, tradicións...
 
    Terán que estar moi atentos e aprender moitas cousas novas xa que ao final de cada viaxe, terán que pasar unhas probas que lles permitirán gañar o premio dese país que estudaron.
 
    Onde viaxarán este mes os nosos alumnos de 5 e 6º? Permanecede moi atentos porque comeza a aventura...
 
    Agradecer a Miaula2.0 e a aprendiendode3 os recursos facilitados para poñer en marcha o proxecto.