viernes, 29 de abril de 2022

CLUB DE LECTURA - 13ª sesión

   Comezamos un novo libro: A marabillos medicina de George, recoñecido como un dos libros máis divertidos de Roald Dahl e un clásico da literatura do século XX.


    Para presentalo comezamos lendo a reseña: 

    "A avoa de George ten unhas cousas un pouco raras. A verdade é que non é unha persoa moi agradable. Cre que as eirugas e as lesmas son deliciosas e o que máis lle gusta son os escaravellos ben renxentes. Nada do que fai George está ben feito a ollos da avoa, de xeito que cando é hora de que ela tome a súa medicina, George decide darlle unha dose da que el mesmo preparou, unha beberaxe dunha chea de produtos que foi introducindo na pota como mellor lle pareceu. A medicina máxica que preparou George, primeiro, fai medrar a avoa desmesuradamente, logo empequenecela e, por último, facela desaparecer."


    E como a reseña nos deixou bo sabor de boca, fomos lendo e comentando entre todos o primeiro capítulo para ir coñecendo aos personaxes protagonistas desta historia tan peculiar.




jueves, 28 de abril de 2022

REALIDADE AUMENTADA: Biblioteca Creativa

   Como a nosa biblioteca pertence ao Proxecto Biblioteca Creativa, cada ano recibimos un orzamento específico para poder realizar obradoiros para o alumnado. Este ano, ademais, os obradoiros estiveron abertos ás familias que quixeron participar. 

   Queriamos que a protagonista das actividades fora a realidade aumentada e por iso, achegáronse ao centro varias monitoras de Vermislab que nos axudaron a resolver moitas dúbidas:

Que é a realidade aumentada? 

As gafas 3D son realidade aumentada? 

Onde podemos atopar exemplos desta realidade? 

Podemos nós crear a nosa propia realidade aumentada?

      A continuación, dependendo da idade do alumnado, fixemos diferentes actividades para poñer en práctica o aprendido. O alumnado de 1º e 2º utilizou fichas quivervision para colorear debuxos que despois, ao enfocalos coa tablet, cobraban vida: un dinosauro que se podía mover e facer ruídos, un foguete espacial que despegaba e viaxaba polo espazo...



   O alumnado de 3º a 6º de Primaria creou a súa propia realidade aumentada inserindo un vídeo nunha imaxe que facía de marcador co programa Creator.






   E se fixemos todo ben, ao enfocar o marcador co programa visor Scope a través da tablet, poderemos ver os vídeos inseridos na imaxe.




AO  FINAL... POBRA  SUPERADA!

Xa sabemos que é iso da Realidade Aumentada e superamos os retos que nos propuxeron!

MOITAS  GRAZAS  AOS  FAMILIARES  QUE  PUIDERON

COMPARTIR  ESTA  ACTIVIDADE  CON  NÓS!


GALERÍA  DE  IMAXES


viernes, 22 de abril de 2022

BIBLIOTECA INCLUSIVA: Doazón de fondos

      Como sabedes, intentamos que a nosa biblioteca sexa o máis inclusiva posible.

    Unha parte do traballo refirese ao fomento dunha actitude correcta tal como se recolle no plan de Biblioteca Inclusiva: ACTITUDE  NORMALIZADORA, VISIBILIZADORA, SENSIBILIZADORA, COÑECEDORA  DAS  DIFERENTES  NECESIDADES,  REPETUOSA  E  DE  TRATO IGUALITARIO.

   Este ano estivemos traballando coa discapacidade visual e o sistema Braille e agora acabamos de recibir unha dozaón dunha familia de 2º de Primaria que nos doou catro libros do Servizo Bibliográfico da ONCE escritos con sistema Braille.




  Moitas grazas pola vosa doazón que

xa forma parte dos fondos da nosa biblio!

 


DÍA DO LIBRO: APADRIÑAMENTOS LECTORES

    Desde fai varios anos, para conmemorar o Día do Libro, realizamos unha das actividades preferidas do noso alumnado: os apadriñamentos lectores.
      
       Nesta actividade, os biblioaxudantes organízaronse en seis grupos que se repartiron polo colexio con candanseu libro para lerlles ao resto do alumnado que, tamén dividido en 6 grupos, foi percorrendo a senda dos libros:

    Comezaba a ronda á entrada co colexio, onde Pau, Yanira e Gissela contaban o libro  10 dedos nas mans e 10 dedas nos pés  de Mem Fox.

 
     Na biblioteca o grupo de  Pilar, Valeria e Darío, esperaban para contar o libro  Somos amigos?  de  Anabel Fernández Rey.
 

   Continuamos no patio de colexio. Alí estaban  Naím, Gareth e Hugo  que elaboraron uns monicreques para representar no teatriño o conto  Dez gatiñas viaxeiras  de Eva Mejuto.


   Seguimos o percorrido e chegamos ao fondo do corredor para escoitar a historia que tiñan preparada Lucía, Mencía e Libertad Un becho estraño  de Mon Daporta.

 
 
   A continuación, no Salón de Actos  Iria, Susana e Lucas Fernández  representaron o libro  Un cuento para ver  de Tesa González.


   A selección rematou con  Lucas Rodríguez, Lola e Cristian  que contaron o libro  A cola do dragón  de Mireia Canals no que a Cristian lle salía unha cola de verdade feita pola nai de Lola, moitas Grazas!
 


 FELIZ  DÍA  DO  LIBRO!!

jueves, 21 de abril de 2022

APRENDER A ESTUDIAR e COMPRENDO O QUE LEO

   Nesta sesión do obradoiro o alumnado de 1º e 2º de Primaria tivo que ordear un pequeno texto e respostar preguntas sobre el. Tamén xogou a tutti frutti con verbos, adxectivos, nomes propios e comúns...


   O resto do alumnado de primaria segue a traballar a importancia da comprensión lectora e a elaboración de esquemas a partir da información obtida do texto.
 


miércoles, 20 de abril de 2022

NAVEGA CON RUMBO POLO CIBERESPAZO

   A través da Xunta de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), hoxe tivemos no noso centro unha sesión do Plan Navega con Rumbo a cargo de Rodrigo Álvarez.


    Este Plan está destinado a que o alumnado aprenda a nevegar pola rede de xeito seguro, evitando estafas, ciberacoso, virus...


    A charla estivo centrada en 6 puntos diferentes que se recollen nas seguintes diapositivas:

 



     Para rematar, podemos resumir as ensinanzas de hoxe en catro consellos:
 
- NON  FAGAS  NADA  POR  INTERNET  QUE  NON  FARÍAS  NA  VIDA  REAL

- TEN COIDADO  COAS  CONTRASINAIS:
             - que non conteñan palabras nin números que nos poidan identificar como a data de nacemento
             - que teñan unha lonxitude de 8 ou máis caracteres
             - que inclúan letras, díxitos, signos....
             - cámbiaas con frecuencia e usa contrasinais diferentes para as distintas aplicacións

- PIDE  AXUDA  A  UN  ADULTO ANTE  CALQUERA  COUSA  QUE  TE  INCOMODE

- PENSA  BEN  O  QUE  PUBLICAS: THINK  BEFORE  YOUR  POST