martes, 21 de diciembre de 2021

FELICITACIÓN DE NADAL 2021

   Hoxe remata a primeira avalición e chega o Nadal, pero antes de irnos de vacacións queremos felicitar a toda a comunidade educativa e para iso, desde o Equipo de Biblioteca, elaboramos este video felicitación coa panxoliña Un bo Nadal do gurpo King Kids.

  Acompañamos a panxoliña coa letra e pictogramas porque nos parece moi importante continuar co traballo en prol dunha biblioteca e dunha sociedade inclusiva.

QUE  PASEDES  UN  BO  NADAL!!

domingo, 19 de diciembre de 2021

XVIII CONCURSO CONTOS SOLIDARIOS: UN JUGUETE, UNA ILUSIÓN

     Esta semana coñecéronse os gañadores do XVIII Concurso de Contos Solidarios "Un juguete, una ilusión" e non fomos nós, foi  o colexio Buen Pastor de Sevilla. NORABOA!!

     Pero que non gañaramos non quere dicir que non sexa un orgullo quedar como finalistas deste concurso nacional e por iso LucasLucíaPilar Hugo; os nenos e nenas de 6º de Primaria do noso colexio que quixeron participar nesta edición, desprazáronse a Monforte para coñecer as instalacións de Onda Cero Monforte e ser entrevistados por Manola Porto no seu programa Más de uno. Podedes escoitar esta entrevista a partir do minuto 55.


  Ademais Manuel Lois, fíxolles unha visita guiada aos estudos radiofónicos e puideron coñecer como é unha radio profesional e as diferenzas coa nosa radio escolar.

MOITAS  GRAZAS  A  MANOLA  E  A  MANUEL  LOIS  POR  ACOLLERNOS!!



    Despois da radio o día seguiu cun paseo polo recinto amurallado e a zona da Xudería de Monforte: a porta da Alcazaba, a Rúa Falagueira, o Cárcere Vello...



    E como todo esforzo ten que ter unha recompensa, tamén vistaron unha librería na que puideron escoller o libro que quixeron como agasallo.



     NORABOA  POLO  VOSO  ÉXITO!!
 

ÁRBORE DE NADAL COLECTIVA

     Este ano quixemos crear entre todos unha gran árbore de Nadal para o noso corredor. 


     Como queriamos que todo o alumnado participase na súa elaboración pero non podiamos xuntalos polos grupos burbulla, démoslle a cada nenx a silueta dunha árbore de Nadal que tiñan que pintar de cor verde e adornar como quixeran.


      Despois xuntamos todas as pequenas e fermosas árbores pintadas ou adornadas con papeis, pompóns, adhesivos, grilandas, miles de cores... e fixemos unha máis grande da que estamos moi orgullosos pois representa un pouquiño de cada un/unha e reflicte o traballo de todxs.

 
BO  NADAL  A  TODOS!!

viernes, 3 de diciembre de 2021

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

   A Asamblea Xeral das Nacións Unidas en 1992 proclamou o 3 de decembro como o  Día Internacional  das Persoas con Discapacidade  co fin de promover os seus dereitos e o seu benestar en todos os ámbitos da sociedade e concienciar sobre a súa situación.

  

   Esta finalidade recóllese tamén nos obxectivos da Axenda 2030  Obxectivo 10: Redución das desigualdades.

   Desde o centro quixemos sensibilizar ao noso alumnado sobre a  discapacidade visual  e para iso fixemos varias actividades.

    Os nenos e nenas de Educación Infantil viron o corto Pip, perro guía e colorearon un cos ollos pechados para decatarse do difícil que é facer as cousas sen ver.


 

 
   En primaria quixemos achegarnos ao  alfabeto Braille  coñecéndoo e coloreando diferentes letras coas que formar palabras e conceptos que debemos ter moi presentes: respecto, tolerancia, inclusión, diversidade...


      Despois utilizamos caixas de menciñas e os biblioaxudantes leron o libro El libro negro de los colores escrito por Menena Cottin e publicado en español e Braille; para intentar recoñecer algunhas das letras do alfabeto Braille.




 

    Esperamos que con estas actividades o noso alumnado tome conciencia das dificultadas ás que se enfrontan as persoas con algún tipo de discapacidade.



   

CLUB DE LECTURA: 4ª sesión

  A encomenda de hoxe era rematar a lectura Vampira de biblioteca e comentar os últimos capítulos deste libro.

  Destacamos algunhas frases destas últimas páxinas porque tiñan semellanza co que facemos nós no colexio e na biblioteca:

- Os protagonistas teñen hora de ler no seu colexio:  "- Na hora de lectura si que facemos caso - confesou Sara-. Gústanos ler. Non todos os libros, algúns máis ca outros. Pero cando algún nos engancha é como viaxar a outro mundo, e iso é moi guai." (Páxina 103. Capítulo 10)

- Tamén se reflicte unha das ideas nas que máis fincapé facemos cando estamos investigando: "(...) queda con esta idea: en Internet hai información, coma nos libros. Ti tecleas nun buscador o que queres e tes milleiros de respostas, aínda que non todas son correctas. Hai que saber seleccionar." (Páxinas 110-111. Capítulo 11)

   Outro dos capítulos que nos deu para reflexionar foi o 13, neste caso sobre a idea que temos do amor. Así que comezamos un debate baseándonos nas palabras de Eleonoara cando fala da relación entre Marciano e Elsa: "Marciano non o dixo, mais eu sei que lle custou un mundo chamar a Elsa. Os humanos ás veces comportádesvos dun xeito moi raro, como neste caso. Os dous morrían por falar, mais ningún estaba disposto a dar o brazo a torcer. Malia todo, quedoume claro que, para Elsa, Marciano era unha persoa moi especial. Non dubidou nin un segundo cando el lle dixo que precisaba axuda. (...) Supoño que niso consiste o amor. En non fallar cnado a outra persoa te necesita." (Páxinas 123 - 124. Capítulo 13). 

 Que entendemos por amor? E esta a idea que temos sobre el? 

Pode pasar isto entre amigos ou familiares? Somos nós moi orgullosos nun sentido negativo da palabra?

  

    Hoxe tamén remataba o prazo para presentar modelos de logo para o noso club. 

Xa temos varios moi chulos, así que para próximas sesións faremos a escolla entre todos!!



jueves, 2 de diciembre de 2021

"COMPRENDO O QUE LEO" E "TÉCNICAS DE ESTUDO" (II)

   Hoxe tivemos na biblioteca novas sesións dos obradoiros subvencionados pola ANPA para mellorar a comprensión e o traballo coa información. Nesta ocasión fixeron actividades moi diferentes: "xogaron a Simon di" para mellorar a memoria e a atención; fixeron exercicios de comprensión lectora e en 5º e 6º coñeceron todos os pasos do método de estudo EPLERR (Examina, Pregunta, Le, Esquematiza, Resume e Repasa).






GALERÍA  DE  IMAXES

miércoles, 1 de diciembre de 2021

PLAN DIRECTOR

   Hoxe tivemos na biblioteca a Ramón Peña, membro da Garda Civil experto en riscos de seguridade asociados ás novas tecnoloxías e ao uso de redes sociais que veu a darlle unha charla ao alumnado de 5º e 6º de Primaria a través do Plan Director.

  

   Nesta sesión abordáronse temas de actualidade moi axeitados á realidade do noso alumnado pois, aínda que sabemos que non teñen idade para abrir perfís de redes sociais, a maioría deles teñen acceso a elas. Whatsapp, instagram, tiktok, xogos en rede... forman parte da súa realidade e, polo tanto, é necesario que aprendan e coñezan perigos que poden atopar en internet: grooming, estafas, roubo de datos persoais... 

 

   Ademais Ramón Peña tamén nos deu consellos de ciberseguridade como activar a dobre autenticación nas aplicacións que utilicemos pois aínda unha contrasinal segura que inclúa maiúsculas, minúsculas ou caracteres, se pode hackear.  Para rematar, abriuse unha quenda de preguntas onde o noso alumnado puido resolver as súas dúbidas.


    Se queredes saber máis de todo o que falamos hoxe,  podedes escoitar a entrevista que lle fixeron Gareth e Valeria en Radiuvín; onde tamén nos deixou unhas verbas no libro de visitas.

 

 

   Para rematar queremos dar as grazas a Ramón Peña e a este plan da Garda Civil que tan necesario nos parece e ante calquera problema que teñades, falade cun adulto ou pedide axuda chamando ao teléfono de axuda en ciberseguridade 017 ou por whastapp ao número 900116117.