viernes, 23 de marzo de 2018

INEIN 2ª AVALIACIÓN

    Nesta avaliación, na asignatura de Investigación e tratamento da información, o alumnado tivo liberdade para deseñar diferentes obxectos.

   Uns fixeron chaveiros cos seus nomes en dúas cores pausando a impresión para cambiar o filamento e outros fixéronnos en forma de persoa impresos en cor branca para pintalos despois.

   Outro grupo fixo uns coches que na súa matrícula levaban as iniciais dos membros do grupo e na parte superior unha circunferencia igual en grosor e diámetro que as que se usan para os carros do supermercado.
   O último grupo fixo un medio de transporte todo terreno que tanto vale para ir polo monte como para navegar polo mar...multifuncional!!

ENTREVISTA AO ALCALDE EN RADIUVÍN

   Hoxe tivemos nas instalacións radiofónicas do colexio a Luis Fernández Guitián, alcalde do noso concello e presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, ex-alumno do centro e na actualidade, ligado ao centro tamén como pai de dúas alumnas.

   O alumnado de 3º e 4º de Primaria foi o encargado de facerlle esta entrevista na que puidemos coñecer moitas cousas sobre a Feira do Viño de Amandi que se celebrará esta fin de semana.

7ª SEMANA ESCOLAR DA ÁRBORE E DA AUGA

   Esta semana estamos conmemorando a Semana Escolar da Árbore e da Auga.
Unha das actividades é que o alumnado de Primaria adique a Hora de Ler a facer unha lectura colectiva dos libros que nos enviaron desde a Deputación de Lugo para esta data: A invención do salgueiro de Xose A. Perozo e Viki Berre.


    Hoxe, como é o último día da semana, levaranno para as súas casas para compartir a lectura coas súa familias.

jueves, 22 de marzo de 2018

MOCHILAS VIAXEIRAS DOCES!

   De novo nos atopamos cunha sorpresa na mochila viaxeira de 3º e 4º de Primaria...unha tarta!!

   Esta vez a familia de Laura Gómez e máis ela fixeron unha das receitas incluídas no libro de cociña da mochila baixo o título: Un castelo encantado!!
    ESTABA  BOÍSIMA!!

miércoles, 21 de marzo de 2018

DÍA DA POESÍA

En 1999, a UNESCO declarou Día Mundial da Poesía o 21 de marzo.

Para conmemoralo, o alumnado de Educación Infantil e de 1º e 2º de Primaria deixáronnos uns poemas do libro O Xardín de Irene de Xosé Neira Vilas nas ondas de Radiuvín.

martes, 20 de marzo de 2018

CERTAME DE DEBUXO - XXXVIII FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

    Hoxe entregáronse os premios do IV Certame de Debuxo da Feira do Viño de Amandi sobre o cultivo da vide.
    Nesta edición participaron todos os alumnos de Primaria do noso centro xunto co alumnado de outros tres colexios da comarca facendo un total de 150 debuxos presentados.


    O gañador foi Alejandro Pérez López do Colexio Novo de Monforte. Ademais deste premio, o xurado concedeu accésits a Clay Anxo Randale Parquer do CEIP Monte Baliño (Pantón), Sofía Mendes González do Torre de Lemos (Monforte) e José Ángel Novoa López, do noso.


Esta actividade foi publicada nos seguintes medios:

OS BIBLIOAXUDANTES CONTAN

Hoxe tivemos de novo aos biblioaxudantes contando na biblioteca.

Nesta ocasión, contáronnos lendas moi curiosas que saíron dun traballo previo de investigación.

lunes, 19 de marzo de 2018

SEMANA ESCOLAR DA ÁRBORE E DA AUGA

   Esta semana conmemórase a Semana Escolar da Árbore e da Auga e como vimos facendo nos últimos anos participamos nas actividades propostas pola Deputación de Lugo coa intención de aprender moitas cousas sobre a natureza da nosa provincia e aprender a respectala.
   Hoxe comezamos a semana coa lectura do libro A auga, o dragón e o salgueiro de Xosé A. Perozo, o libro que publicaron este ano para o alumnado de Educación Infantil.
    Os biblioaxudantes Ángel, Mateo e Henry foron os encargados de ler esta historia na biblioteca ao resto do alumnado e gravala para a radio.

 
    Despois cada alumno de infantil levou o seu exemplar para que o coñecemento e o respecto pola natureza chegue tamén ás súas casas.

FORMAS XEOMÉTRICAS

ESTE  É  O  NOSO  PRIMEIRO  "GRAN"  DESEÑO!!

    Quixemos facer un cubo para encaixar pezas con formas xeométricas e aínda que nos deu un pouquiño de traballo, xa está dispoñible no noso recuncho de argallar!!

jueves, 15 de marzo de 2018

ESCRIBINDO LETRAS

  As letras que imprimimos a semana pasada tiveron moito éxito entre o noso alumnado. Por iso, quixemos darlle outra volta e esta vez imprimir as letras en forma de molde que descargamos de thigiverse (by P0lyL4c3D) para que eles poidan traballar os seus trazos: escribir seguindo os espazos, marcalas en plastilina...
  Mirade canto traballan os alumnos e alumnas de Infantil!!

martes, 13 de marzo de 2018

XOGANDO COAS LETRAS

   A lectura é algo fundamental na biblioteca por iso, quixemos imprimir coa nosa impresora 3D unhas letras que descargamos de thingiverse (by KingGaann) para axudar ao noso alumnado máis cativo na súa aprendizaxe.

   Tamén elaboramos unha unidade didáctica que podedes consultar no seguinte enlace: UNIDADE  DIDÁCTICA.

   Mirade como o alumnado de infantil, pon o seu nome.


lunes, 12 de marzo de 2018

SEMANA DA PRENSA

    Do 5 ao 9 de marzo conmemorouse en tódolos centros educativos de Galicia a Semana da Prensa.

    Durante esta semana, a hora de ler estivo adicada á prensa escrita de xeito que a lectura escollida para este tempo tiña que ser un xornal.
     Pero como a prensa non se refire só aos medios escritos e agora temos un labotorio de radio na biblioteca escolar, non podía faltar nesta semana a emisión de Sobericias, o informativo radiofónico de Radiuvín que contou con todos os alumnos do centro como reporteiros.

     Os reporteiros de Educación Infantil foron os encargados de gravar a introdución aos informativos e os reporteiros de primaria encargáronse de pescudar ás novas a emitir. Estas novas tiñan que cumprir dúas condicións: que viñesen publicadas nos xornais dos días correspondentes á Semana da prensa e que fosen positivas.

     Os informativos resultantes con noticias dos xornais El Progreso e La Voz de Galicia, podédelos escoitar nos seguintes enlaces.

sábado, 10 de marzo de 2018

ROSALÍA SEMPRE VIVA

     Catro dos nosos alumnos representaron hoxe ao centro no IV Certame de poesía "Rosalía sempre viva" que se celebrou en Outeiro de Rei, na Casa - Museo Manuel María.
 
    Na primeira categoría participaron Brais e Valentina e na segunda Laura Gómez e Laura Rodríguez.


     Deste certame, os nosos representantes viñeron cun diploma acreditativo da súa participación e unha nova experiencia e os profesores, moi orgullosos dos seus recitados xa que foron quen de controlar os seus nervios e recitar os seus poemas sen dubidar diante de todo o público e dun xurado especializado que non perdía detalle.

NORABOA  AOS  CATRO!!

viernes, 9 de marzo de 2018

DÍA DA MULLER

Para conmemorar este día no colexio fixemos varias actividades:

- "Balbina López Somoza. Unha muller para o 8 de marzo": o Colectivo Lemos Le organiza cada ano o certame Mulleres de Lemos coa finalidade de dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos. 

    O certame do ano pasado estivo dedicado a Balbina López Somoza, unha farmacéutica de O Saviñao do século XX, como muller pioneira da ciencia na nosa comarca.

   Unha das actividades deste certame é o obradoiro que se desenvolve en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) de Monforte de Lemos e que consta nun traballo de reflexión sobre a vida desta precursora científica e na elaboración dun libro que plasma en imaxes esta reflexión a través da súa vida.

    Esta mañá os alumnos de 5º e 6º asistiron a entrega deste libro no centro cívico de Monforte e ao visionado do mesmo.

- Visionado do conto "Balbina López Somoza. Unha muller para o 8 de marzo": pola tarde todo o alumnado puido escoitar o conto de Balbina na voz da xornalista Manola Porto e algún dos fragmentos da súa vida serviron para reflexionar sobre as dificultades da Muller nesa época:
    Despois cada alumno levou un símbolo da Muller dos deseñados polo alumnado de 3º e 4º de Primaria para lembrar o aprendido este día.
  

- Concurso de investigación Yo puedo ser: o programa educativo de sensibilización pola igualdade de xénero Yo puedo ser, fíxonos esta proposta de investigación que nos pareceu moi interesante.
    Os alumnos que participaron neste concurso de investigación, aprenderon moito sobre a historia da loita das mulleres para acadar a igualdade e fixeron partícipes aos demáis alumnos do que aprenderon. Como agasallo polo seu traballo, levaron un símbolo da Muller máis grande.