O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria asistiu onte a unha visita didáctica ás escavacións arqueolóxicas que se están facendo na parroquia de Proendos, a antiga Proentia.
Alí xs alumnxs coñeceron da man de Fran Alonso, arqueólogo director do proxecto, os achados que realizaron nas 5 sondaxes abertas nos puntos establecidos nos estudos previos realizados cun xeorradar.
Entre os vestixios descubertos puidemos ver a ábsida dunha gran construción,
un hipocausto que é un sistema de calefacción que quizais sexa o precursor da calefacción radiante xa que contaba cunha cámara de aire por debaixo da estancia con canalizacións polas que circulaba aire quente,
unha estancia que puidera ser máis tarde utilizada para o traballo con metais xa que se encontraron moitas escouras, que son como pequenas pedras que se forma cos restos e as impurezas que resultan de traballar o metal,
a estrutura dun hórreo formado por varios muros paralelos cun oco entre eles sobre os que se colocarían táboas de madeira para poder utilizalo como celeiro ou depósito de cereais
e uns muros que parecen peches de fincas xa que xunto a eles apareceu un tramo de pavimento dun posible camiño.
Ademais de todo isto puidemos ver varias das accións que realizan os arqueólogos durante o desenvolvemento do proxecto: escavación, identificación, rexistro e conservación dos restos atopados. Precisamente por isto ultimo, as sondaxes serán tapadas hoxe ou mañá para evitar que as estruturas achadas se deterioren.
Unha saída moi interesante e didáctica que se completou hoxe coa visita do director do proxecto ás instalacións de Radiuvín para gravar o primeiro programa deste curso. Nesta emisión Brais e Zaira puideron falar con el sobre todo o achado ata agora e as posibilidades de descubrimentos futuros.
Moitas grazas ao concello por facilitar esta visita e a Fran Alonso polo tempo que nos adicou e polas súas verbas.
|
"Un
pracer reinaugurar o ciclo de Radiuvín nestes tempos de pandemia que
quedarán para a posteridade como os vestixios de Proendos"
|
ESPERAMOS COMPARTIR PRONTO NOVOS DESCUBRIMENTOS!!!