viernes, 31 de enero de 2025

CLUB DE LECTURA (6 - 2024/25)

   Nesta sesión do club de lectura comezamos un novo libro: A pel do mundo de Berta Dávila. Este libro está composto por poemas que nos levan de viaxe por diferentes países do mundo cos que coñeceremos costumes, nomes, linguas, palabras... e tamén nos fará reflexionar sobre diferentes aspectos da condición humana.


  E comezamos achegándonos á figura de Berta Dávila e coñecendo máis libros seus, algúns como autora e outros como ilustradora.

   Para ler este libro distribuímos os poemas por grupos de xeito que cada grupo tiña que preparar a súa lectura e un pequeno dossier sobre o país ou a condición humana á que facía referencia.

  As primeiras foron Daniela e Ada que prepararon o poema Olga que nos fala sobre a ximnasia rítmica e os sacrificios que conleva para as ximnastas e, como elas tamén son ximnastas, puideron responder a varias preguntas dos seus compañeiros.

 
    A continuación Manuel e Laura leron o poema Miklós que fai referencia á Hungría, á música e ao río Danubio e con eles aprendemos moitas cousas sobre este país.

    Rematamos a sesión con Xoán, Nayara e Carla que foron os encargados de expoñer o poema Miky que fai referencia a Hollywood (California) e ao mundo cinematográfico.

     Xa estamos desexando que chegue a próxima sesión para seguir aprendendo!!

jueves, 30 de enero de 2025

DÍA DA PAZ E DA ILUSTRACIÓN

    En Galicia o 30 de xaneiro celébranse dúas conmemoracións diferentes: o DÍA DA ILUSTRACIÓN porque o 30 de xaneiro de 1886 naceu Castelao e o DÍA  DA  PAZ  E  DA  NON  VIOLENCIA  ESCOLAR.

   Nós quixemos celebrar estas datas dentro do proxecto de historia que estamos realizando. Para isto varios alumnos de 5º e 6º de Primaria estiveron facendo unha investigación sobre a paz ao longo da historia e os deuses ou deusas da paz nas diferentes civilizacións.


     Con esta información elaboraron unha presentación en Canva que compartiron co resto do alumnado na biblioteca. 


A paz ao longo da historia de Biblioteca VIRXE DO CARME

   Despois fixemos unha reflexión sobre as características principais de cada época da historia e das cualidades máis importantes de cada deus/deusa da paz. A continuación o alumnado de 6º presentounos unhas frases que poden axudarnos a resolver conflitos utilizando esas cualidades.


    Como o día da Ilustración está dedicado a Xosé Vizoso e o símbolo da paz é unha pomba, decidimos utilizar dous deseños seus de pombas para Sargadelos nas que escribimos palabras que recolleran o falado anteriormente e despois decorámolas por grupos.


    Tamén o alumnado de educación infantil decorou e coloreu varias pombas de Xosé Vizoso que quedaron moi alegres.



    Para rematar fixemos un "Recuncho da paz" no corredor principal do colexio coas pombas decoradas e uns carteis coas frases elaboradas polo alumnado de 6º. 

    Esperamos que coñecer mellor a historia nos axude a evitar os conflitos e que o recuncho nos axude a resolvelos de forma pacífica.

 

miércoles, 22 de enero de 2025

ANIMACIÓN Á LECTURA - Ed. Infantil e 3º Primaria

   Os nenos e as nenas de 3º de Primaria fixeron unha actividade de animación á lectura na que tiñan que escoller un libro e preparar unha maqueta, debuxo ou teatriño coa axuda das familias para compartilo co alumnado de Ed. Infantil.

    Con esta actividade o alumnado puxo en práctica competencias e habilidades moi diferentes como a comprensión lectora, a expresión oral, a creatividade, o traballo manual e a cooperación internivel.

 
 
 

Podemos dicir que foi unha actividade foi moi interesante e completa para o alumnado, repetiremos!!


AS FAMILIAS CONTAN: FAMILIA DE ALASSANE

    Retomamos a actividade "As familias contan" nesta segunda avaliación con Natalia, a nai de Alassane que veu a compartir con nós o libro Pepita Viajera escrito por Yolanda García Romero.

    Neste libro coñecemos a Pepita que é unha nena á que lle encanta viaxar coas súas coletas graciosas, a mochila vermella e as botas amarelas.

      A ela o que máis lle gusta de viaxar é percorrer o mundo comprendendo todo, sorrir sen parar e  pepitear que é converterse en exploradora para descubrir animais de todos os países que visita.

    Tamén  lle gusta falar con todas as persoas que coñece, facer amigos en todos os lugares a onde vai e aprender sobre as diferentes culturas que existen.

   Pero o que máis lle gusta é ver o mundo de forma especial, sobre todo, ver o mundo co corazón!


   Ademais de lernos o conto, Natalia tiña preparadas un montón de actividades para que nós tamén pepitearamos un pouco así que divididos en grupos coñecemos animais dos distintos continentes e situámolos nun mapa mundi, puxemos gafas de cores para ver o mundo doutra maneira e ata aprendemos como se saúda en diferentes lugares!


    Para rematar, Natalia e Alassane estiveron en Radiuvín para compartir a historia de Pepita Viajera con todos os que queirades escoitala.

 

 MOITAS  GRAZAS  AOS  DOUS  POR  ANIMARNOS  A  DESCUBRIR  O  MUNDO!!

GALERÍA  DE  IMAXES