Este venres achegámonos a Proendos acompañados por Paula Vázquez Verao e Alfonso Campos, a nai e o pai Estrela, a nosa compañeira de Educación Infantil .
Con esta saída didáctica quixemos coñecer os vestixios históricos que existen nesta parroquia e documentarnos para o programa Coñecendo os nosos concellos.
Os restos máis antigos que vimos foron os petróglifos que son gravados en rochas que se conservan desde a Prehistoria. Aínda que non foi o único, o máis grande que vimos foi o Petróglifo do Xestal que se atopa dentro dunha finca privada e está formado por "8 círculos concéntricos, cun diámetro total de 43 cm. Do seu centro, ocupado por unha cazoleta, saen dous surcos" (Texto: O Colado do Vento, preme para máis información)
Outra época da que hai moitos restos e que na actualidade se está estudando é a época romana. Cos recentes descubrimentos do xeorradar, confírmase a existencia da antiga Proentia pero aínda sen esta tecnoloxía a súa existencia era innegable pois simplemente camiñando polo núcleo de Proendos observamos restos da época que forman parte de diferentes construcións; restos que a xente utilizou para as súas vivendas e que se poden ver a simple vista: columnas, pedras, capiteis, un trisquel, pedras de muíño...
E outros que eles nos ensinaron porque están máis ocultos; por exemplo esta ara romana da que pola súa posición, so podemos ver a parte de arriba na parede dunha vivenda.
Neste percorrido polo núcleo da parroquia tamén puidemos ver a arquitectura nobiliaria da casa dos Ojeas, do s. XVII.
Dando un salto no tempo, chegamos ao século XII e visitamos a Igrexa de Santa María de Proendos na que tamén podemos observar restos romanos nunha das columnas do arco triunfal que da paso á ábsida. Ademais atopamos plantas e flores nos capiteis e pinturas que nos contan feitos de Nadal: "A adoración dos Reis Magos", "A adoración dos pastores" e "A fuxida de Exipto"...
Xa no exterior, ensináronnos unha roseta que se atopa no chan e que pode estar relacionada coa simboloxía da luz: coa idea de que a igrexa nos libra das tebras e nos leva á luz xa que entramos polo Oeste e imos camiñando cara ao altar que está no Leste, por onde sae o Sol.
MOITAS GRAZAS A PAULA E ALFONSO POR GUIARNOS NESTA VISITA!!
Como resultado de todo o que aprendemos nesta saída deixámosvos a seguinte emisión do programa Coñecendo os nosos concellos que inclúe unha entrevista a Paula feita por Senén, Adrián, Pablo e Pilar:
No hay comentarios:
Publicar un comentario