Xa coñecemos o lema escollido pola Consellería de
Educación, Universidade e Formación Profesional para as bibliotecas do PLAMBE durante o curso 2021/2022 que quere poñer o foco na palabra e na oralidade:
A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA
Imaxe: Pablo Otero |
"Os textos escritos e as producións audiovisuais que ofrece a biblioteca
en obras de ficción ou de información axudan o alumnado a medrar donos
da linguaxe, a ferramenta que lles abre camiños de pensamento,
imaxinación, beleza e coñecemento. Mais tamén, as bibliotecas escolares
son espazos sociais de encontro que promoven e facilitan o uso da
palabra a través do diálogo, a reflexión, o debate, a exposición, os
recitais, a lectura en voz alta, os clubs de lectura… Estas propostas
son oportunidade para que o alumnado "tome a palabra" e avance no
dominio da linguaxe e da lingua que lle é propia.
Máis aínda, como instrumentos a favor da equidade, as bibliotecas dos
centros educativos deben procurar o acceso igualitario ao coñecemento e
uso do léxico que garante unha mellor comprensión lectora, toda vez que
os expertos nos falan da diferencia abafante entre o número de palabras
que contén o léxico do alumnado de infantil en función dos contextos
familiares, diferencia que marca xa as posibilidades de éxito fronte á
lectura.
Na súa constante e natural evolución, as bibliotecas escolares acolleron
a nova oralidade secundaria, que promove a comunicación a través dos
medios. Programas como Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Biblioteca
Inclusiva, abriron as portas a unha oralidade máis formal en forma de
podcasts, audiolibros, espazos de coloquio e expresión, facilitando
recursos e oportunidades para a adquisición de habilidades e
competencias comunicativas de amplo espectro, pois en tempos de
comunicación dixital fanse imprescindibles estas competencias básicas:
unha expresión oral rica e coidada e unha interpretación o máis axustada
posible dos textos orais dispoñibles.
A Biblioteca Escolar ten a palabra é tamén unha proposta para a
recuperación da tradición oral como unha forma de achegar o alumnado ás
raíces da cultura na que medra, facilitándolle así as claves para
acceder ao rico patrimonio inmaterial galego que ten dereito a coñecer,
gozar e darlle continuidade."
No hay comentarios:
Publicar un comentario