domingo, 21 de octubre de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA - Lemos LE

    Como todos sabedes, a nosa biblioteca e a BPM de Sober formamos parte do Colectivo Lemos LE que por sexto ano, ven de organizar un xantar de confraternidade para conmemorar o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro; no que nos reunimos persoas de todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación da nosa comarca.

    Nesta ocasión a reunión tivo lugar no Concello de Bóveda, por iso, comezamos esta xuntanza escoitando a Miriam Palmón, bibliotecaria do Concello anfitrión e a Cristina Juíz López  Concelleira de Cultura para darnos a benvida ao Colectivo e a todos os asistentes.
    Antes de xantar tamén puidemos escoitar na voz de Mónica, bibliotecaria do Saviñao, o texto co que a escritora do mesmo concello, Alicia Fernández, nos agasallou con motivo desta celebración.
http://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/alicia-fernandez-rodriguez
     E como recordo para os participantes nesta xuntanza, editamos un marcapáxinas co texto co que o ano pasado nos agasallou Ramón Sandoval, un texto que podedes ler aquí e que fala da súa relación persoal coa lectura e cos libros e que ademais fala do noso Concello xa que el é soberino.
    Despois de xantar, centrámonos no V Certame Mulleres de Lemos. Unha muller para o 8 de marzo adicado a Genoveva González Prieto.
   Para isto, da man do Centro de Información á Muller, fixemos un visionado do conto baseado na súa vida escrito por Mirian Palmón Díaz e ilustrado polo alumnado de centros de Primaria da Comarca coma o noso.
    Despois desta fermosa proxección, membros do colectivo fixeron entrega dos premios correspondentes ao Certame Mulleres de Lemos:
    1º PREMIO BANDA DESEÑADA: para Samanta López Vázquez e Celine Varela Zher (quen non puido acompañarnos no xantar) pola atmosfera poética que a impregna e que a través dun debuxo, que en ocasións se achega case á abstracción, consegue ofrecer unha narrativa visual moi interesante. Trátase dun debuxo maduro no que se xoga co uso da perspectiva e dos distintos planos para lograr cambios de ritmo que conseguen acrecentar o interese e a atención pola historia.
    ACCÉSIT  BANDA  DESEÑADA para Víctor Domínguez polo gran coidado no seu acabado e presentación, así como o traballo, a limpeza das liñas e a personalidade do debuxo.
    CATEGORÍA DIVULGACIÓN para Julio González Puente polo seu traballo A escola de Genoveva no que de forma autobiográfica relata a importancia desta mestra na súa educación.


   Con esta entrega de premios damos por rematado o V Certame e adiantamos que a VI edición terá como protagonista a unha muller do Concello de Ferreira de Pantón
   O acto finalizou cunhas verbas de José Manuel Arias López, alcalde de Bóveda, concello anfitrión nesta edición.
FELIZ  DÍA  DA  BIBLIOTECA!!
Membros do Colectivo Lemos Le
O alcalde de Sober celebra con nós esta data.
Algunhas mestras do colectivo
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario