viernes, 22 de mayo de 2026

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Alfonso e Antía

      Estase rematando maio pero a actividade da biblioteca non para. Nesta ocasión contamos coa presenza de Dunia e Javier, nai e pai de Alfonso e Antía, que viñeron a participar en "As familias contan" para compartir con nós a versión da Editorial Educateatro do libro Os tres porquiños.


     Unha versión moderna do conto que ademais viña con sorpresa xa que o libro inclúe unhas cancións moi marchosas das que puidemos escoitar un anaco na biblioteca mentres cantabamos e acompañabamos coas palmas.


    Escoitando aos nosos convidados, puidemos descubrir que nesta versión, os porquiños tiveron que marchar a construir a súa casa a un bosque moi afastado porque querían vivir lonxe das grandes cidades e das ruidosas fábricas.


    E que o pobre do lobo tiña "un principio de rinite alérxica que desembocou nunha asma crónica galopante" que non lle permitiu soprar con toda a forza que podía e, por iso, non foi quen de derrubar a casa de pedra.


    Tamén que o lobo se quixo modernizar e enganalos disfrazándose de pizzeiro e ofrecéndolles unha riquísima pizza; menos mal que o porquiño maior estaba atento e se decatou do engano!


   O que si que non cambia nunca neste conto é que o máis traballador de todos os irmáns é o Maior mentres que os outros son máis lacazáns.


   Pero xa non vos contamos máis; se queredes escoitar todo o conto e pasar un bo rato coa historia preferida de Alfonso e Antía, podedes facelo no seguinte podcast!

 

 MOITAS  GRAZAS  AOS  CATRO  POR  VIR  A  COMPARTIR  ESTE  RATIÑO  Á  BIBLIOTECA  CUN  CONTO  TAN  DIVERTIDO!!



viernes, 15 de mayo de 2026

I ROMARÍA DAS LETRAS GALEGAS

    Hoxe celebramos en Sober a I Romaría das Letras organizada polo Colectivo LEMOSLE, que como sabedes, está formado por bibliotecas escolares da Comarca, BPM, librarías e persoas vencelladas ao ámbito da lectura da comarca de Lemos. 
 

    Nesta xornada de convivencia participamos 8 centros educativos de Primaria (CEIP Pobra de Brollón, CEIP A Gándara, CEIP Plurilingüe de Monforte, CEIP de Oural, CEIP de Sober, CEIP Rosalía de Castro de Bóveda e CEIP Monte Baliño de Pantón) o IES Daviña Rey de Monforte de Lemos e usuarias da Biblioteca Pública Municipal do noso Concello xuntándonos así máis de 300 personas no colexio xa que o mal tempo decidiu ser partícipe tamén desta xornada e no nos deixou celebrala na carballeira como estaba previsto.
 

   Durante o acto principal os diferentes colexios fixeron propostas moi diversas para conmemorar a nosa lingua e a Begoña Caamaño: regueifas, maios, cancións tradicionais, poesía, obradoiros, murais... e todo isto amenizado por un grupo de música tradicional formado por alumnado do IES Daviña Rey que terminou de darlle o toque festeiro a esta xuntanza.


   Desde o noso colexio participamos propuxemos recoller a relación de Begoña Caamaño coa mitoloxía e compartir dúas lendas do noso concello; a primeira explica que a creación dos Canóns do Sil se debe aos deuses Xúpiter e Xuño e a segunda é unha lenda de mouras e encantamentos.
   
     Ao rematar o IES Daviña Rey repartiu chapas conmemorativas para todos os asistentes e fixemos unhas fotos cun fotocall dedicado á obra de Begoña Caamaño.

 
 

    A xornada finalizou cun xantar de confraternidade no pavillón do colexio durante o que o alumnado do CEIP Monforte de Lemos, organizou o obradoiro sementando palabras no que os nenos e as nenas podían escribir a súa palabra favorita en galego.






   Se queredes escoitar toda a información desta xornada, podedes facelo no seguinte podcast no que tamén escoitaredes as interesantes lendas de Sober contadas por alumnado de 5º e 6º de Primaria.
 
 
OXALÁ  ESTA  SEXA  A  PRIMEIRA  DE  MOITAS  EDICIÓNS  PORQUE  A  LINGUA  GALEGA  MEDRA  CANDO  A  COMPARTIMOS,  CANDO  A  CELEBRAMOS  E  CANDO  A  VIVIMOS  XUNTOS!!
 
FELIZ  DÍA  DAS  LETRAS  GALEGAS!! 
 

 
 
 

 

jueves, 14 de mayo de 2026

VISITA DA DIRECTORA XERAL

  Este xoves a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa, visitou a nosa biblioteca para observar como desenvolvemos a Hora de ler.

   Unha rutina de lectura que realizamos cada día na biblioteca á primeira hora da mañá entre todo o alumnado de Primaria agrupado en mesas internivel.


   Desta forma ademais de ler, o alumnado aprende a organización da biblioteca segundo a CDU ao mesmo tempo que os maiores axudan aos máis pequenos. 

 

MOITAS  GRAZAS  POR  ESTA  VISITA!!

IMAXES: Alexandra Cabana

miércoles, 13 de mayo de 2026

ENCONTRO CON 3CUMIOS: Da Ribeira Sacra aos Andes

    Hoxe tivemos unha actividade totalmente diferente na biblioteca que nos serviu para viaxar máis ala das nosas fronteiras.

   Os alpinistas José Manuel Prieto e Tomás Porto que xunto a Manuel Viéitez, padriño da nosa compañeira Lucía, forman o equipo de 3CUMIOScompartiron co noso alumnado a súa experiencia na expedición que fixeron á Cordilleira Branca para escalar o Huascarán.

   Con eles puidemos coñecer de primeira man os detalles desta viaxe: a preparación aquí, a preparación alí para aclimatarse, os retos que tiveron que superar, as aprendizaxes...



    Ensináronnos tamén todos os materiais que teñen que utilizar: as botas, a roupa de abrigo, o casco, os piolets, os grampóns, os fisureiros... e ata como se teñen que encordar por se hai algún problema e algún deles esvara.




    Ademais explicáronnos o lado máis solidario da súa expedición: como foi o proceso de colaboración con escolas de Perú ás que fixeron unha doazón de máis de 2.000 € en material deportivo.

   E para rematar, aprendemos que ás veces, por moito que queiras ou organices, os plans non saen segundo o previsto e hai que aprender a reorganizarse e superar novos retos; como lles pasou a eles que, polo efecto do cambio climático, non puideron escalar o Huascarán como estaba previsto e tiveron que escalar outra montaña: o Tocllaraju.


 Se vós tamén queredes escoitar as súas aventuras e e vos gustaría aprender moito sobre o alipinismo, podedes escoitar a entrevista que Gabriel e Valeria lle fixeron a José Manuel Prieto en Radiuvín.

 

MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  COMPARTIR  CON  NÓS  ESTA  EXPERIENCIA   QUE  VAI  DESDE  A  RIBEIRA  SACRA  ATA  OS  ANDES!!

ESPERAMOS  QUE  VOLVADES  PRONTO  PARA  COÑECER  NOVAS  EXPEDICIÓNS!! 



domingo, 10 de mayo de 2026

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Carla M.

     Hoxe veu á biblioteca Lupe, a nai de Carla Martínez, para participar nunha nova sesión da actividade As familias contan; entre as dúas léronnos o libro Pupi y los piratas de María Menéndez-Ponte.

   Con esta lectura coñecemos a Pupi (un extraterrestre do planeta Azulón que nunha das súas viaxes chegou ao patio do colexio de Blanca) e a Aloe (unha extraterrestre do planeta Ecoplanet, que como podedes imaxinar, é moi ecoloxista)


   Nesta historia os dous están convidados ao aniversario de Rosy e, como agasallo, Aloe non lle regalou patíns nin cousas normais de aniversario, senón que lle regalou unhas gominolas moi especiais!


    Tan especiais eran esas gominolas que cando se decataron... xa non estaban! A Pirata Lola desaparecera con elas! Todos saíron correndo detrás da pirata sen pensar ata que se deron conta de que estaban no medio do océano.


   E diante deles un galeón feito de gominolas aínda que cun pequeno problemiña: estaba cheo de piratas que os fixeron prisioneiros! Atados e sen poder saír do barco, tiveron que pensar un plan para escapar.


   Que faríades vós? Pois se queredes saber cal foi o seu plan e como conseguiron escapar dos piratas, podedes escoitar o podcast que as dúas gravaron en Radiuvín (Pista: son saudables as gominolas? Ou mellor algo de froita?)

 MOITAS  GRAZAS  ÁS  DÚAS  POR  COMPARTIR  ESTA  AVENTURA  QUE  NOS  FIXO  REFLEXIONAR  SOBRE  O  ABUSO  DAS  CHUCHES!