jueves, 14 de diciembre de 2023

AUDICIÓN DIDÁCTICA DO GRUPO DE PERCUSIÓN DO CONSERVATORIO MUNICIPAL MESTRE IBÁÑEZ

    Hoxe a biblioteca do colexio convertiuse nun auditorio!

   Para complementar o proxecto sobre a familia dos instrumentos de percusión que estivemos levando a cabo nesta avaliación, contamos coa presenza do grupo de percusión do Conservatorio Municipal "Mestre Ibáñez" de Monforte de Lemos.

   Alba, Laura, Noé, Aarón e o seu mestre José Luis empezaron falándonos da orixe da percusión pois xa na prehistoria se utilizaban pedras e madeira para facer ritmos. Por iso as tres primeiras obras foron obras nas que non utilizaron instrumentos:  

Palos y claves na que empregaron as baquetas só para golpear o chan e golpearse entre elas.

 

La cocina na que tocaron diferentes utensilios e pezas de vaixela que podemos atopar en calquera cociña 

 

Feet and hands que é unha obra de percusión corporal. 

 

 

   Na segunda parte do concerto tocaron varias obras nas que puidemos escoitar instrumentos de percusión de madeira, de metal e de parche. Neste caso tocaron unha versión da obra Seven nation army de The White Stripes

 

  Tamén puidemos diferenciar instrumentos de percusión de altura determinada e indeterminada e decatarnos do ben que soan todos xuntos como nesta versión da canción Happy de Pharrell Williams


   Ademais comprobamos que con esta familia de instrumentos se poden interpretar cancións de todos os estilos musicais, como mostra aquí deixamos unha obra baseada nalgúns éxitos de Michael Jackson.


  Unha diferenza entre os músicos que estudan percusión e outros instrumentistas é que os percusionistas teñen que aprender a tocar todos os instrumenos que compoñen esta familia por iso, se vos fixades, veredes que os cinco membros deste grupo cambian de instrumento continuamente de xeito que todos eles tocan todos os instrumentos. Compartimos agora un arranxo da obra Oye como va, un coñecido mambo de Santana.


   Para rematar, o grupo de percusión interpretou tamén dúas coñecidas panxoliñas coas que o noso alumnado se puxo a cantar nada máis recoñecelas, recoñecédelas vós?



  Esperamos que todo o noso alumnado sexa consciente a partir de agora de que os instrumentos de percusión non son só o triángulo, o bombo, a pandeireta ou a batería senón que hai moitísimos máis instrumentos de percusión e tamén, que sexan conscientes da súa importancia dentro dunha orquestra ou dunha banda. 

   Ao finalizar fixémoslle entrega duns agasallos cos que agradecer este ratiño que pasaron con nós na biblioteca e este marabilloso concerto! 

  Despois catro dos compoñentes do grupo estiveron nos estudos de Radiuvín para falar sobre música, sobre percusión e sobre eles mesmos con Germán, Carlota e Javier.


Para rematar queremos volver a darlle as grazas por esta colaboración ao CONSERVATORIO MUNICIPAL MESTRE  IBÁÑEZ de Monforte de Lemos e, sobre todo, a José Luis, mestre de percusión, e aos alumnos que forman este grupo.

Se queredes ver todas as imaxes desta actividade, só tedes que seguir o enlace:

GALERÍA  DE  IMAXES


No hay comentarios:

Publicar un comentario