Mentres estivemos de entroido conmemorouse o Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia. Un día que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas celebra o 11 de febreiro coa intención de visibilizar "o
labor das científicas, promover a realización de actividades e fomentar
vocacións científicas que axuden a pechar a brecha de xénero na
ciencia".
No colexio sumámonos a esta iniciativa
invitando cada ano á biblioteca a mulleres de Ciencia relacionadas coa nosa comunidade educativa. Nesta ocasión tivemos
con nós a Alejandra Losada Novoa, compañeira do mestre Marco e que, entre outras cousas, estudou Desenvolvemento de aplicacións web.
Ela explicounos o seu traballo e que era iso de programar: que se programa? onde atopamos programación na nosa vida cotiá? que é necesario para programar? onde se almacenan as aplicacións?
Ademais falounos da evolución dos ordenadores desde o primeiro ENIAC (Electronic Numerical Integrator and Computer) de 1947 que xa estaba operado por mulleres ata un Raspberry que é un pequeno ordenador do tamaño dunha man.
.jpg)
.jpg)
Tamén nos falou da evolución doutros dispositivos tecnolóxicos que coñecen ou manexan os nosos alumnos e alumnas: móbiles, tablets, consolas... e mostrounos unha das primeiras consolas que utilizaban casettes.
.jpg)
Despois pasamos á parte práctica da intervención. Primeiro un pouco de programación scratch e despois Alejandra desmontou un dos vellos ordenadores que temos no almacén do colexio para ensinarnos os seus compoñentes e comparalos cos actuais e cun escornabot.
Así o noso alumnado puido ver de cerca como é un ordenador por dentro.
Para saber moitas máis cousas sobre programación e sobre o traballo de Alejandra podedes escoitar o seguinte podcast no que ela responde ás preguntas de Martín, Lara e Candela.
MOITAS GRAZAS POR DEDICARNOS ESTA MAÑÁ!!
ESPERAMOS
QUE CON ACTIVIDADES COMO ESTAS AS CRIANZAS
COMPRENDAN QUE NO FUTURO PODEN SER O QUE
QUEIRAN SER.
No hay comentarios:
Publicar un comentario