Desde hai oito cursos participamos no Proxecto Radio na Biblio destinado a centros que forman parte do PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares) e grazas a este proxecto contamos cun orzamento específico para facer obradoiros de formación para o noso alumnado.

Este ano foi Pedro Iglesias o que veu a impartir o obradoiro AMBIENTACIÓN MUSICAL E SONORA PARA A RADIO E PODCAST, un obradoiro no que o alumnado de 5º e 6º de Primaria coñeceu o valor dos diferentes recursos sonoros que se poden utilizar nun programa de radio: música, efectos sonoros, silencio...
O obradoiro dividiuse en dúas sesións. Na primeira o alumnado aprendeu conceptos moi diversos:
- A voz e a diferenza entre darlle máis valor a voz (vococentrismo) ou darllo á palabra (verbocentrismo)
- O valor estrutural da música: sinfonía (para comezar e rematar un programa), ráfaga (variación da sintonía que serve para separar seccións), cortina ("tapadeira do que está pasando") ou golpe (para separar por exemplo, titulares).
- A música como contido: cando o programa radiofónico é sobre música (escoitar, analizar, entrevistas con artistas...). Dependendo do tipo de música temos diversas emisoras ou programas: Radio Clásica, Los 40, Kiss fm...
- A música como elemento narrativo: para describir ambientes ou trasladarnos a outros lugares e épocas ou para transmitir diferentes emocións ou sensacións como comprobamos escoitando a mesma escena con diferentes músicas de fondo.
- A diferenza entre son e ruído: podemos dicir que un ruído é un son que non queremos escoitar pero que se pode utilizar como efecto de son para axudar a describir un lugar (música de fondo nunha cafetería), para darlle valor expresivo (exemplo: son de campás), axudar a narración (exemplo: pasos, abrir unha porta...) ou adornar.
- A importancia do silencio como recurso expresivo para indicar calma, tensión, frases inacabadas...
Ao finalizar esta sesión, Pedro púxolles unha tarefa para o próximo día: recrear diferentes ambientes sonoros por grupos (un zoo, un estadio, unha piscina, un hospital e unha cafetería) determinando que sons se escoitan en cada ambiente, buscando os sons ou efectos en internet e creando un arquivo sonoro en Audacity.
Na segunda sesión puxemos en común os arquivos sonoros realizados polo alumnado realizando unha valoración crítica sobre os sons utilizados e posibles melloras para as seguintes creacións.
Despois Pedro fixo un exemplo práctico creando desde cero o ambiente sonoro dunha peluquería: secador, xente falando, música de fondo...
Para rematar intentaron identificar que era o que estaba pasando nun audio intentando identificar cada son ou efecto sonoro que escoitaban: pasos, unha porta, un reloxo... e ao final puideron ver a imaxe correspondente a ese arquivo sonoro que correspondía á película muda Nosferatu.
Esperamos que esta formación tan interesante repercuta positivamente
nos podcast do noso alumnado así que a partir de agora, estade atentos ás emisións de Lectuvín. Seguro que non vos defraudan!
GALERÍA DE IMAXES