viernes, 24 de octubre de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS

       O 24 de outubro é unha data moi importante para nós porque se conmemora o Día das Bibliotecas que este ano ten como lema: "Contra a desinformación: bibliotecas" coa finalidade de recoñecer o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na loita contra a desinformación a través da educación documental e da alfabetización informacional  do alumnado abordando o desenvolvemento das competencias e valores que favorezan o pensamento crítico.


   Para que ese papel das bibliotecas sexa realmente efectivo e real, comezamos facendo moitas actividades de formación de usuarios tanto en infantil como en primaria durante toda a semana para lembrar as normas da biblioteca, a CDU, a organización dos andeis, o significado das etiquetas dos libros...

   Pero como hoxe era un día de celebración, empezamos pola mañá entregando varios agasallos. Primeiro os agasallos aos nenos que participaron no Reto Lector do verán.

   Despois todo o alumnado recibiu un marcapáxinas conmemorativo do Día das Bibliotecas escrito por Moncha Prieto (autora do libro Alma de barro. Relatos da Ribeira Sacra) como agasallo para o Colectivo Lemos Le.

 O tesouro da miña avoa

  Cando entro na sección infantil dunha biblioteca, inevitablemente penso na ledicia que sentiría, nese mundo máxico, a nena que fun, a nena que non tiña libros, a nena que devecía por ler.

   A avoa non sabía escribir, tampouco ler, máis tiña un libro que a nena non descubrira. Un día, empurrada pola curiosidade, decidiu baixar á bodega, un lugar restrinxido para ela. Batéronlle os ollos cun nicho na parede de pedra. Rebuscou dentro, topou con el. Colleuno con reverencia culpable. Na portada, a foto dun home con sombreiro de ala ancha, bigote e anteface negro, o Coiote.

   Con aquela alfaia nas mans sentou enriba dun saco de carrolas e empezou a ler. Foi pasando as páxinas e, vaites! un billete de 25 pesetas agochado alí. Esfollou, foron aparecendo máis billetes de diferente valor, ata un de 500 pesetas que ela nunca vira, "o becerriño da Rubi", pensou.

   Amolada, devolveu o libro ao seu agocho. Non podía sacalo de alí. Estáballe prohibido. Aquel tesouro non era para ela. Ela o tesouro da súa avoa.

 FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario