sábado, 25 de octubre de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS - COLECTIVO LEMOS LE

    Para conmemorar o Día das Bibliotecas; o Colectivo Lemos Le do que a nosa biblioteca forma parte, volveu a organizar un xantar de confraternidade no que nos reunimos persoas de todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación da nosa comarca.

    Esta décimo primeira xuntanza celebrouse no noso Concello (Sober) baixo o lema proposto para este ano polo Ministerio de Cultura "Contra a desinformación: bibliotecas" que ten a intención de destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas na loita contra a desinformación.

   Neste xantar unímonos mestres, bibliotecarios, librarías, editores, autores, xornalistas, responsables políticos... e, ademais de pasalo ben, este momento de convivencia e diálogo fixo que xurdiran novas ideas e iniciativas para seguir fomentando a lectura e as bibliotecas. 

   A modo de recordo deste día; desde a nosa biblioteca quixemos agasallar a todos os asistentes cun chaveiro gravado coa impresora láser.


    Ao rematar a comida, tomou a palabra Toño Vidal representante do Colectivo para dar grazas a todos os asistentes ao xantar. Especialmente a Manola Porto, xornalista de Onda Cero que sempre dá visibilidade ás nosas actividades e ás das bibliotecas da comarca, a Moncha Prieto por agasallarnos cun texto inédito e a Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, por acompañarnos e apoiarnos neste xantar.

   A continuación, puidemos escoitar ao alcalde de Sober que puxo de manifesto a importancia que desde o Concello se lle dá á dinamización da cultura e ao papel da Biblioteca Pública Municipal e da biblioteca do colexio.

   Ademais, como noutras ocasións, o colectivo editou un marcapáxinas para conmemorar o Día das Bibliotecas. Este ano o texto do marcapáxinas "O tesouro da miña avoa" (enlace ao texto) foi agasallo da escritora soberina Moncha Prieto, autora do libro Alma de Barro. Relatos da Ribeira Sacra que estivo no colexio fai uns días para responder diversas preguntas do alumnado de 5º e 6º (enlace á entrevista).

 No xantar, puidemos escoitar o pequeno relato na voz de Leticia Sáez, compañeira de club de lectura da propia autora. 


   Despois foi Moncha Prieto a que compartiu con nós outro relato seu: "Libros, camelias e as rosas da avoa". Un relato autobiográfico que nos levou ás lembranzas da súa infancia e que podedes ler no seguinte enlace.


   
    Para rematar, Mayte Gómez, autora do libro Mis dos «yos», tamén quixo compartir con nós un pequeno texto que escribiu para este día.

     E para seguir loitando contra a desinformación, despois deste xantar publicamos o primeiro número do xornal Lemos Le Novas que se estrea coa seguinte noticia: "Bibliotecarios, mestres, libreiros e outros axentes culturais reúnense en Sober para conmemorar o Día das Bibliotecas"

MOITAS  GRAZAS  A TODOS  OS  QUE  NOS  ACOMPAÑASTES  NESTA XUNTANZA!!

FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!


GALERÍA  DE  IMAXES
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario