O día 24 de outubro conmemórase o Día das Bibliotecas, como este ano coincide a domingo, quixemos adiantar esta conmemoración que nesta ocasión destaca o papel das bibliotecas como espazos para LER, APRENDER e DESCUBRIR.
Nesta data abrimos oficialmente a biblioteca e comezamos levando a cabo unha formación de usuarios inicial na que recordamos aspectos básicos da organización da biblioteca como o protocolo Covid-19 e a CDU.
Para os máis cativos do cole contamos coa axuda de Caillou:
Como este ano seguimos sen poder facer a Hora de Ler na biblioteca, despois da formación de usuarios cada grupo puido escoller varios libros para encher a caixa de lectura da súa biblioteca de aula que xa contaba con algúns libros escollidos polo Equipo de Biblioteca e cos cadernos de lectura.
Outra das cousas que nos gusta moito desta data é a colaboración co Colectivo Lemos Le, xa que nos permite facer actividades conxuntas coas outras bibliotecas escolares da comarca e tamén coas Bibliotecas Públicas Municipais. Este ano editamos un punto de lectura cun texto agasallo para o colectivo da escritora Noa Moreira de A Pobra do Brollón e participamos nunha entrevista na que ela respondeu ás preguntas que lle formularon usuarios de diferentes bibliotecas.
"Cando ía facer seis anos chegou ao Cole da Pobra un director novo. Paco Castro abriunos a biblioteca do centro a tódolos nenos e nenas coma unha fiestra a outro mundo.
Recordo perfectamente que o primeiro libro que lin falaba de bonecas matrioskas que querían unha familia. E na miña memoria quedou prendido que a última boneca se chamaba Noa, a máis pequeniña, pero non era así. Seguramente soñaba con ser tamén eu unha boneca de madeira rusa.
Máis tarde, viaxei á lúa con Sabela, da man do libro A fantástica viaxe de Sabela, de Euloxio R. Ruibal, un agasallo do colexio por un conto que escribín. Fascinada é pouco con tódalos seres que habitaban un lugar que me parecía tan lonxano e tan cercano á vez e que me gustou e me deu medo ao mesmo tempo dende que era pouco máis ca un bebé.
Recordo estes dous libros como algo especial: ensináronme que os libros conteñen tódolos lugares nos que quero estar, tódalas cousas que quero saber e tódolas palabras que aínda non coñezo".
FELIZ DÍA DA BIBLIOTECA!!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario