martes, 7 de abril de 2026

QUE QUERES SER DE MAIOR, PEQUENA? As nosas ex-alumnas contan

    O martes de Pascua é festivo local en Monforte que é a cidade á que os nosos alumnos teñen que ir ao instituto. Como as nosas ex-alumnas ex-biblioaxudantes Ada, Daniela, Nayara, Lara, Candela e Antía non tiñan clase, quixeron vir a compartir con nós o libro  Que queres ser de maior, pequena? de Sabela Fernández Trelles.

     Así coñecemos á protagonista deste libro, Antía, á que non  lle gusta nada que sempre lle pregunten que quere ser de maior; e, aínda menos, que os seus pais contesten: «Serás unha gran doutora, como a túa nai; ou unha gran panadeira, seguindo a tradición familiar!»

    Ela ten moi claro á que lle gustaría dedicarse xa que hai seis oficios nos que pensa que sería moi boa. A primeira opción é ser coidadora de vacas voadoras que non é que non existan, senón que ninguén as coñece porque son tan áxiles que ata poden surfear na praia de A Coruña.

    A seguinte opción é coleccionista de bicos que, aínda que o pareza, non é nada sinxelo coleccionar bicos e gardalos no corazón: BEIXICLÍN!


     Tampouco estaría nada mal ser escultora de nubes e ir cambiando a súa forma, lectora de desexos para coñecer as ansias de cada un ou domadora de unicornios que non son tan doces como parecen.


     E nun lugar como a biblioteca, a quen non lle gustaría ser gardiá de historias? Das escritas ou das que conta a xente maior, de aventuras, de mariñeiros ou doutras que aínda están por contar.

   E xa non vos contamos máis... se queredes saber que vai ser Antía de maior e coñecer o resto desta historia, podedes facelo no seguinte podcast que nos deixaron en Radiuvín.

  

MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  COMPARTIR  ESTA  LECTURA, DEDICÁNDONOS  O  VOSO  ÚLTIMO  DÍA  DE  VACACIÓNS!!

OXALÁ  QUE  DE  MAIORES  POIDADES  SER  O  QUE  QUEIRADES  SER!!