O martes de Pascua é festivo local en Monforte que é a cidade á que os nosos alumnos teñen que ir ao instituto. Como as nosas ex-alumnas ex-biblioaxudantes Ada, Daniela, Nayara, Lara, Candela e Antía non tiñan clase, quixeron vir a compartir con nós o libro Que queres ser de maior, pequena? de Sabela Fernández Trelles.
Así coñecemos á protagonista deste libro, Antía, á que non lle gusta nada que sempre lle pregunten que quere ser de maior; e, aínda menos, que os seus pais contesten: «Serás unha gran doutora, como a túa nai; ou unha gran panadeira, seguindo a tradición familiar!».
Ela ten moi claro á que lle gustaría dedicarse xa que hai seis oficios nos que pensa que sería moi boa. A primeira opción é ser coidadora de vacas voadoras que non é que non existan, senón que ninguén as coñece porque son tan áxiles que ata poden surfear na praia de A Coruña.
A seguinte opción é coleccionista de bicos que, aínda que o pareza, non é nada sinxelo coleccionar bicos e gardalos no corazón: BEIXICLÍN!
Tampouco estaría nada mal ser escultora de nubes e ir cambiando a súa forma, lectora de desexos para coñecer as ansias de cada un ou domadora de unicornios que non son tan doces como parecen.
E nun lugar como a biblioteca, a quen non lle gustaría ser gardiá de historias? Das escritas ou das que conta a xente maior, de aventuras, de mariñeiros ou doutras que aínda están por contar.
E xa non vos contamos máis... se queredes saber que vai ser Antía de maior e coñecer o resto desta historia, podedes facelo no seguinte podcast que nos deixaron en Radiuvín.
MOITAS GRAZAS POR VIR A COMPARTIR ESTA LECTURA, DEDICÁNDONOS O VOSO ÚLTIMO DÍA DE VACACIÓNS!!
OXALÁ QUE DE MAIORES POIDADES SER O QUE QUEIRADES SER!!

.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
No hay comentarios:
Publicar un comentario