miércoles, 10 de junio de 2026

DESPEDIDA JULIA

      Hai despedidas que non marcan un final, senón a celebración dun camiño compartido; e iso é o que nos pasou coa despedida de Julia Fernández, a bibliotecaria municipal do noso concello. 

   Desde o cole quixemos renderlle unha pequena homenaxe por ser unha persoa moi especial para a nosa comunidade lectora xa que tras anos de dedicación á biblioteca municipal e de colaboración constante co noso centro, chegou o momento da súa xubilación.

     Ela acompañounos en innumerables actividades de animación á lectura e á escritura e compartiu con nós coñecementos, ilusión e proxectos. Ademais, foi fundadora e integrante do noso club de lectura, contribuíndo a crear ese espazo de encontro onde os libros nos unen e nos fan medrar.

      No seu último día no club de lectura, o alumnado quixo agradecerlle todo o recibido formando un corredor de aplausos que encheu de emoción a despedida. Entre sorrisos, apertas e algún que outro ollo brillante, fixémoslle entrega dun pequeno agasallo cargado de gratitude e cariño.

 

     As bibliotecas están feitas de libros, pero sobre todo de persoas. Grazas por formar parte da nosa historia e por axudarnos a escribir tantas páxinas fermosas. Desexámosche unha nova etapa chea de lecturas, proxectos e momentos felices. 

AS  PORTAS  DA  NOSA  BIBLIOTECA  ESTARÁN  SEMPRE  ABERTAS  PARA  TI!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario