viernes, 25 de septiembre de 2026

DA ESCOLA Á GRANXA: Casa Benito

    O xoves e o venres, o alumnado de Educación Primaria foi de excursión á granxa escola «Casa Benito» no Incio. Unha excursión organizada e financiada pola ANPA a través do programa «Da escola á granxa» da Deputación de Lugo.


    Esta granxa é unha casa de labranza familiar que mantén colmeas en alvarizas tradicionais dos soutos do Incio e produce mel ecolóxico de castiñeiro, silvas e flores. Ademais cría gando en extensivo.


     Durante a visita, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer as distintas instalacións e explotacións da granxa, achegarse ás vacas e aos burros, descubrir como obteñen os silos para alimentar aos animais, coñecer un forno tradicional empregado para a obtención de cal e aprender, de primeira man, como é o día a día nunha explotación gandeira.



  Tras coñecer as instalacións, fixeron un descanso no que as propietarias da granxa os convidaron a un delicioso xantar con biscoito caseiro e leite. Tamén tiveron a oportunidade de degustar dous tipos de mel elaborados na propia granxa (un de flores silvestres e outro de castiñeiro) e de probar o pole que as propietarias conservan previamente conxelado antes do seu consumo.



    A continuación, explicáronlles os utensilios e aparellos que empregan para a obtención do mel, os diferentes tipos de abellas que existen e todo o proceso que levan a cabo para elaborar o seu mel ecolóxico.



   Unha das actividades que máis lles gustou foi o obradoiro de elaboración de velas. Cada neno e nena puido crear a súa propia vela utilizando un triángulo de cera das abellas da granxa e un cordel. Unindo ambos elementos e xirando pouco a pouco a cera, conseguiron dar forma ás súas propias creacións.

    Para completar a experiencia, a propietaria da granxa fíxolles unha demostración de como se elaboran as velas con cera quente, quentándoa en cazos de ferro e verténdoa posteriormente en moldes de silicona. Desta maneira, o alumnado puido coñecer diferentes técnicas tradicionais de elaboración de velas a partir da cera das abellas.


    Foi unha xornada moi especial na que o alumnado aprendeu, experimentou e descubriu de primeira man o traballo que se realiza nunha granxa e o marabilloso mundo das abellas. Sobre todo, pasárono moi ben e gozaron moito de todas as actividades, levando consigo novos coñecementos, experiencias e un bonito recordo desta visita que incluía o libro de Os Bolechas: Da escola á granxa.


    QUEREMOS  AGRADECER  ÁS  PROPIETARIAS  DE  "CASA  BENITO"  A  SÚA  AMABILIDADE, ATENCIÓN  E  DEDICACIÓN  DURANTE  TODA  A  XORNADA

    TAMÉN  LLE  DAMOS  ÁS  GRAZAS  Á  ANPA  POLA  ORGANIZACIÓN  DESTA  ACTIVIDADE.



GALERÍA  DE  IMAXES



No hay comentarios:

Publicar un comentario