jueves, 29 de febrero de 2024

CLUB DE LECTURA (9 / 2023 - 2024)

 Hoxe é a última sesión que dedicaremos ao libro O neno de lume de Ledicia Costas.

 

   Nesta xuntanza falamos moito sobre o final do libro pero tamén sobre as emocións e a importancia de controlalas partindo de dous fragmentos do libro:

 "A nena agachouse para coller outra pedra do chan e entón Morgan sentiu que os seus ollos se incendiaban. Non había volta atrás. Non sabía como deter aquilo. Nese momento non podía, era como se a súa rabia tivese vida propia" (Páxina 102)

"Quixo aguantar as bágoas, e iso provocou que lle doese moito a garganta, como se lle estivesen cravando alfinetes.

- Non as tragues - suxeriulle Anna-. Eu fíxeno unha vez e tiven unha indixestión tremenda. A miña barriga inchouse coma un globo por mor das bágoas e tardou días en recuperar o seu tamaño normal" (Páxina 131)

      Debemos deixar saír as nosas emocións? Que podo facer se me sinto superado por unha emoción? Cales son as emocións "malas" e cales as "boas"?


  Tamén falamos sobre os tipos de narradores que existen xa que nalgúns pasaxes da lectura, atopámonos cun narrador en 2ª persoa que fala como se se dirixise directamente aos que estamos lendo:

"E ti, que pensas? Si, ti, a persoa que está lendo esta historia. Cres que Anna inventaba todas aquelas cousas ou que había algo de verdade?" (Páxina 85)

"Imaxino que tes curiosidade por saber que foi o que atopou Morgan máis alá da néboa." (Páxina 135)

  

    Ademais Julia e Dunia trouxeron unhas imaxes duns reloxos como os que nomea Culpepper, parecidos a reloxos de cuco pero que indican o tempo que vai facer e explicáronnos como funcionan

   Despois quixemos facer como os protagonistas da historia: comer un anaco de red velvet no salón da casa de Culpepper aínda que a tarta non era tan red senón que quedou un pouco pink, e o salón da casa cambiámolo pola biblioteca do colexio.

 
   E se vos estades preguntando de onde saíu esta tarta, pois contarvos que a fixeron algúns membros do club o día anterior:
 
-  Primeiro houbo que facer o biscoito con colorante vermello, esperar a que enfriara e cortalo a metade.
 

- Despois houbo que mollar o biscoito cun almibre feito con agua e azucre. Para este proceso fixeron buratos na tapa dunha botella de auga.

 

- Unha vez que o biscoito estivo mollado, prepararon a crema pasteleira para o recheo e tapárono.

- Para finalizar montaron clara de ovo a punto de neve cun pouco azucre para decorar.


- E listo! Así quedou a nosa versión da red velvet apta para intolerantes á lactosa!!


   Unha tarta moi saborosa que desfrutamos no remate da sesión mentres resolvíamos a actividade pendente da sesión anterior, lembrades? Cada un tiña que pensar nun apodo que o definise e deixalo dobrado na mesa e os demáis tratar de adiviñar a quen correspondía cada un.
 
   Así, entre bocado e bocado, enterámonos de quen eran Lady Tallarín, Cabezanube, Dona Rateira, Avalancha, Dona Perfeccionista, Aracnofóbica, Don Comillón...  Unha actividade moi divertida que nos deixou moi bo sabor de boca e con ganas de que chegue a próxima sesión!!
 

miércoles, 28 de febrero de 2024

DÍA DE ROSALÍA - 2024

   O 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía de Castro porque é o aniversario do seu nacemento.


   Este ano a AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) mandou aos centros de ensino unha proposta que consistía en ilustrar uns versos de Rosalía de Castro e despois elaborar un collage con eles. Nós fixemos unha variación e cambiamos o collage por uns pequenos vídeos.  Esperamos que vos gusten!!

 

 

    Ademais das ilustracións tamén fixemos un certame de investigación no que o alumnado de primaria tiña que investigar sobre a biografía e as obras de Rosalía de Castro e cubrir unhas fichas elaboradas por varios centros educativos de A Coruña que eles mesmos compartiron con nós a través do e-mail.

    Hoxe despois do visionado das montaxes dos videopoemas, entregamos os agasallos ao alumnado que participou neste certame porque o fixo moi ben!!

 
 

FELIZ  DÍA  DE  ROSALÍA!!


martes, 27 de febrero de 2024

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Aldán

   Hoxe estiveron na biblioteca Aldán e a súa nai Tamara para compartir con nós o libro Alicia y el cerebro maravilloso escrito por Nazareth Castellanos.

     Á nai de Alicia encántalle ler libros sobre o funcionamento do corpo humano pero a Alicia resúltalle aburrido porque hai moitas palabras difíciles e non entende nada; aínda que todo cambia cando coñece á Coneja Cajal e ao seu espello máxico co que pode ver o que hai dentro do seu corpo.



  O primeiro que viu foi unha noz xigante que resultou ser o seu cerebro. Sobre el descubriu moitas cousas que non sabía: pesa máis de un quilo e medio, encárgase de procesar toda a información, é o órgano máis comellón e comunica todo o corpo formando un precioso bosque de neuronas ao que hai que coidar.


   Alicia tamén coñeceu á eiruga xardineira que lle ensinou a ler e lle explicou que cada vez que aprendemos algo as ramas das árbores dos nosos bosques de neuronas medran e enlázanse entre si facendo o bosque moito máis fermoso.


     A continuación coñeceu a uns xemelgos que a levaron á zona da memoria onde se atoparon cun cabaliño de mar moi especial que nos axuda a lembrar un montón de cousas.

    A seguinte parada nesta viaxe polo cerebro foi nunha améndoa (amígdala) que medra con sentimentos como a rabia ou a tristeza mentres que cando te sintes ben volve ao seu tamaño normal. Esta améndoa é a encargada das emocións.

    Outro personaxe que coñeceu Alicia foi a Raíña de corazóns, chamada tamén Atención. Ela pode facer que só vexas unha cousa e as outras desaparezan; pero como isto era un pouco difícil para Alicia e a súa améndoa estaba comezando a crecer outra vez, a Raíña levouna cos seus trompetistas para que aprendese a respirar e relaxarse: inspirar, expirar, inspirar, expirar...

  E así, pouco a pouco, Alicia coñeceu como funciona o cerebo dunha persoa. Se vós queredes saber todo o que a Coella Cajal lle ensinou, podedes escoitar o seguinte podcast onde Tamara e Aldán nos deixaron gravado o libro.
 
 
MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A CONTARNOS  ESTE  LIBRO  E  POR  TODO  O  QUE  TRABALLASTES  PARA  FACER  OS  TÍTERES  DOS  PROTAGONISTAS!
 


jueves, 22 de febrero de 2024

PROXECTO "OS PINGÜÍNS" (II)


 
 As crianzas continuaron aprendendo cousiñas sobre os pingüíns, e agora tocaba o turno de coñecer o seu corpo, ver que partes tiñan estes animais, se eran iguais que as que tiñan eles...


   Comezaron facendo un pingüín ben grande entre todos, ao que logo lle poñerían os letreiros coas partes do ser corpo.
 

   Unha vez que xa tiñan moi claro as partes do corpo dos pingüíns, fixeron uns ben chulos con plastilina.
 
 
Descubriron que as pegadas que deixan os pingüíns son moi diferentes das súas.


E finalmente animáronse a "crear" un pingüín con figuras xeométricas na mesa de luz.



 Mirade que orixinal quedou! 


miércoles, 21 de febrero de 2024

CLUB DE LECTURA (8 / 2023 - 2024)

 Continuamos coa lectura do libro O neno de lume de Ledicia Costas, que segundo nos din a maioría dos participantes se está poñendo moi interesante...

   Comezamos a sesión falando de Iván R., o ilustrador do libro. Para isto Julia e Dunia prepararon unha exposición baseada na entrevista que lle fixo Daniel Portela: Ilustrar contrarreloxo. Detrás do traballo de Iván R. para "O neno de lume" e a través desta exposición puidemos entender mellor o seu traballo e ver os bosquexos dalgunhas ilustracións .


    En canto a lectura, segue chamando moito a atención o personaxe de Anna; por un lado a importancia da amizade e de como ela cre todo o que Morgan lle di e non dubida en axudalo e, por outro lado, porque canto máis avanza a lectura máis nos decatamos do pobre que é; se na reunión anterior falamos de pobreza, nesta falamos de indixencia. Que diferencia hai entre pobreza e indixencia?

   Co fragmento de lectura que tiñamos pendente para hoxe, tamén coñecemos á banda dos Mudlarks e aos seus compoñentes cada un cun alcume identificativo (Pés de Queixo, Míster Feluxe, Lady Sambesuga, Nena Morcego...) e reflexionamos sobre o uso de alcumes que poden ser cariñosos e afectusosos ou despectivos e pexorativos, que pensamos sobre eles?

  A partir desta reflexión deixamos unha actividade pendente para o próximo día: pensar nun alcume que nos podería identificar e escribilo nun papel dobrado para na seguinte sesión tentar adiviñar a quen pertence cada alcume. A ver que sae...


PLAN DIRECTOR - Curso 2023 - 2024

     Dentro do PLAN  DIRECTOR  PARA  A  CONVIVENCIA  E  A MELLORA  DE  SEGURIDADE  NOS  CENTROS  EDUCATIVOS  E  NOS  SEUS  CONTORNOS, contamos no centro coa presenza de Ramón Peña Pérez, membro da Garda Civil experto nos riscos de seguridade asociados ás novas tecnoloxías e ao uso de redes sociais.


   Durante esta sesión tratáronse temas importantes para o alumnado xa que, queiramos ou non, internet e plataformas como wassapp, youtube, tiktok... están presentes na súa vida diaria.
 

   Ademais de falar sobre o bo uso desas plataformas tamén falamos de cyberbulling, grooming, roubo de datos persoais, estafas, xogos en rede e da importancia de manter unha boa seguridade nas nosas redes sociais utilizando métodos como a dobre autentificación que se poden activar facilmente desde axustes e nos dan un extra de seguridade se nos chegan a hackear o contrasinal.


  Outros dous aspectos nos que Ramón fixo fincapé foi en evitar dar datos persoais nos nosos perfís públicos (ano de nacemento, gustos, lugar de residencia...) e non aceptar solicitudes de persoas que non coñezamos físicamente.

    Se queredes saber máis de todo o que falamos hoxe,  podedes escoitar a entrevista que lle fixeron Germáne e Carlota en Radiuvín.

   Para rematar queremos dar as grazas a Ramón Peña e a este plan da Garda Civil que tan necesario nos parece e ante calquera problema que teñades, FALADE CUN ADULTO.